Poucos diplomáticos norteamericanos gozan do recoñecemento e estima que posúe James Carter en América Latina. O seu labor á fronte da Fundación Carter no desempeño de tarefas humanitarias, na defensa dos Dereitos Do Home ou como auditor en procesos electorais é recoñecido no continente. A histórica primeira visita, dun ex-presidente estadounidense á Cuba revolucionaria, levanta inusitada expectativa e remove todas as contradicións nas que se desenvolve á política exterior, a respecto do Caimán do Caribe, situado só a 90 millas.
Xusto cando Cuba está a piques de ser incluída na lista negra do Eixo dos Amigos do Mal, que os EEUU confeccionou unilateralmente, logo da masacre terrorista do 11-S, ten lugar a primeira visita dun ex-presidente dende a revolución de 1959.
A un mes xusto do escándalo producido pola circulación entre as chancelerías latinoamericanas dun fraudulento documento, supostamente elaborado por Perú no que se buscaba unha condena internacional pola precaria situación dos Dereitos Humanos en Cuba, durante a reunión de abril en Xenebra, o ex-presidente demócrata é recibido coas honras propias dun Xefe de Estado por Fidel Castro. A unha semana de ter sido acusados por EEUU de estar a fabricar armas biolóxicas de destrucción masiva, o ministro de Exteriores cubano Felipe Pérez Roque cualificaba a James Carter como un home de profunda ética ao tempo que Ricardo Alarcón, presidente da Asemblea Nacional Cubana manifestaba que G. Bush "non sabe nin unha soa palabra sobre Cuba".
A menos de sete días que as 10.000 sinaturas que arroupaban o Proxecto Varela, para demandar maiores cotas de liberdade, acadasen unha impresionante relevancia mundial, pouco acorde co seu número, Fidel Castro ofrece "un merecido recoñecemento ao alto mandatario pola súa actitude con Cuba".
É posible que o presidente Cubano aproveite a visita de Carter para liberarse das maromas que o teñen maniatado na escena internacional e capitalizar un éxito semellante ao que colleitou coa visita do papa Xoán Paulo II, a comezos do 98. Pero ten motivos dabondo para ser sincero na gratitude da súa invitación. Nos catro anos nos que ostentou a presidencia dos EEUU, entre os anos 1977 e 1981, tivo especial interese en modificar as pautas de relación entre os países: abríronse as Oficinas de Intereses en Washington e La Habana, acotáronse as fronteiras marítimas entre Cuba, México e os EEUU e outorgouse a posibilidade de viaxar a Cuba aos cidadáns norteamericanos…
Contradiccións de mal encaixe, que non deixarán de aflorar nos cinco días da visita. Carter fará públicas as súas reservas sobre a fráxil consistencia das liberdades individuais: de opinión, manifestación, reunión… etc, pero estará lonxe da desmesura extremista do "lobby" cubano no exilio de Miami.
Deteriorados na súa imaxe pública tras do lamentable espectáculo ofrecido no caso "Eliancito", aparecen divididos entre os máis ultras que consideran a visita de Carter como "decepcionante, que elixa viaxar a Cuba para reunirse cun dictador desapiadado que oprime ao seu pobo, cando el baseou o seu goberno da defensa dos DDHH no mundo"; e os máis moderados que consideran a visita como unha oportunidade para que se coñezan no interior as violacións dos DDHH.
Complicada liña de equilibrio entre tantas contradicións, nas que tamén encalla a política exterior da Casa Branca. Ten que contentar aos exiliados cubanos que poden ser decisivos na reelección de Jeb Bush (Irmán de George Bush), no control das cámaras, como foron decisivos nas elección á Presidencia. E observa con preocupación: como o 40% do Comercio exterior cubano, no patio traseiro da superpotencia, mantense coa competidora Unión Europea; como só durante o ano pasado 3.400 homes de negocios visitaron a illa bloqueada, como 80.000 estadounidenses "segundo datos da Hoover Institución" saltaron os mares do caribe a pesar das prohibicións e dificultades; como cobra forza o Grupo de Traballo por Cuba no que republicanos e demócratas tratan de abrir camiño para relacións comerciais beneficiosas; como a sensación de fracaso dos 40 anos de bloqueo está dando paso a sucesivas peticións de pasar páxina para encetar novos rumbos.
James Carter vai atopar na illa todas a facilidades para expresarse, moverse, inspeccionar. Fidel Castro mesmo ofreceulle que escollese ao persoal cualificado que precisase para examinar o Centro de Enxeñería Xenética e Biotécnica, sobre o que a Casa Branca sementou pouco fundadas dúbidas na confección de armas biolóxicas ou bacteriolóxicas.
Na habitual liña de xenerosidade internacionalista, o goberno cubano ofertou á Fundación Carter os 4.000 doutores que ten ofrecido para a batalla contra da SIDA no mundo e deixou abertas todas as portas para a colaboración humanitaria.
Polos despachos do Departamento de Estado, nos que se cociñan os asuntos relacionados con América Latina, camiña furioso o seu titular, Otto Reich. Saído do intransixente "lobby" cubano, actúa obsesivamente con man de ferro nas relacións con Cuba. Distintos analistas teñen argumentado que unha das razóns que animaron a Otto Reich para implicarse no Golpe de Estado a Chávez, foi laminarlle a Fidel Castro a súa maior e mellor pista de aterraxe na política internacional, que lle brindaba o presidente venezolano.
Pero a intelixencia, mesura e pragmatismo de James Carter pode facer máis na apertura do réxime cubano que as torpes manobras de Reich. Este ex-presidente que pasou con discreto éxito no seu curto mandato á fronte da maior potencia do mundo, ten hoxe proxección mundial. Políticas de curtas miras non sobreviven ao mandato dos seus impulsores.
Para España, quizais teña chegada a hora de saber implicarse en apostas de futuro en Latinoamérica e non ser meros reflectores da escura luz da actual política exterior norteamericana que cada día colleita máis desconfianzas.