20050107kosovo vojislav kostunica

Un conxuro para os “pantasmas balcánicos”?

Apartados xeográficos ARQUIVO Balcáns
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
Vojislav Kostunica, actual presidente de Serbia e verdadeiro artífice da caída de Milosevic, do seu pasado nacionalista deviu nun político convencido da necesidade de acelerar o ingreso serbio na UE. Pero as tensións internas aínda son reveladoras, xa que no mapa político das derradeiras eleccións lexislativas, o ascenso do Partido Radical Serbio de Vojislav Seselj semella un desafío político evidente para as intencións de Bruxelas e Kostunica.
 

Bruxelas busca a expansión europeísta aos Balcáns sen aínda solucionar, dun xeito consensuado, os problemas rexionais que deixaron as guerras dos noventa. A Comisión Europea acaba de aceptar o comezo de negociacións con Serbia e Montenegro, coa finalidade de transitar polas reformas socioeconómicas necesarias para que, nun período de 7-8 anos, Belgrado poida formalizar o seu eventual ingreso na UE. Isto é un paso histórico, pero tamén cheo de obstáculos e incertezas.

O anuncio chega nun momento moi peculiar. Unha década despois dos acordos de paz de Bosnia e case cinco anos despois da caída de Slobodan Milosevic, os Balcáns volven a ser obxecto de interese por parte de Bruxelas. Este proceso ven completado pola recente aceptación formal de Bruxelas do ingreso de Rumania e Bulgaria, previsto para xaneiro de 2007.

Trala definitiva disolución da ex Iugoslavia, Serbia e Montenegro semellaba esquecida da atención comunitaria e nunha situación estatal incerta, ante a posibilidade dunha separación formal entre serbios e montenegrinos. Tralo ingreso dos dez países do Leste europeo en maio de 2004, Bruxelas estendeu a súa oferta de ingreso a Croacia, Rumania e Bulgaria. No caso croata, as negociacións están actualmente paralizadas pola ineficacia das autoridades croatas en entregar ao Tribunal para a ex Iugoslavia de La Haya a militares acusados de crimes de guerra e contra a Humanidade e que son considerados no seu país como "heroes nacionais".

O caso serbio tamén presenta os mesmos retos para Bruxelas. Este país é o herdeiro máis visíbel da antiga Iugoslavia, cuxos restos deron paso a cinco países, Croacia, Bosnia-Hercegovina, Macedonia, Serbia-Montenegro e Eslovenia, dos cales este último xa é membro da UE desde o ano pasado. Croacia e Macedonia xa teñen a invitación para negociar.

Pero hai feridas moi profundas e recentes. En Belgrado non esquecen o apoio europeo aos bombardeos da OTAN durante a guerra de Cosova en 1999. Se ben nos derradeiros meses as autoridades serbias entregaron a dez criminais buscados polo Tribunal de La Haya (velaí unha razón que resume a recente decisión de Bruxelas), aínda quedan por apresar os dous máis importantes: Radovan Karadzic e Ratjko Mladic.

Isto supón unha tarefa complexa para o actual presidente Vojislav Kostunica, o verdadeiro artífice da caída de Milosevic. Do seu pasado nacionalista, Kostunica deviu nun político convencido da necesidade de acelerar o ingreso serbio na UE. Pero as tensións internas aínda son reveladoras, xa que no mapa político das derradeiras eleccións lexislativas, o ascenso do Partido Radical Serbio de Vojislav Seselj semella un desafío político evidente para as intencións de Bruxelas e Kostunica.

Outro asunto clave é Cosova. Kostunica adianta un diálogo coas autoridades albano-cosovares para discutir o futuro estatuto desta rexión, pero non se coñece con exactitude qué vai pasar con este territorio. Cosova formalmente pertence a Serbia, aínda que manteña unha independencia de facto, amparada pola ONU, a OTAN, a UE e EEUU. O ano pasado se reactivaron as tensións entre a comunidade serbia e albano-cosovar e se as negociacións culminan cunha independencia formal, un profundo desencanto popular pode estourar en Serbia. A rexión serbia do Sandjak entre Bosnia, Macedonia e Kosovo, tamén presenta problemas de convivencia interétnica, relixiosa e atraso socio-económico.

No fondo, Belgrado busca atopar un camiño de diálogo non só para pechar as feridas do pasado máis recente, senón para manter os canais de comunicación con Bruxelas e evitar un maior illamento serbio no caso de que Croacia reactive as súas negociacións con Europa.

Non cabe dúbida de que a Unión Europea intenta cumprir nos Balcáns o seu compromiso de reflotar unha concepción particular da Europa dos pobos. Pero o labirinto rexional, aquelo que o politólogo estadounidense Robert Kaplan denominara nun best seller literario as "pantasmas balcánicas", afonda tamén en sentimentos dolorosos, precisamente polo tráxico exemplo da súa historia. Son moitos os retos e os compromisos que deben afrontar entre eles mesmos os pobos que habitan nos Balcáns, con toda a súa heteroxeneidade étnica, relixiosa e cultural, e difícil a tarefa de inserirse como membros do proxecto supranacional europeo.