A fronteira entre o local e o global diluiuse de forma evidente nos últimos tempos, ao igual que da aparente contradición entre ambos mundos pasamos á defensa da complementariedade como un valor indispensable que nos pode axudar a comprender feitos e acontecementos que nos acaban por afectar de cheo. Dende a presenza inmigratoria nos nosos municipios ata a captación e xestión de fondos europeos ou o alargamento das campañas electorais locais a países terceiros situados a miles de quilómetros de distancia, o feito exterior forma parte da nosa vida cotidiana non soamente como curiosidade para minorías senón como feito común e popular. Non é estraño pois que os medios de matriz local, tradicionalmente virados para o máis próximo ao cidadán, presten crecente atención a fenómenos con implicacións globais ben sexa sobre a forma dunha progresiva localización da información internacional (en razón das características singulares do seu ámbito socioterritorial preferente) como a reflexionar desde perspectivas propias sobre tendencias que forman parte do debate social global e que poden ser obxecto de preocupación, voluntaria ou non, dos seus lectores. Considerar, pois, que os medios de ámbito local, para estar máis preto da cidadanía á que pretenden servir, deben prescindir e dar as costas aos temas globais é unha impertinencia que non se sostén no mundo de hoxe.
Cabe por iso felicitar a consolidación de proxectos como A Peneira que teñen un pe firmemente asentado aquí, onde atopan o seu fundamento e lexitimidade inicial, pero outro fóra, contribuindo a afirmar unha cidadanía moderna e comprometida, identificada co progreso inmediato pero sen desentenderse do interese polo global. Esa dobre aposta, formulada habitualmente dende a inevitable limitación de medios, salienta a condición vangardista da chamada prensa local e incorpora escintileos que lle aportan un valor engadido de singular significación, rachando tópicos sobre as hipotéticas preferencias e o que interesa ou non á comunidade lectora.
A prensa local ten unha importante misión á hora de sensibilizar á cidadanía sobre a trascendencia do feito exterior desalentando na base deturpacións localistas e promovendo, dende a sana reivindicación do propio, unha nova mirada cívica aos problemas do noso tempo, cada vez máis interdependentes e interrelacionados, e que acostuman a traducirse, en ausencia de información e análise, en confusión pura e dura. É unha aposta que paga a pena. E ata unha obriga para aqueles que conciben a información como un servizo público orientado a unha cidadanía consciente, tanto a insubmisa como a que non. Parabéns á Peneira!