karol wojtyla

Un contrapunto para Wojtyla

 Clic para aumentar
Defensor sen reparos da vida, a Igrexa de Wojtyla, inflexible ante o aborto, o uso de anticonceptivos ou a eutanasia, preocupouse moi pouco das vítimas das guerras. Condenou a de Iraq coa boca pequena, mentres abrazaba en privado aos enviados de Bush, privándonos aos outros defensores da vida dunha amoestación igual de contundente como a exhibida fronte a Ernesto Cardenal polo seu compromiso co sandinismo. Demasiado comprensivo cos poderosos, as súas bravatas morais adoeceron de inconsistencia e parcialidade. Non foi un Papa ecuánime, senón unha voz do seu tempo, comprometida de mais cunha cara da moeda, a versión eclesiástica do neoliberalismo. Respectable, pero difícil de compartir.
 

Karol Wojtyla non foi un Papa calquera, diso non cabe a menor dúbida. Que un polaco fose elixido Papa nun momento en que o réxime de Varsovia abaneaba, unha vez máis pola acción das protestas obreiras, foi un estimulo moi importante para todos aqueles movementos que na Polonia da década dos oitenta organizaban a revolta contra o POUP (Partido Obreiro Unificado Polaco), unha burocracia enferma e sen credibilidade, a base de convocar manifestacións nas que os traballadores do naval desfilaban cos símbolos da cruz e reivindicaban o capitalismo. A escenificación do fracaso histórico do socialismo real non podía ser mais contundente: un electricista en Gdansk admirando a Reagan e un Papa en Roma, ¿vaia por deus!… A igrexa de Wojtyla e de monseñor Glemp, a súa voz local, actuaba de instigadora e de mediadora co réxime de Jaruzelski, valéndose da súa influenza en Solidarnosc, sempre cunha habilidade exemplar que todos os servizos, secretos ou non, recoñeceron en múltiples ocasións, e sempre procurando a marxinación dos críticos do réxime con ideas non conservadoras, os Kuron, Modzlewski ou Michnik.

Esa militancia mantívoa este Papa noutras ocasións. É de lembrar a imaxe da súa visita a Nicaragua, cando reprendeu, ao pe do avión, a un Ernesto Cardenal, humildemente axeonllado, polo seu compromiso co sandinismo, un movemento progresista, emancipador, que tentaba experimentar un camiño novo para erradicar a miseria de Nicaragua. Wojtyla recriminou en público a Cardenal, cunha contundencia que nunca empregou con ningún de tantos que podiamos incluír nunha longa listaxe de depredadores dos valores humanísticos mais elementais e que a Igrexa asegura promover e enxalzar. Comezando por Ronald Reagan, claro está, presidente de EEUU, condenado con mais contundencia polo Tribunal da Haia, financiador da "contra" que enredou e finiquitou o sandinismo, cunha xenerosidade que Washington nunca tivo despois para contribuír ó seu desenvolvemento en condicións de paz. Nicaragua segue na miseria e afogase na corrupción mais descarnada. Cardenal é un poeta. ¿Que conseguiu o Papa?

A mesma coherencia mantivo Wojtyla á hora de procurar a defenestración de canta voz ou agrupación existía na Igrexa Católica, distante da curia vaticana pero virada para a asistencia franciscana aos mais necesitados, afogando, coa súa alongada man, a rica pluralidade que aínda servía de atractivo para tantos escépticos da mensaxe católica, practicando un nivel de dogmatismo que pouco debía envexar ao rancio marxismo leninismo de matriz soviética.

Defensor sen reparos da vida, a Igrexa de Wojtyla, inflexible ante o aborto, o uso de anticonceptivos ou a eutanasia, preocupouse moi pouco das vítimas das guerras. Condenou a de Iraq coa boca pequena, mentres abrazaba en privado aos enviados de Bush, privándonos aos outros defensores da vida dunha amoestación igual de contundente como a exhibida fronte a Cardenal. Demasiado comprensivo cos poderosos, as súas bravatas morais adoeceron de inconsistencia e parcialidade. Non foi un Papa ecuánime, senón unha voz do seu tempo, comprometida de mais cunha cara da moeda, a versión eclesiástica do neoliberalismo. Respectable, pero difícil de compartir.