As diferencias xurdidas entre o primeiro ministro francés, Lionel Jospin, e o seu ministro do Interior, Jean-Pierre Chevènement a propósito do estatuto de autonomía para Córcega semellan irreconciliables. A continuidade de Chevènement en Matignon é díficil: o seu ministerio é importante, a súa actuación esixe a sintonía co primeiro ministro, e se a cada tropezo do proceso político iniciado con Córcega deixa oír a súa voz discordante e crítica, a situación de Jospin pode resultar enormemente incómoda e insostible. Por outra banda, aínda que restan flocos importantes por aclarar e resolver, as negociacións coas forzas nacionalistas da "illa da Beleza" semellan o suficientemente avanzadas como para non malograrse. O pasado mes de xullo, a Asemblea corsa aprobou o proxecto de Jospin por unha amplísima maioría, coarenta e catro votos de cincoenta e un. Nunha entrevista publicada en Le Monde, os responsables dos principais movementos clandestinos corsos, a excepción de Armata Corsa, declararon o seu total apoio ó proceso. Chevènement é acusado de corsario, de "arquetipo dunha Francia que morre", segundo Edmond Simeoni, figura histórica do nacionalismo corso.
Rematar coa violencia e impulsar o desenvolvemento económico son as dúas ideas-forza que fan posible a actual confluencia. Jospin aposta por un escenario de progresiva cesión de competencias, polo recoñecemento da identidade corsa, a incorporación do idioma local ás escolas e unha fiscalidade apropiada ás especificidades da illa. A cambio, os nacionalistas asumen unha autonomía que exclúe a independencia e a erradicación da violencia. O proxecto é ambicioso e os riscos grandes. Ademáis das disensións no propio gabinete, Jospin debe acalar as reticencias do Presidente Chirac e combater con algo máis que paciencia o rebrote das accións terroristas dalgún grupúsculo que tentará dinamitar o proceso. A fragmentación do nacionalismo corso e as súas prolongacións armadas dificultan un acordo absoluto e con plenas garantías.
Andan, en calquera caso, francamente desencamiñados os que ven nesta autonomía unha ameaza de desmembración do Estado francés ante o posible efecto de "bola de neve" nas demandas bretonas, occitanas ou vascas. Nen París é Moscova, nen o pobo francés o pobo soviético. Resulta verdadeiramente abraiante a persistencia nalgúns ambientes considerados progresistas, desa cultura que en nome da sacralización dunha equívoca igualdade nega toda expresión da diferencia e a posibilidade da súa xestión leal. Tan reticente actitude de Chevènement, tan progresista noutros aspectos, ante a posibilidade da máis mínima descentralización, é absurdamente dogmática, máis aínda cando Europa máis aposta pola emerxencia das rexións como un factor de re-unión e afirmación do proxecto comunitario. Nin a sacrosanta tradición xacobina xustifica tanta inadaptación.