A atención cara Iraq, Palestina ou Afganistán oculta a atención informativa e política cara a persistencia de determinados conflitos, cunha proliferación e irresolución que condiciona o desenvolvemento socioeconómico en países de África, Asia, América Latina e o espazo euroasiático.
Unha estatística do Sipri Yearbook 2005: Armaments, Disarmament and International Security, revelou que de 1990 a 2004, se presentaron un total de 54 grandes conflitos mundiais, catro deles entre Estados e 53 localizados no interior dun Estado.
África lidera esta clasificación con 19 conflitos, seguida de Asia (15), Oriente Medio (10), Europa (7) e América Latina (6). Diversas fontes estatísticas e analíticas confirman unha significativa baixa dos conflitos armados entre Estados desde 1991 (calculado en 40%), non así dos conflitos "interestatais" e da actividade terrorista global.
Non obstante, a maior parte destes conflitos posúen orixes e dinámicas propias, non necesariamente vinculadas ao mundo post-11/S e a "guerra global contra o terrorismo". O 90% destes conflitos se desenvolven en países subdesenvolvidos, alentados tamén polo feito de que un 70% do comercio global de armamentos se realiza cara estes países.
O interminable drama africano
Sendo África o líder desta clasificación, atopamos como principais focos conflitivos a República Democrática do Congo, Tchad, Côté d´Ivôire e a República Centroafricana. De dobre carácter "intraestatal" e rexional, estas guerras civís con impacto rexional deixaron preto de cinco millóns de mortos e catorce millóns de desprazados, obrigando a unha activa diplomacia de pacificación.
Outro foco é Somalia, alentada polo recente avance das milicias islamitas e a súa inmediata inclusión por parte de Washington dentro da "guerra internacional contra o terrorismo". A intervención política e militar de Etiopía e Quenia en decembro contribuíu a estabilizar momentaneamente un conflito que ameaza con expandirse por África occidental.
Outros escenarios son Burundi, Liberia, Sudán e Serra Leona, con guerras internas que inclúen o xenocidio étnico e tribal e a loita polo control dos diamantes e os recursos naturais, involucrando a actores externos, tanto estatais como empresas multinacionais.
Un apartado merecen os conflitos territoriais independentistas. No caso do Sáhara Occidental, a loita contra Marrocos pola súa autodeterminación ameaza con volver a activarse no caso de que a Fronte Polisario retorne á loita armada para conseguir os seus obxectivos políticos. A ONU tenta revitalizar un novo plan de paz mentres os gobernos español e francés ocultan o problema nas súas relacións con Marrocos.
Outro caso é Cabinda, rexión separatista dentro de Angola en conflito desde 1975 e que non semella atopar unha solución política a pesares da pacificación alcanzada no 2002. As dúas guerrillas de liberación nacional cabindesas seguen activas pero debilitadas polo factor que supón a riqueza petroleira e mineral de Cabinda e os intereses externos (Chevron Texaco), que reforzan ao goberno angolano.
Tensións en América Latina
No escenario latinoamericano, o conflito con maior presenza temporal está localizado en Colombia, país que con oito millóns de desprazados lidera esta estatística no hemisferio occidental.
Ante a case definitiva neutralización do Exército de Liberación Nacional, ELN, e o polémico proceso de desarme e desmobilización dos grupos paramilitares de extrema dereita, a confrontación segue a enfrontar á guerrilla marxista das FARC cun Exército nacional reforzado pola axuda militar e financeira estadounidense, ampliada ata o 2010. Tamén inflúe o poderoso factor do narcotráfico na configuración deste conflito.
Xunto a Colombia está Haití, país que cumpre con case todos os parámetros do que se denomina como un "Estado fracasado", agora parcialmente estabilizado baixo o goberno de Raúl Preval e a presenza das forzas de paz da ONU.
Non obstante, a pobreza, os desaxustes socioeconómicos e a presenza de bandas paramilitares afectas a determinados líderes, complican un explosivo panorama que pode reactivar unha crise de desprazados cara a veciña República Dominicana, outro país con alarmantes índices de crise socioeconómica.
Na rexión andina, a busca dun novo modelo político que concilie as demandas indixenistas e populares cos intereses das elites tradicionais condicionan posibles situacións conflitivas en Bolivia e Ecuador, incluso con potenciais elementos territoriais separatistas, como o que actualmente existe na rexión boliviana de Santa Cruz.
Sendo Chiapas o exemplo da maior rebelión indixenista antiglobalización desde 1994, a súa situación actual semella practicamente estancada, atenazada nos seus obxectivos políticos e, en opinión dalgúns analistas, con síntomas de descrédito cara o líder da rebelión zapatista, o subcomandante Marcos.
Un caso particular merece América Central, foco de insurxencia e guerras civís na década dos oitenta. A crise socioeconómica permitiu a alarmante proliferación de bandas criminais, con preocupantes consecuencias cara o desenvolvemento económico, a fortaleza institucional e a viabilidade do proceso democrático.
Neste sentido, países como O Salvador, Guatemala, Nicaragua e Honduras constitúen os principais focos da presenza de bandas como a "Mara Salvatrucha", con intentos de ramificacións nos países veciños e na inmigración centroamericana en EEUU.
A outra cara de Asia
O continente asiático conserva algúns conflitos con pouco tratamento informativo. Está o caso de Myanmar (antiga Birmania, tamén denominada Burma), o maior Estado do sudeste asiático sacudido por un conflito que dura 50 anos.
A represión da ditadura militar birmana contra a oposición política e os grupos guerrilleiros esquerdistas e de corte étnico e budista, dificultan a conformación dun proceso democrático viable e de integridade lexítima estatal.
En Sri Lanka, o separatista "Tigres pola Liberación do Tamil" está activando unha guerra de guerrillas contra o goberno central para obter a independencia do Norte e o Leste da illa. Desde 1996, este conflito provocou case 100.000 mortos e un millón de desprazados internos e cara a India e Bangladesh.
Nepal, país maioritariamente rural e subdesenvolvido, vive unha loita entre a guerrilla maoísta e o exército nepalés baixo a autoridade do rei Gyanendra, dentro dunha conxuntura que implica a participación xeopolítica de India, China e EEUU. Iso a pesares de existir desde 2006 un acordo pactado pola guerrilla maoísta e unha coalición política opositora para entrar no goberno, que non está ben visto dende Washington.
O escenario de maior risco de conflitividade está focalizado na rexión de Caxemira, disputada por Paquistán e a India, dúas potencias nucleares que se enfrontaron militarmente en tres ocasiones entre 1947 e 1971.
A puxa territorial por Caxemira involucra diplomaticamente a China e EEUU, así como á actividade de militantes islamitas, presuntamente vinculados a células "yihadistas" da rede Al Qaeda, que podería provocar unha expansión cara Afganistán, Asia Central e o sudeste asiático.
Xa na área centroasiática, ocupa a atención Tadxikistán, a ex república soviética máis pobre e que sufre unha guerra civil manifestada pola rivalidade dos clans étnicos e tribais, dos "señores da guerra" e da presenza militar rusa. Un débil armisticio asinado en 1994 ven sendo constantemente violado, co resultado de máis de .000 mortos e 100.000 refuxiados cara as repúblicas centroasiáticas veciñas.
Por último, está o caso de Timor Leste, independente de Indonesia desde o ano 2000. Á espera dos resultados das eleccións presidenciais de abril de 2007, a estable transición timorense está determinada pola súa orientación política soberana e os intereses de actores como EEUU, China e Australia, principalmente ante os seus recursos petroleiros marítimos.
Paralelo ao caso timorense, está tamén identificado un conflito separatista na rexión de Banda Aceh, que involucra a rebeldes separatistas en loita co poder central indonesio.
O Oriente Medio "oculto"
Alén do que sucede en Iraq, Palestina, Líbano ou Irán, un conflito oculto é o de Iemen, dividida ata 1990 entre Iemen do Norte e do Sur por factores relacionados coa guerra fría e a confrontación bipolar entre Washington e Moscova. A pesar da posterior reunificación, as tensións poden revitalizarse pola loita política tribal e os intereses petroleiros.
No entanto, o factor de maior potencialidade de conflito en Oriente Medio é o Kurdistán. Con 30 millóns de persoas repartidas en Turquía, Iraq, Irán, Siria, o Cáucaso e a súa diáspora, os kurdos constitúen o maior pobo sen Estado no mundo.
A reactivación da loita armada por parte do Partido dos Traballadores do Kurdistán, PKK en Turquía e a posible conformación dun Estado kurdo independente ao norte de Iraq, ameaza con renovar as tensións xeopolíticas dos kurdos con Turquía e Irán nunha rexión estratexicamente vital polos seus recursos petroleiros e acuíferos.
O Alto Mando militar turco acaba de anunciar unha posible invasión ao Kurdistán iraquí, debido á intensa actividade do PKK nesa rexión, co cal se eleva o risco de inseguridade dentro do delicado panorama rexional.
Europa tampouco escapa
Principalmente localizados no espazo ex soviético, balcánico e euroasiático, Europa observa a irresolución de diversos conflitos: Cósova, Chechenia, Transniestria (Moldavia), o enclave armenio de Nagorno Karabagh (Acerbaixán), Chipre, Osetia do Norte e Abxazia (Xeorxia) e Daguestán, Ingushetia e Kabardino Balkaria (Rusia).
Na Europa occidental e mediterránea seguen a manifestarse tensións en Euskadi co Estado español, Flandres co Estado belga e Córsica co Estado francés.
Texto recomendado:
José María González Ochoa e Ana Isabel Montes Pascual, "Las Guerras Olvidadas", Acento Editorial, Madrid, 1997.
Unha pormenorizada e didáctica exposición dos principais conflitos e guerras con escaso tratamento informativo internacional. A clasificación está dividida segundo a súa localización xeográfica e xeopolítica: África, Oriente Próximo, América Latina, Asia, os conflitos ex soviéticos e Europa.