Un “kit-kat” presidencial

O encontro entre Ieltsin e Clinton desenvolvese nun contexto especial para ambos mandatarios. As dificultades internas, gravísimas no caso ruso, opacan outros lonxanos tempos de sorrisos e risadas. As súas serán conversas entre paréntese, un contar mutuas penas sen compromisos posibles en tanto non se clarifique a confusa política moscovita. A situación actual lembra a visita de George Bush ó malogrado Gorbachov na véspera do golpe do Comité de Emerxencia, unha reiteración traxica non descartable no complexo presente. Algún día decataranse de que Gorbachov era o único que contaba realmente cun proxecto para o seu país, pero daquela Occidente xa apostaba por este Ieltsin, dócil e converso. Agora queda por ver ata onde pode Ziuganov tensar a corda. Acurralado, Ieltsin é perigoso. Confiemos en que Clinton o ilustre sobre o transcendental significado daquela sentencia de Thomas Jefferson: "Ninguén abandona o cargo de presidente co mesmo prestixio e respecto con que accedeu a el". Ben mirado podería aplicarse a ámbolos dous.