Un mundo fallado

O número de pobres no mundo acadou en 2009 a cifra de 2.000 millóns de persoas. O Banco Mundial sinalou recentemente que un 81% dos pobres viven nas zonas rurais, pero que son peores as condicións de vida dos pobres que viven nas cidades. Un informe da FAO sinala que 1.200 millóns de persoas no mundo pasan fame todos os días, dos cales 320 millóns son nenos. Na África subsahariana, un 62% das persoas non poden satisfacer as súas necesidades alimentarias e non dispoñen de practicamente ningunha propiedade. Ao non contar con auga limpa e potable, o 74% dos africanos padecen cólera, diarreas e outras enfermidades. Segundo a FAO, nos últimos 20 anos, a pobreza e as enfermidades reduciron a esperanza de vida dos africanos nunha media de 15 anos.

O nivel de pobreza en América Latina está lixeiramente por debaixo da media mundial. Segundo a CEPAL, aquí viven 189 millóns de pobres. O Banco Mundial recoñece que os pobres de Latinoamérica viven con menos dun dólar diario e deles, uns 53 millóns sobreviven cunha renda aínda menor. Centroamérica é a típica rexión pobre. Un 59% dos guatemaltecos viven por debaixo do limiar de pobreza e máis dun millón de nenos-obreiros están sen escolarizar. A OCDE ven de sinalar que como consecuencia da crise financeira global, o número de pobres latinoamericanos aumentará a finais de 2010 en 39 millóns de persoas. En Asia, máis de 350 millóns de nenos viven de pedir esmola, e 40 millóns de nenos non poden ir á escola porque teñen que gañar algo para manter aos seus familiares.

Segundo a ONU, como consecuencia do aumento das desigualdades sociais e económicas, preto de 35 millóns de estadounidenses viven en condicións sumamente malas. No país máis rico do mundo, unha cuarta parte dos negros non poden satisfacer as súas necesidades básicas de alimentación ou vivenda. En Europa, uns 60 millóns de persoas viven en idénticas condicións de pobreza.

Pese a tan dramática situación, que vira a conciencia de calquera persoa sensata, o compromiso mundial coa loita contra a pobreza diminúe mentres o gasto militar segue medrando. En Estados Unidos, que acapara máis da metade dos gastos en defensa de todo o mundo, o presidente Barack Obama e Nobel da Paz presentaba en febreiro ao Congreso un orzamento para defensa por importe de 708.000 millóns de dólares, unha cifra que excede con moito as necesidades do propio país e que só pode entenderse desde a perspectiva de quen pensa en instrumentar capacidades para intervir en calquera parte do mundo e reafirmar esa vocación irrefreable de aspiración ao dominio global. Ignorando a crise e o déficit (que en 2010 ascenderá a 1,6 billóns de dólares), uns 160.000 millóns serán destinados exclusivamente a manter as misións de Afganistán, Paquistán e Iraq. Todo para “protexer a liberdade”, unha protección perversa que contribúe a subverter a mais elemental dignidade e decencia dos individuos, ricos ou pobres. Pasa cando falla a conciencia.