A existencia da ONU non é hoxe cuestionada por practicamente ninguén. Que non é o mesmo que dicir que exista satisfacción co seu funcionamento. A necesidade dun foro universal onde se debatan as grandes cuestións que afectan á humanidade é máis imprescindible ca nunca porque nunca foron tan evidentes nin de tanta magnitude o elenco de problemas que soamente poden ser encarados de forma compartida e global, pero unha entidade así, con retos tan importantes, debe estar á altura das esixencias dos novos tempos en materia de estrutura, de autoridade, de eficacia e de eficiencia, para situarse en condicións de influír no rumbo das cousas e acreditando a credibilidade necesaria ante a opinión pública mundial.
Resolver esa ecuación non é cousa doada. Perdeuse a ocasión do cincuenta aniversario da súa fundación, cando a posguerra fría aínda comezaba e EEUU semellaba máis disposto a aceptar compromisos. Agora, no sesenta aniversario, xorde un novo intento que o propio Kofi Annan cualifica de desesperado para garantir un papel para a ONU nunha situación internacional tan complexa como a presente. En setembro próximo, reuniranse en New York os líderes mundiais para pronunciarse sobre a proposta do secretario xeral que nos flocos substanciais "como sempre, a cuestión do poder" non está aínda resolta.
Hai unha toma de conciencia xeralizada sobre o desfase actual da ONU. A situación de 1945 e 2005 non son comparables. Non admite discusión tampouco un certo discurso que avoga por un maior compromiso planetario coa democracia, co desenvolvemento, coa erradicación da pobreza, a seguridade e a paz, os dereitos humanos, etc. Todo ese vocabulario de boas intencións que forma parte inequívoca da linguaxe onusina só pode xerar aplausos e vítores, pero remata sempre confrontándose cun valado no que os intereses dos estados máis poderosos impoñen a súa lei. Son os que reclaman a imposición, mesmo pola forza, dunha chamada democracia, pero nin pola cabeza se lle pasa renunciar a un dereito de veto que a sacrifica; os mesmos que entoan loas constantes ao estado de dereito e ao imperio da lei, pero que renegan da autoridade da xustiza internacional cando non lles convén; os mesmos que afirman impulsar o libre comercio como garantía de progreso e erguen barreiras a cotío para impedir o acceso aos seus mercados dos produtos dos países en vías de desenvolvemento; os que contan con máis armas nucleares ca ninguén e sen vontade algunha de renunciar a elas fan causa divina da non proliferación de estados nucleares, etc.
A reforma é indispensable, pero non chega no mellor momento. Se partimos da idea de que unha das cuestións centrais é o problema do poder na ONU, será difícil evitar que este se resolva de maneira equilibrada, tendo en conta a existencia dunha única superpotencia no mundo comprometida ademais cunha política a todas luces arrogante, prepotente e escasamente respectuosa cos intereses da maioría das nacións, xa falemos de paz ou de seguridade, de desenvolvemento ou medio ambiente. É impensable unha reforma que contradiga os intereses de EEUU? Así parece, e a súa capacidade de presión sobre o organismo non é menor. Por outra banda, o intento de nomear a John Bolton como representante de Washington ante a ONU dan conta ademais dunha actitude claramente belixerante por parte da Administración Bush.
A reforma do Consello de Seguridade
Un asunto clave é a composición do Consello de Seguridade. Actualmente conta con cinco membros permanentes e dez seleccionados por un mandato de dous anos. Ao goberno estadounidense preocúpalle o feito de que lle sería máis difícil aprobar unha resolución nun Consello ampliado a once membros permanentes, como reclaman dende o G4 (India, Brasil, Alemaña e Xapón). EEUU quere ampliar máis ou menos dous postos (un deles Xapón, outro quizais India) o número de permanentes e dous ou tres os non permanentes, apostando por unha expansión "modesta" para non comprometer, din, a eficiencia do organismo. Teñamos en conta que a ONU pasou de 51 membros fundadores a 191 na actualidade, cunha única expansión nos anos noventa, que permitiu pasar de seis aos dez actuais asentos non permanentes no Consello.
O exacerbado unilateralismo de EEUU no tempo presente é unha moi mala compañía para garantir unha reforma da ONU que transforme a súa indiscutible representatividade nesa credibilidade necesaria que garanta a erradicación dos múltiples dobres raseiros e a súa instrumentalización permanente polos estados mais poderosos.
Kofi Annan, sabiamente, propón unha serie de principios a ter en conta na ampliación dos asentos do Consello: que quen mais contribúe participe mais no proceso de toma de decisións, que se incorporen países que sexan mais representativos da composición xeral da Organización, que a reforma non redunde na perda da eficacia do Consello, que a reforma se dirixa a facer do Consello un órgano mais democrático e disposto a render maiores contas da súa actuación.
Isto hai que aplicalo no contexto dun mundo caracterizado pola presenza de dous terzos dos seus estados membros que son países en vías de desenvolvemento, que deben incorporarse activamente á vida da Organización para que legalidade e lexitimidade resulten o suficientemente compensatorias dun dereito de veto dos intocables que hoxe só Cuba cuestiona e que tampouco ninguén se atreve a reformular, sen suprimir, en termos de regulación do seu exercicio ou dos seus límites.
Mesmo Europa, en horas baixas, carece de opinión uniforme ao respecto. Italia, fora do Consello e das quinielas, é reticente. Estarían dispostas Francia e Reino Unido a asumir a cesión dun posto permanente substitutivo en favor da Unión Europea tal e como suxeriu o Parlamento? Sona a delirio europeísta!
O secretario xeral, en sintonía co Grupo de Alto Nivel, propón dous modelos. Segundo o primeiro, engadiríanse seis novos asentos permanentes sen dereito de veto e tres non permanentes ordinarios, isto é, cun mandato de dous anos sen posibilidade de reelección. A outra proposta consiste na adición de nove non permanentes (non contempla novos postos permanentes), de xeito que un sería ordinario e oito de nova creación, con mandato renovable de catro anos.
Annan quere chegar a setembro cunha decisión consensuada sobre a composición do Consello, pero de non ser así, aposta por seguir adiante, procurando o máximo apoio político para a reforma, con ese requirimento mínimo das dúas terceiras partes dos membros da Asemblea xeral. Pero non será sinxelo acomodar todas as sensibilidades e intereses nunha proposta que nin sequera os grupos de traballo preparatorios, formalmente integrados por persoas independentes, conseguiron asentar despois de doce anos de darlle voltas ao asunto.
Así as cousas, como afirma Rosa Riquelme na nosa revista Tempo exterior, é de temer que non asistiremos "de darse- a un cambio radical da faciana do Consello de Seguridade, senón como moito a unha operación de lifting que disimule as súas estrías mais marcadas de representatividade. Pouca ONU, en suma, para a moita que se necesita.