Un día con Plácido Castro

É unha das figuras máis sobranceiras do galeguismo, con máis enxundia, e, sen embargo, unha das máis descoñecidas, aínda que sempre gozou de gran audiencia e respecto no seu medio. Dese recoñecemento dan idea os 1.654 votos – máis que o propio Castelao-, recibidos na III Asemblea que o Partido Galeguista celebrou en Pontevedra a comezos dos anos trinta e que o elixiu como secretario de relacións internacionais. Dende esa e outras tribunas desenvolveu a súa identificación con un nacionalismo moderno e progresista, asentado na defensa daquelas tradicións que configuran a nosa identidade, vertebrador dunha política constructiva que había facer máis doada a colaboración e a solidariedade entre os pobos e as nacións, contribuíndo ó deseño dunha arquitectura conceptual do galeguismo universalista.

A súa foi unha viaxe moi particular. Pode dicirse que chegou ó nacionalismo, entre outras vías, como consecuencia da profunda admiración polo modus vivendi británico. En suma, unha pequena illa era tan importante por que conservou e dignificou as súas mellores tradicións. Por iso Plácido preocupouse moito de afondar na definición e defensa da nosa particular personalidade, no celtismo, na saudade, desfacendo tópicos e reformulando afirmacións vividas ata entón, e quizáis aínda hoxe, como incuestionables dogmas de fe. Foi Plácido, por exemplo, quen alertou sobre o valor da saudade, habitualmente estigmatizada como un sentimento negativo e deprimente, asegurando, pola contra, que nela reside boa parte da nosa forza espiritual.

Na súa primeira etapa británica (1918-1930), exerceu de colaborador de diarios e revistas como o Informaciones de Madrid ou El Pueblo Gallego. Sería esa outra das constantes ó londo de toda a súa vida, a vocación periodística, concretada máis adiante en A Nosa Terra, en Ser, en La Nación de Buenos Aires ou no Jornal de Noticias de Porto. As súas magníficas traduccións de Yeats, de Christina Rossetti e, sobre todo, da versión de Fitzgerald de As Rubáiyát, de Omar Khayyám, poeta persa do século XI, constitúen pezas de incalculable valor que paga a pena rescatar.

O seu nome quedará asociado por sempre ó recoñecemento da nosa Terra como unha nación europea, feito que se produciu naquel Congreso celebrado en 1933 en Berna, na capital da que anos adiante sería a Suiza da nosa emigración. O propio Castelao lembra e destaca no seu Sempre en Galiza a transcendencia deste paso. Foi Plácido a voz que deu a coñecer Galicia á Sociedade das Nacións, a mesma que décadas despois tomaria parte activa no desenvolvemento do primeiro programa estable en idioma galego no mundo da radiodifusión, emitindo dende as ondas da BBC británica.

Gilbert Keith Chesterton, o escritor inglés a quen el tanto admiraba, gostaba dicir que "o único gran home é aquel que fai que cada home se sinta grande". Eso é o que Plácido quería para Galicia, que todos e cada un dos galegos nos sentisemos grandes, orgullosos de nós mesmos, da nosa condición, desexosos de compartila, de aportala xenerosamente á cvilización universal.

Para lembrar a súa memoria, reuniremonos en Vilagarcía o próximo 25 de xaneiro, cando soamente quedan dous anos para cumprirse o centenario do seu nacemento, e reflexionaremos con Fernando Pérez-Barreiro, outro galego bo e xeneroso, sobre ese proceso político apasionante que vive a Irlanda que o noso Plácido tanto amaba.