Un mundo sen Leste

¿Revolución ou involución? Dez anos despois da caída do muro de Berlín, a faciana que nos presenta a realidade política, económica e social dos países do Leste europeo, incluído todo o espacio ex-soviético, está ben lonxe das expectativas ilusionantes que alimentaron as primeiras e radiantes esperanzas dos cidadáns desa outra Europa. Á frustración que se palpaba pola irrealización do socialismo seguiu o desencanto por unha economía de mercado, implantada de xeito tan salvaxe que fixo recuar a todos eles en moitos aspectos. Ao día de hoxe, unicamente Polonia, como sinalou Georges Mink, conseguiu recuperar os niveis de producción de 1989. Co muro tamén cairon en picado os sistemas sanitarios, a esperanza de vida, o emprego, a educación, a protección social, etc, sen que a liberdade recuperada cuallase de forma xeralizada en formulacións democráticas exentas de mafias, corruptelas e tics autoritarios. Desacougados por chegar ó primeiro mundo, moitos cairon nas redes da terceiromundización.

A pesar das hipotecas da nova situación, cómpre recoñecer que o derrubamento daquel valado ocasionou unha convulsión universal, un cambio de época, unha nova inflexión dos tempos, con implicacións de longo alcance para o mundo da política e da ideoloxía. Pechouse un ciclo histórico, aínda que con matices. A miúdo, por mor da nosa visión eurocéntrica, pasamos por alto a supervivencia de países que viven nun réxime aquí periclitado (a China) e que aínda as sombras da guerra fría alimentan conflictos nalgunhas rexións clave do planeta (a rivalidade entre as dúas Coreas, as dúas Chinas ou o bloqueo de Cuba constitúen evidencias palpables).

A caída do muro de Berlín orixinou, en primeiro lugar, a formación dun novo modelo de relacións internacionais. Ademáis da inevitable crise de lexitimidade de instancias xurdidas no tempo da guerra fría (OTAN, ONU, OSCE, etc), principiou unha etapa de transición caracterizada por un desequilibrio activo con diversas concepcións en pugna. Para uns, a superación do mundo bipolar debía conducirnos ata a prepotencia hexemónica estadounidense ( Brzezinski), mentres que para outros debía culminar nun mundo multipolar, democraticamente controlable (Paul Kennedy).

En segundo lugar, abortada a carreira de armamentos, eliminado o perigo nuclear (aínda que con secuelas graves como os residuos ou a proliferación), rexurdiron os vellos conflictos (integrismos, nacionalismos) que permaneceran opacados durante décadas pola tensión Leste-Oeste. O mundo debía enfrontarse ós seus problemas reais, agravados pola exacerbación das tensións e desequilibrios entre unhas e outras rexións do planeta, tal e como recollen dende entón os informes sobre desenvolvemento humano de Nacións Unidas.

En terceiro lugar, o proceso de reconversión da economía de guerra e a crise do modelo industrial, aceleraron a mundialización da economía ata niveis descoñecidos. Mentres avanza a competencia entre os tres grandes espacios económicos, o neoliberalismo procura acentuar o desmantelamento do estado de benestar (regreso a Adam Smith). O camiño está expedito: xa non hai sistema antagónico con quen competir.

En cuarto lugar, é no ámbito ideolóxico e político onde o vacío se evidenciou maior. ¿Morreu o socialismo? ¿Trunfou o capitalismo? Cómpre reivindicar certo equilibrio e sentido histórico. Os setenta anos de socialismo irreal non ofrecen únicamente datos negativos. Dende a derrota do nazismo ata certa humanización do capitalismo, e mesmo o gran auxe liberador mundial que alentou nos anos sesenta, son aspectos que non poden ser obviados á hora de facer un balance obxectivo desa gran frustración.

Pero neste aspecto, a consecuencia máis positiva de tan marcada desfeita é a emancipación do pensamento de esquerdas, o adeus ós monopolios da verdade, a recuperación de vellos conceptos (democracia) que agora, enriquecidos, deben vertebrar a formulación dunha nova síntese. Porque ata os mais teimosos defensores da fin das ideoloxías deben recoñecer que, con ou sen muro, segue pendente unha transformación humanista da sociedade.