Diversos sectores de opinión e analistas reflexionan sobre a posibilidade de que Turquía se converta nun modelo viable dentro do actual contexto de cambios políticos no mundo árabe. Compre considerar algunhas variables importantes neste sentido: o primeiro ministro turco, Recep Tayyip Erdogan, foi un dos líderes máis críticos co réxime exipcio de Hosni Mubarak unha vez acaeceron as protestas no Cairo.
Diversos sectores de opinión e analistas reflexionan sobre a posibilidade de que Turquía se converta nun modelo viable dentro do actual contexto de cambios políticos no mundo árabe. Compre considerar algunhas variables importantes neste sentido: o primeiro ministro turco, Recep Tayyip Erdogan, foi un dos líderes máis críticos co réxime exipcio de Hosni Mubarak unha vez acaeceron as protestas no Cairo.
Paralelamente, o movemento dos Irmáns Musulmáns, actor clave na inevitable transición post-Mubarak en Exipto, amosou a súa inclinación a seguir o “modelo islamita moderado” do Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (AKP polas súas siglas en turco), no poder en Turquía desde 2002.
Referencia histórica clave na formación dos movementos políticos islamitas en Oriente Próximo desde a súa creación en 1928, os Irmáns Musulmáns constitúen igualmente un modelo para outros actores rexionais, como o palestino Hamás e o libanés Hizbulah, aínda que a influencia iraniana tamén é evidente nestes e noutros movementos islamitas na rexión.
Seguindo co modelo turco, o propio Mohammed ElBaradei, ex Premio Nobel da Paz, ex secretario xeral da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) e actualmente promovido por EEUU na tentativa (probablemente infrutuosa) de impoñelo como figura política central na transición exipcia, eloxiou abertamente o modelo turco, que compatibiliza unha especie de “Islam laico” nunha sociedade fortemente sometida a un proceso de occidentalización e laicización republicana.
A proxección rexional do AKP turco
A pesar da presión do poderoso estamento militar turco e dos nacionalistas e sectores republicanos máis reaccionarios, o AKP ven sendo lexitimado con ampla maioría popular a través de diversas eleccións nos últimos anos, abordando a posibilidade dunha nova reelección no 2012, que o consolidaría como o auténtico partido hexemónico do escenario político turco.
Deste modo, a “revolución silenciosa” do AKP, orientada a equilibrar a herdanza islámica e laica dentro dunha sociedade ansiosa por alcanzar cambios progresistas, está configurando unha serie de mudanzas e progresos nun país cada vez máis emerxente no plano internacional. Turquía é actualmente a 17º potencia comercial a nivel global, mentres multiplica a súa presenza como actor clave na diplomacia e na economía euroasiática e de Oriente Próximo. Como a Turquía republicana de Atatürk na década de 1920, a Turquía do “islamismo laico” de Erdogan e do AKP está abrindo novas perspectivas para un país con claras pretensións de “potencia emerxente”.
Obviamente, a xeopolítica dos cambios que actualmente están acontecendo no Magreb e en Oriente Próximo, obriga a diversos actores a buscar modelos de referencia, non automaticamente viables en diversos contextos. En primeiro lugar, a proxección turca no mundo árabe non resulta exactamente favorable, en parte pola herdanza do pasado imperial otomán e ante o feito de que Turquía fora o primeiro país musulmán en recoñecer a existencia do Estado de Israel en 1949, que deu paso a partir de 1996 a unha estreita alianza xeopolítica, militar e comercial entre ambos países.
Non obstante, as rebelións e transicións políticas en Tunisia e Exipto poden ponderar a viabilidade do modelo turco. Inmersas nun forte proceso de occidentalización e laicización nas últimas décadas, as sociedades tunecina e exipcia tamén albergan importantes cotas de clases populares con forte arraigo relixioso musulmán, un escenario a ter en conta por parte dos actores involucrados nas respectivas transicións neses países.
Máis no caso exipcio ca no tunecino, a ausencia de equilibrios de poderes nesta incerta etapa de transición pode espallar unha radicalización do islamismo político que, notoriamente, afectaría a capacidade de influencia do pretendido modelo turco. Velaí a posibilidade dun achegamento entre o AKP turco e os Irmáns Musulmáns exipcios, que permita abrir unha nova perspectiva para o islamismo político rexional, cunha variante mais moderada, menos integrista e catalizadora dunha serie de demandas progresistas que vertebren a diversas capas socioeconómicas.
Non obstante, compre salientar algunhas diferenzas nos casos tunecino e exipcio con respecto a Turquía. Os Irmáns Musulmáns e o movemento tunecino islamita Ennahda(Renacemento), foron ilegalizados, co cal cargan cunha pesada herdanza de marxinalidade política que pode provocar unha maior radicalización das súas bases.
Se ben o AKP turco é herdeiro do tamén islamita (e moitas veces ilegalizado) Partido do Benestar (Refah Partisi), o islamismo turco xa tivo períodos de inclusión dentro do sistema político dese país, incluso alcanzando brevemente o poder entre 1996 e 1997, posteriormente deposto por un golpe de Estado realizado polas elites laicas e militares, coa total anuencia occidental.
Tensións dunha nova xeopolítica
Nun plano rexional, a EEUU, Europa e Israel conviríalles a propagación do modelo turco dentro do mundo árabe, por provir dun país tradicionalmente aliado e coa clara intención por obstaculizar unha deriva islamita antioccidental no mundo árabe, así como a posible penetración iraniana nos movementos islamitas rexionais, moito máis clara no caso libanés co Hizbulah e a través da alianza de Teherán con Siria.
Nas súas declaracións públicas, os Irmáns Musulmáns exipcios tentan afastarse de calquera referencia cara Irán pero a favor do “modelo AKP” turco. O temor occidental ante o eventual ascenso do islamismo político tralos acontecementos en Tunisia e Exipto, marcaría un arriscado pulso de prioridades que, inevitablemente, involucraría a países como Turquía, Irán, Arabia Saudita, EEUU e Israel dentro dos procesos de cambio no mundo árabe.
Pode que os modelos islamita turco e iraniano entren eventualmente en colisión ante as súas respectivas pretensións por ofrecerse como referencias viables para o islamismo político no mundo árabe. Non obstante, os imperativos da realpolitik internacional alteran levemente este escenario: a mediados de 2010, o islamita moderado Erdogan abriu unha importante xanela de relación con Irán, a través dun pacto nuclear que inclúe a Brasil, coa clara pretensión de minorar o illamento internacional de Teherán, intensificado polas presións políticas e das sancións da AIEA de cara ao programa nuclear iraniano.
Ao mesmo tempo, o distanciamento entre Turquía e Israel é notorio desde 2009, a raíz das fortes críticas de Erdogan cara a agresión israelí no territorio palestino de Gaza, un aspecto que tamén abriu unha fenda nas relacións entre Ankara e Washington, obviamente aproveitada por Teherán. Deste modo, o AKP está necesariamente “redescubrindo” un mundo árabe e islámico anteriormente imposibilitado pola férrea occidentalización da sociedade turca, sometida tamén aos imperativos xeopolíticos e militares de EEUU e Israel.
No actual contexto, é posible que as crises tunecina e exipcia permitiran a Erdogan abrir as portas dunha maior implicación turca na política do mundo árabe e no complicado xadrez xeopolítico de Oriente Próximo. A penetración económica turca é sobradamente importante en Iraq, e serve como territorio de paso dos gasodutos e oleodutos dende Iraq e o Mar Caspio ata Occidente.
De cara ás eleccións de 2012, o AKP non só afirma o seu interese por hexemonizar o escenario político turco senón por ampliar as perspectivas rexionais de actuación e influencia. Pero está por ver se o modelo turco realmente será unha referencia viable para un mundo árabe actualmente convulsionado por unha serie de rebelións populares e incertos cambios políticos.
Ao mesmo tempo, debe observar con atención ata qué punto a década no poder do AKP permitiu transformar a sociedade turca e cal será o futuro político deste partido, acosado por un reiterado pulso interno entre diversos sectores reaccionarios que acusan a Erdogan de tentar impoñer unha “axenda islámica oculta”. Aínda así, a actual implicación de Ankara nos sucesos do mundo árabe constitúe unha variable sumamente innovadora na xeopolítica rexional.