Primeira reunión do Gabinete da coalición conservadora-liberal británica. Na longa mesa están frente por frente, ocupando as cadeiras do centro, o Primeiro Ministro David Cameron, conservador, e o Viceprimeiro Ministro Nick Clegg, liberal-demócrata. Iste derradeiro, figura central dun partido de tendencias socialdemócratas, descentralizador e europeísta, está flanqueado polo Secretario do Foreign Office, William Haig, e polo Canciller do Exchequer (Ministro da Facenda), George Osborne. Era unha escea reveladora do que vai ser o papel do socio minoritario nunha sociedade na que os postos principais están en mans dos conservadores. Haig é un decidido antieuropeísta, contrario a todo canto sexa recoñecer facultades ás autoridades de Bruxelas e ao Parlamento comunitario. Osborne é un afervoado defensor do capitalismo (por moito que saian voces dicindo que, pola sua escasa experiencia, non está ben visto polos grandes persoeiros das finanzas). O Partido Conservador foi sempre, e sigue sendo, fondamente “antiliberal”, no senso de ser enemigo dos liberal demócratas, tanto do seu componente liberal tradicional británico como do componente “demócrata”, que nasceu dunha escisión do laborismo.
En varios comentarios da prensa liberal británica faise un resumo da traxectoria anti-liberal conservadora. Por exemplo, foron os conservadores os que promulgaron unha numerosa lexislación anti-liberal, desde a Lei de Inmigración de 1971, do Goberno Heath, pasando pola Lei de Orde Pública de 1986, do Goberno de Margaret Thatcher ata as represivas disposicións de John Major, na década dos 90, contra os demandantes de asilo político.
Non se sabe moi ben qué rol vai desempeñar Nick Clegg como Viceprimeiroministro, posto que depende moito do que lle permita facer o Primeiro Ministro. Nos tempos de Tony Blair ocupou ise cargo John Prescott, vello loitador laborista con moito poder no laborismo tradicional obreiro e que tivo unha participación importante na vida política británica. Prescott non lle facía sombra a Blair, non aspiraba á xefatura. Clegg, que sí se postulou como candidato a Primeiro Ministro, ten unha boa parroquia liberal-demócrata, mais non vai poder levar á práctica o que isa parroquia podería desexar. Os cinco membros liberal demócratas do Gabinete Cameron non ocupan postos que poidan influir de xeito decisivo na axenda ideolóxica do goberno. Como dí o semanario The Spectator, de dereitas: “Aos Lib-Dem deixáronlles postos de prestixio mais sen contido … Temos servida un goberno que é unha salchicha, e nunca é edificante ver cómo se enchen as salchichas. Mais o magro da salchicha é certamente conservador. Os Lib-Dems son cartílago”.
Houbo un momento, antes de se arranxaren Cameron e Clegg, en que se pensou, e se negociou, unha coalición laborista-liberal. Clegg non se levou nunca con Gordon Brown, e íste chegou a ofrecer todo canto quiser Clegg para convencelo de formar coalición. O problema era que os dous partidos non sumaban votos dabondo e terían que ter botado man dos nacionalistas escoceses e galeses e da nova diputada “verde”. Mais non foi só o problema aritmético porque, ainda que no ideario Lib-Dem cabe moi ben unha alianza coa versión laborista moderna do socialismo, os representantes do “vello laborismo” (por exemplo, Jack Straw, Ministro do Foreign Office, ou o ex-ministro David Blunkett), que unha gran comentarista, Polly Toynbee, alcuña de “tendencia neanderthal”, eran totalmente opostos a participaren nunha alianza con Clegg e o seu equipo. Non era posible unha coalición cun Labour Party dividido, división que tamén afectaba a unha hipotética alianza co SNP, o partido nacionalista escocés de Alex Salmond.
Son moitos os comentaristas que coincidían co editorial do dominical The Observer, que o domingo pasado predicaba que para aproveitar a oportunidade que ofrecía un momento histórico como o creado polas eleccións do día 6 o que tiñan que facer os liberal demócratas era aliarse cos laboristas. Mais engadía The Observer que para que o país aceptara esa solución era indispensable que Gordon Brown deixara a xefatura do Goberno e do Partido. Era unha esperanza que compartía boa parte da opinión progresista británica. Non foi posible polas razóns que xa levamos mencionado e agora inaugúrase unha etapa insólita: un executivo con maioría conservadora cinco veces meirande que o continxente liberal demócrata. O resultado é, como acertadamente sinalaba Polly Toynbee en The Guardian (xoves 13 de maio), algo semellante a un moble para armar (estilo IKEA) ao que lle falte algún parafuso importante: moi atractivo na sua caixa mais que, unha vez armado, vai abanear.