O trixésimo aniversario do inicio da política de reforma e apertura no xigante oriental é unha excelente ocasión para reflexionar sobre a inmensa transformación experimentada por este país en só tres décadas e definir os eixes vertebradores da súa axenda inmediata. En primeiro lugar, cabe destacar que a emerxencia de China está cambiando o mundo a toda velocidade nun proceso que non se pode dar por concluído de todo e que terá importantes consecuencias no reparto do poder global.
Por outra banda, o lugar e función de Pequín na orde internacional vai depender da evolución da súa axenda interna e da actitude de cada un dos principais polos de poder a nivel mundial. Respecto do primeiro, catro asuntos sobresaen. No económico, a redución dos desequilibrios territoriais e das desigualdades sociais, é unha esixencia ineludible que pese aos esforzos das autoridades resulta complexo de abordar. Por outra banda, o gran reto económico de China consiste en culminar o cambio do modelo de desenvolvemento. O milagre chinés foi o resultado da combinación de tres variables: man de obra barata, investimento exterior e orientación da produción cara fóra. Pero China non quere ser o taller do mundo. O impulso ao desenvolvemento agrario, a incorporación dos valores tecnolóxicos, ambientais, o uso racional da enerxía, a plasmación dun mercado interior hoxe enormemente feble, son factores a ter en conta nesa transformación anunciada hai un par de anos por Hu Jintao. A crise financeira global e os seus impactos proporcionan argumentos engadidos que acelerarán esta estratexia chinesa.
No eido social, despois de décadas de deconstrución, chegou a hora de impulsar toda unha revolución que sitúe a un mesmo nivel o logro da eficacia e a xustiza. A sociedade harmoniosa que predica o Partido Comunista chinés (PCCh) reflicte esa convicción de que o crecemento non pode lograrse a calquera prezo e que cómpre instituír unha rede social básica (que non será completa nin chegará a toda a poboación antes de 2049, segundo os plans do goberno), como único xeito de evitar o medre das desigualdades.
No político, o liderado do PCCh afronta desafíos notables. A defensa da estabilidade e o medo ao bloqueo estimulan hoxe un experimento democratizador limitado cuns perfís que foron definidos no Congreso celebrado en outubro do pasado ano. As autoridades chinesas aspiran a democratizar o seu modelo, pero non a substituílo por outro. Non cabe agardar pasos significativos que apunten a unha separación maior entre Estado e Partido, que favorezan a independencia da xustiza ou que despoliticen o exército. No estrutural, un factor democratizador de alcance está relacionado coa arquitectura político-institucional, con tes referencias clave: a negociación con Taiwán con vistas á unificación, o problema das nacionalidades minoritarias (Tíbet e Xingjiang, basicamente) e as tensións entre o poder central e as autoridades rexionais. A necesidade de formular outra política arredor destes factores, conservando a iniciativa, pode dar lugar a mutacións de calado que, mesmo sen pretendelo expresamente, afonden na apertura do sistema.
Por último, no exterior, cabe sinalar que a diplomacia chinesa foi evolucionando na súa resposta teórica e práctica a unha situación historicamente nova e caracterizada polo seu regreso ao escenario internacional, respectando aquela indicación de Deng Xiaoping de “non levar a bandeira nin encabezar a ola”, o cal deixa sempre unha sombra de opacidade e ambigüidade sobre as súas intencións reais. Para China, o principal factor de proxección exterior segue a ser a economía e non a defensa, pero seguirá prestando unha atención considerable á mellora das súas capacidades militares. As decisións que adopte en materia de política enerxética, o grao de agresividade das súas multinacionais no escenario global, os contornos da súa política de defensa (en especial, a Armada e as armas anti-satélites), e o nivel de moderación ou agresividade da súa política global expresada en termos de cooperación ou non con terceiros, definirán a percepción exterior do seu rumbo.
En canto á actitude das principais potencias en relación á súa emerxencia, esta inclúe a súa consideración como un inmenso mercado, un socio económico, un competidor industrial ou enerxético, un adversario político ou estratéxico, ou unha ameaza. Para EEUU, por exemplo, é fundamental facilitar unha integración de China no escenario global que non cuestione o seu liderado, fomentando alternativamente o establecemento de vínculos con Xapón, Australia, Taiwán, India, quizais Rusia tamén. A China, pola contra, o que lle interesa actualmente é o afianzamento dun sistema multilateral do que EEUU deba depender. En canto a Xapón, compiten en influencia rexional e China pode representar unha ameaza para o seu aprovisionamento enerxético. Os altibaixos da política xaponesa dos últimos tempos son inseparables do debate político interno a respecto da equidistancia a manter en relación a China e a EEUU. Rusia, por outra banda, observa a China como un cliente enerxético significado e con quen pode contar como aliado fronte a Washington, tanto en termos globais como para blindar Asia Central fronte a penetración occidental. Respecto á UE, a incapacidade para vertebrar unha política propia faina depender en exceso do seguimento de Washington.
Os escenarios que resultan da afirmación do proceso de reforma iniciado en 1978 poderían resumirse en catro. Primeiro, a emerxencia pacífica de China, facéndolle un sitio no global facilitando unha integración cooperativa. Segundo, unha multipolaridade inestable e competitiva, de xeito que China seguirá aumentando a súa influencia e xerando inquedanzas. Terceiro, a busca da supremacía, orixinando tensións abertas con EEUU, Xapón, India ou Rusia, abrindo as portas a unha nova bipolaridade. Cuarto, conflito aberto, basicamente con EEUU, coa principal causa situada en Taiwán. China afirma querer o primeiro escenario pero o máis probable é unha mistura do primeiro e o segundo. As dialécticas con EEUU e Xapón serán claves para avanzar nunha ou noutra dirección.
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 18/12/2008; Safe Democracy, 18/12/2008)