Perú bule a cinco días das eleccións. Sobre un Fujimori, que ten o aparato do Estado ao seu servicio, renóvanse diariamente as acusacións de fraude. Sucédense os cuestionamentos por parte da Asociación Civil Transparencia, da Comisión Cárter, da Organización de Estados Americanos (OEA)…, quen, de continuar as irregularidades, ameaza con retirarse do proceso electoral. Diante do empurre do Alejandro Toledo, Fujimori multiplícase ata a saciedade nos espacios televisivos. Ven de contratar a unha prestixiosa consultora española, experta en procesos electorais que levou á presidencia a Aznar, Felipe González, Pastrana, Banzer etc, por uns honorarios cifrados en centos de millóns de pesetas, para que lle resolva a contenda na primeira rolda ante o perigo que supón un medrado fenómeno Toledo na segunda volta.
Nos 179 anos de existencia da República de Perú endexamais un "cholo" acadou a Presidencia do país. Alejandro Toledo sitúase entre 7 e 20 puntos por baixo de Alberto Fujimori, segundo as diferentes enquisas, pero a súa estrela emerxente está a ilusionar a un desleigado movemento indíxena en pleno rexurdimento ao longo de toda Iberoamérica.
O vocábulo "cholo" que agora é exhibido con orgullo, ata hai ven pouco era agachado nun patente exercicio de autoodio, dentro dunha sociedade peruana onde só resplandecía o espellismo occidentalizante. Na que lle rexeitaba a entrada aos lugares capitaliños de elite a aqueles que se presentasen con vestimentas ao estilo tradicional indio. Baixo este termo só adoitan identificarse aqueles que descenden do sangue indio, e Toledo insiste en reclamar para si o alcume de Cholo. "Agora vexo que o odio cara a nos mesmos estase a desvanecer. Logo de moitos anos de servilismo, finalmente facémonos unha pregunta importante. ¿Como se atreven a menosprezarnos se estamos orgullosos da nosa cultura?
Non é precisamente A. Toledo un líder emerxido do interior dun reivindicativo movemento indixenista, senón un fenómeno de trasversalidade simbiótica. Entre tradición e modernidade, entre pasado e futuro, entre vestimentas e idiomas paleoincas e educación occidental barnizada de liberalismo e novas tecnoloxías.
Provén dunha humilde familia que, aló por 1953, deixou a súa pequena vila do interior para trasladarse á unha cidade costa central cos seus 16 fillos. Inicialmente gañou os seus primeiros cartos de limpabotas e adquiriu a súa primeira educación xa ao estilo occidental.
A súa vida está marcada por unha enorme forza de vontade e por máxicos golpes de fortuna. Como premio a un concurso gañou praza nun xornal da capital limeña. Unha beca en San Francisco foi a súa segunda transcendental conquista. Completou a súa ascensión formativa cun curso Stanford, onde se doutorou en Educación para o desenvolvemento. Alí coñecería a súa muller Eliannen Karp, quen carece da etiqueta de denominación de orixe chola, mais fala perfectamente quechua e gusta investigar nas culturas indíxenas. A súa graduación en Harvard serviulle de pasaporte para adquirir a condición de funcionario do Banco Mundial e afondou nas súas conviccións liberais.
Cando se dirixe aos indíxenas non lles oferta subvencións para saír do atraso, nin a protección social do estado, senón que alimenta os seu espírito indio para dicirlles que non se resignen a unha indigna existencia de mendigos que demandan permanentemente esmola, senón que esixan traballos honestos.
Este "Cholo" chamado Alejandro Toledo, de formas marcadamente populistas, de manifestas conviccións democráticas e de confeso fervor pola doutrina do libre mercado é a principal causa da preocupación do actual presidente de orixe asiática, que chegara ao poder 1990, logo de derrotar a Mario Vargas Llosa. En 1992 dera un autogolpe "Fujimorazo", co apoio do exército e disolveu o parlamento. O seu segundo rival tamén foi de enorme talla, neste caso política, o ex- secretario xeral da ONU, Javier Pérez de Cuellar, mais tamén este resultou vencido nun proceso electoral no que xa apareceron as primeiras sobras de fraude.
Neste terceiro proceso, de cuestionable lexitimidade, acumúlanse as denuncias e críticas que fustigan sen piedade a Fujimori, tanto en xornais de Perú coma na prensa internacional.
Uns utilizan a ironía como o director do opositor xornal Liberación no que desconcertantemente se alenta a votar a favor de Fujimori. "Para que sigamos sen tribunal constitucional, para que continuemos sen poder xudicial independente, para permanezamos sen fiscal xeral da nación, para que persistamos sen organismos electorais autónomos…
Outros como "La república" enchen páxinas e páxinas coas moreas de denuncias que reciben sobre utilización de avións oficiais ao servicio partidario, despedimentos de traballadores oficiais que se negan a facer campaña por Fujimori, comidas a asistentes a mítines a cargo dos programas oficiais, sinaturas falsificadas, da utilización do SIN (Servicio de Intelixencia Nacional), para contratar por 3 millóns de dólares á empresa de campaña de Fujimori, para facer seguimentos intimidatorios á candidatos da oposición, para pagar o fondo de reptís a xornalistas implicados nas campañas de descreto dos opositores, ou para amañar controlar informáticamente o reconto e adulterar os resultados… As denuncias son interminables.
Fujimori móstrase desafiante con todos os que cuestionan a limpeza das eleccións. Exhibe os seus éxitos na estabilizador da economía e como anxo exterminador das guerrillas Tupac Amaru e Sendero Luminoso. Non pensa atender os reclamos da OEA, do Parlamento Europeo, do Centro Cárter, da federación Internacional de Dereitos Humanos, da LASA (Latín Américan Studies Associatión), que insisten na gravidade das irregularidades. Ten o propósito de rematar co proceso electoral nunha primeira rolda. Nunha segunda volta, cunha medrante oposición unida e co ollo da presión internacional sobre Perú, o resultado sería demasiado incerto como para correr riscos.
Todos os ingredientes están xa no cocido electoral, pero cada vez son máis os que aseguran sentir o penetrante fedor do pucheirazo.
Lino Pellitero é membro do IGADI.
Enlaces relacionados:
Candidatura Perú Posible
Eleccións transparentes
Eleccións sitio oficial
Goberno de Perú