Prognósticos para 2014

Un ano para as definicións

A afirmación das principais tendencias e exploracións na evolución das relacións internacionais en 2013 ofrece un primeiro balance xeopolítico que debe acentuarse  ao longo de 2014. Será este un ano de grandes definicións. Nese sentido, a maior expectativa cabe referila a Rusia, quen deberá acreditar a non transitoriedade dos “méritos” evidenciados na xestión de diversas crises recentes (Siria, Irán, Snowden) para determinar se, como afirma Putin, ten non só vocación senón tamén condicións para se afirmar como o terceiro gran piar da orde mundial que debe seguir á fin da posguerrafría. Os dous grandes escenarios principais dese hipotético rexurdir ruso apuntan a Asia central e a Europa non comunitaria, moi especialmente Ucraína, partida en dous nas súas preferencias xeopolíticas, e onde deberá competir en influencia cos países occidentais pero tamén con China, moi presente en Asia Central e cun desembarco significativo no conxunto dos PECO (Países de Europa Central e Oriental). Outra medida do seu novo estatus tralas dúas décadas de prostración a seguir da liquidación da URSS, virá determinada pola capacidade para xestionar os novos espazos de oportunidade que vai deixando unha diplomacia estadounidense que vira a marchas forzadas cara Asia, moi especialmente en Oriente Medio.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

A afirmación das principais tendencias e exploracións na evolución das relacións internacionais en 2013 ofrece un primeiro balance xeopolítico que debe acentuarse  ao longo de 2014. Será este un ano de grandes definicións. Nese sentido, a maior expectativa cabe referila a Rusia, quen deberá acreditar a non transitoriedade dos “méritos” evidenciados na xestión de diversas crises recentes (Siria, Irán, Snowden) para determinar se, como afirma Putin, ten non só vocación senón tamén condicións para se afirmar como o terceiro gran piar da orde mundial que debe seguir á fin da posguerrafría. Os dous grandes escenarios principais dese hipotético rexurdir ruso apuntan a Asia central e a Europa non comunitaria, moi especialmente Ucraína, partida en dous nas súas preferencias xeopolíticas, e onde deberá competir en influencia cos países occidentais pero tamén con China, moi presente en Asia Central e cun desembarco significativo no conxunto dos PECO (Países de Europa Central e Oriental). Outra medida do seu novo estatus tralas dúas décadas de prostración a seguir da liquidación da URSS, virá determinada pola capacidade para xestionar os novos espazos de oportunidade que vai deixando unha diplomacia estadounidense que vira a marchas forzadas cara Asia, moi especialmente en Oriente Medio.

Rusia, dixo Putin na súa mensaxe anual, aspira a converterse nun líder global, ambicionando atoparse entre os países que dan forma á orde mundial. O gasto en defensa na próxima década, anunciou, chegaría a 23 billóns de rublos (705.000 millóns de dólares), deixando entrever cal será a punta de lanza da súa estratexia. Pero o requisito esencial para logralo reside, non obstante, en ter claro o papel a desempeñar e qué prioridades pretende desenvolver, algo que moitos observadores dubidan a propósito da estratexia do Kremlin, tantas veces navegando nun mar de ambigüidades ao que agora pretende opoñer un sistema de conceptos opostos aos que viñeron dominando o panorama mundial ata 2013.

Non cabe esperar grandes sobresaltos na economía estadounidense, como tampouco na europea. O mundo máis desenvolvido seguirá instalado no estancamento con expectativas fomentadas mediaticamente que espertan ilusións de mellora que non chegan a confirmarse doadamente mentres a ola de neoliberalismo triunfante segue a debilitar o poder dos Estados a favor dos mercados e das grandes corporacións transnacionais e en detrimento das arelas das maiorías sociais, abocadas a un agravamento incesante das desigualdades. En Europa, os efectos políticos dese proceso de destrución do ideario que deu sentido ao proxecto continental se verá reflectido nas eleccións ao Parlamento de Estrasburgo, cunha probable exacerbación das tendencias xenófobas e populistas. O decaemento da idea de Europa propiciará o fortalecemento no seu seo das vellas potencias, especialmente Alemaña e Reino Unido, con estratexias particulares cada vez máis acentuadas, e a intensificación dos debates identitarios.

O mundo pasa por Asia

Asia seguirá acentuando a súa importancia global con dous grandes referentes e unha destacada incógnita respecto á evolución das tensións manifestadas nos últimos tempos. China deberá implementar as reformas socioeconómicas aprobadas en novembro pasado co dobre reto de satisfacer as demandas sociais dun maior benestar e reestruturar a súa economía a partires da innovación. A maquinaria partidaria e gobernamental está en marcha, pero as resistencias non son menores. China precisa manter en toda a década un crecemento por riba do 7 por cento para lograr duplicar en 2020 as cifras do PIB e PIB per capita de 2010. Os salarios están progresando a unha media anual por riba do 13% e o consumo está a desempeñar un papel cada vez maior no crecemento económico, moi dependente aínda dos investimentos. Pola súa banda, Xapón, cunha política económica baseada nas receitas liberais do seu presidente Shinzo Abe, ofrecerá un primeiro balance de resultados. Non obstante, as principais miradas centraranse na evolución política interna, nos contornos da remilitarización en curso e na reforma constitucional tendente a facer de Xapón un país “normal”, abolindo o pacifismo imposto trala II Guerra Mundial. As tensións entre China e Xapón, agravadas en 2013 por mor do diferendo das illas Diaoyu/Senkaku, poderían intensificarse. Outro tanto poderiamos dicir das diferenzas no Mar de China meridional, especialmente con Filipinas.

China precisa moderar as tensións cos seus veciños e esta será unha das prioridades da súa política exterior. Non obstante, a evolución vai depender en gran medida da capacidade de Beijing e Washington de establecer un entendemento que evite a colisión dos seus respectivos intereses na rexión. O futuro das relacións internacionais pasa por Asia e polo signo da relación sino-estadounidense. O anunciado regreso de EUA a Asia-Pacífico desenvólvese en parello ao aumento dos riscos de polarización xeoeconómica (con dous bloques, TPP fronte a RCEP, liderados cadanseu por Washington e Beijing) e estratéxica, con serios deficits de comunicación e confianza como constatamos na crise suscitada pola aprobación por parte de China do establecemento dunha ZIDA (Zona de Identificación de Defensa Aérea) na zona do Mar de China oriental.

América Latina estará pendente das eleccións presidenciais en Brasil (en outubro), pero tamén dos procesos electorais que discurrirán en países como Costa Rica (lexislativas e presidenciais en febreiro); Ecuador (municipais en febreiro); O Salvador (presidenciais en febreiro); Colombia (eleccións lexislativas e presidenciais en maio); Uruguai (primarias en xullo e presidenciais en outubro); e Bolivia (presidenciais en decembro). No seu conxunto, a rexión confía en manter os niveis de crecemento, en grande medida grazas ao tirón importador e inversor chinés, mentres discurren en paralelo os procesos de autoafirmación como suxeito autonómo global e os diversos mecanismos de integración que poderían visibilizar liderados diversos e quizais complementarios.

As economías africanas, pola súa banda, esperan afianzar o momento de despegue. As previsións do FMI sinalan que, xunto con Asia, protagonizará as segundas mellores taxas de crecemento económico mundial, alentando con ese esforzo un importante reequilibrio do inmenso foxo que aínda a separa do mundo máis desenvolvido. Despois dun severo estancamento nos últimos trinta anos, a recente década ten representado unha enorme oportunidade para saír do subdesenvolvemento. Nese periodo, a renda per cápita medrou ata un 40% en toda a África subsahariana.

Os puntos quentes da axenda internacional

A expensas dos últimos flocos da primavera árabe, no conflito sirio haberá que agardar ao 22 de xaneiro, a Xenebra II, para determinar se é posible encamiñar unha solucion política á crise. A día de hoxe, as principais potencias ansían unha solución pacífica, en parte polo temor dunha ameaza crecente dos yihadistas, considerada maior que a representada polo propio goberno sirio. Na fronte iraniana, tralo acordo con Teherán para deter o enriquecemento de uranio por riba do 5 por cento e eliminar as súas reservas de uranio enriquecido a case o 20 por cento, as negociacións deben proseguir preservando o dereito de Irán ao acceso á enerxía nuclear con fins pacíficos. O acordo pode modificar as coordenadas xeopolíticas da rexión, afectando maiormente aos aliados tradicionais de EUA (Israel, Arabia Saudita e Exipto) que poderían redefinir o seu papel na zona, ao igual que Turquía. No que se refire a Corea do Norte, trala fulminante execución do numero dous do réxime, Chang Song-thaek, ábrese un periodo de incerteza e especulación respecto da estabilidade en Pyongyang e na península. A situación en Afganistán e Paquistán pode dar lugar a sobresaltos.

En suma, asistiremos a un reposicionamento xeopolítico global que afectará ás dinámicas das grandes potencias pero tamén ás potencias medias, con xiros en mais dun caso sorprendentes que evidenciarán con maior clareza os novos rumbos predominantes na política internacional.