Un Congreso de complexidades

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego

O esperado VI Congreso do Partido Comunista de Cuba (PCC), a celebrarse entre o 16 e 19 de abril, dificilmente abrirá o camiño dunha reforma política gradual na illa caribeña, caso contrario do escenario económico, determinado pola magnitude da apertura iniciada polo presidente Raúl Castro a finais de 2010 e a urxencia de reformas para paliar o difícil momento económico e social que vive actualmente Cuba.

Para afianzar o carácter histórico e simbólico do actual escenario, o VI Congreso do PCC coincide co 50º aniversario da fracasada invasión estadounidense e do exilio cubano en Baía de Cochinos, un acontecemento constantemente glorificado polo réxime cubano debido a que reforzou a lexitimidade do seu proceso revolucionario socialista iniciado dous anos antes. Paralelamente, este é o primeiro congreso sen a presenza de Fidel Castro como máxima autoridade política, concentrando así a atención no papel protagónico do seu irmán Raúl.

Pero o momento actual define un escenario marcado polas complexidades internas do modelo socialista cubano. A aplicación das reformas económicas oriéntanse en propiciar a apertura a 171.000 licenzas de emprego “por conta propia”, recadación tributaria incluída, e a redución de .000 empregos públicos para este ano, ata completar un total de 1,3 millóns a mediano prazo, medidas orientadas a diminuír o peso do gasto burocrático no déficit público. Para 2015, o goberno cubano espera que o 50% da forza laboral estea asentada no sector privado. Estas medidas económicas están recollidas no “Proxecto de Liñamentos da Política Económica e Social”, documento base do PCC que está sendo sometido a debate cidadán a través de miles de asembleas populares a nivel nacional.

A adopción do dólar como moeda corrente, a posibilidade de eliminación gradual de subsidios estatais como a libreta de racionamento, e a recepción de investimentos estranxeiros en sectores como o turístico, petroleiro e das industrias exportadoras cubanas (biotecnoloxía e níquel), son outros aspectos a tomar en conta dentro das reformas económicas, e que moi probablemente serán oficializadas neste congreso.

Resta observar qué medidas se adoptarán para paliar a crise no campo cubano, desprovisto da tecnoloxía necesaria para incrementar a súa produción e que probablemente deberá abrirse cara unha gradual proceso de privatización rural e de recepción de investimentos estranxeiros. Aquí compre observar a relevancia do modelo chinés aparentemente preferido por Raúl Castro.

Velaí que o VI Congreso do PCC medirá institucionalmente o curso económico das reformas adoptadas por Raúl, pero aparentemente con escasas perspectivas de dar paso a un amplo relevo xeracional na cúpula do partido gobernante, cuxa capacidade de mobilización popular ven sendo contrastada nos últimos tempos por novos actores sociais e políticos internos, non exactamente focalizados na disidencia cubana. Non obstante, un aspecto esencial deste congreso estará enfocado na elección do Segundo Secretario do PCC, en particular porque pode albiscar as perspectivas dun liderado a futuro na Cuba post-castrista.

O momento político ven tamén precedido polas negociacións entre Raúl e a Igrexa católica cubana para a liberalización de presos políticos, un aspecto aperturista correspondido pola recente visita á illa caribeña do ex presidente estadounidense Jimmy Carter, enmarcada nun momento de tensión entre A Habana e Washington polo xuízo contra o contratista Alan Gross. Esta cidadán estadounidense foi detido en Cuba en 2009, sendo acusado polas autoridades cubanas de presuntos “delictos contra a seguridade do Estado” a través da distribución ilegal de equipos de comunicación satelital baixo o paraugas da Axencia Estadounidense para o Desenvolvemento Internacional (USAID).

Alén da retórica oficial e do momento de “rectificación de erros”, Raúl afianzará o seu liderado neste congreso, probablemente asentado por unha “vella garda” do PCC que irase desprazando progresivamente “por lei de vida”, como argumentou recentemente o propio presidente cubano. Pero as incertezas, as complexidades internas motivadas polas reformas do modelo económico e unha sutil sensación de indefinición sobre o curso destas reformas, dominan o debate deste VI Congreso do PCC.