¿Un Nobel prematuro?

A Comisión Nobel do parlamento noruegués puido cumprir co seu encargo e outorgou o premio anual da Paz. Non sempre foi doado facelo. Dende 1901 faltou, desgraciadamente, en moitas ocasións á cita, sobranceiramente no período que Hobsbawn denomina "guerra dos trinta e tres anos" (1914-1945) e en momentos álxidos da "guerra fría".

Semellaba evidente que os asinantes do acordo de venres santo de 1998 eran os mellores candidatos ao premio deste ano. O acordo de Stormont é sen dúbida o chanzo máis sólido da escada cara a paz en Irlanda, que comezada a construír con anterioridade recibiu un impulso definitivo aquel 31 de Agosto de 1994 cando o IRA fixo pública unha declaración, emitida en Dublín, na que indicaba que dera ordenes ás súas unidades para cesasen por completo as súas operacións militares. Foron catro anos de negociación ben duros, mesmo cunha ruptura da tregua por parte do IRA en 1996.

¿Os comisionados noruegueses non se terán precipitado?. A escada vai moi avanzada e firmemente asentada pero aínda non está rematada. Os dous últimos momentos de tensión (marchas da orde de Orange en Portadown -xullo- e atentado de Omagh -agosto-) producíronse despois de que o acordo de Stormont fose referendado polo 71% de votos afirmativos e se celebrasen as eleccións á Asemblea de Irlanda do Norte. O camiño por percorrer aínda vai estar cheo de tensións mais o horror producido polos corpos queimados en Ballymoney e estragados en Omagh ten xerado un maior illamento dos opositores ao proceso de paz. Mais estes procesos son complexos dabondo como para pensar que xa está todo resolto. Lembrar – sen querer ser malos agoireiros – que en 1994 foille outorgado o Nobel da Paz a Peres, Rabin e Arafat. Catro anos despois, Rabin está morto, Peres perdeu as eleccións e Arafat ten moitas dificultades ao fronte da Autoridade Nacional Palestina e o que é peor o proceso de paz palestino-israelí paralizado ou retrocedendo. A paz en Irlanda do Norte depende máis de cómo se resolvan cuestións como a desmilitarización, a transformación da Royal Ulster Constabulary -policía -, o desarme do IRA e dos paramilitares unionistas, a saída dos presos, as competencias da Asemblea, a integración ou non do Sinn Fein no executivo…, que da concesión dun premio.

En 1976 xa se tiña concedido o Nobel da Paz a dúas norirlandesas Betty Williams e Mairead Corrigan fundadoras do movemento civil Xente pola Paz. Nesta ocasión o problema estaba en a quen non se lle concedía. Moitas foron as persoas que xogaron un papel sobranceiro nas negociacións: o senador norteamericano George Mitchell e o presidente Clinton, o "premier" Blair e o seu antecesor John Major, o "taoiseach" Bertie Arhen, a ministra Mo Mowlan e os lideres norirlandeses.

As eleccións do 25 de xuño pasado confirmaron a catro grandes partidos: o UUP-Partido Unionista do Ulster de David Trimble (28 escanos); o SDLP- Partido Socialdemócrata e Laborista de Hume (24); o DUP- Partido Unionista Democrático de Ian Paisley (20) e o Sinn Fein de Adams (18). Outros cinco partidos acadaron representación, tres deles unionistas (10 escanos) e dous intercomunitarios (8 escanos).

Dos catro grandes, tres asinaron o acordo de venres santo. Quedou fora o grupo do reverendo protestante Ian Paisley que obviamente non podería ser candidato a un premio á paz que non quere. Finalmente concedéronllo a John Hume e David Trimble, deixando fora a Gerry Adams. A ausencia de Adams, difícil de entender dende o exterior, é máis comprensible se atendemos á situación interna do Ulster. A concesión do premio ao líder do Sinn Fein podería ser considerada por sectores unionistas como unha provocación e, é entre estes onde se concentra a maior oposición ao acordo de Stormont. Mais o líder do Sinn Fein ten acumulado, ao longo dos últimos anos, tantos méritos coma os outros para ser merecente do galardón. O premio recoñece o labor de John Hume, o dirixente do SDLP de base católica, pouco recoñecido polos medios internacionais pero persoeiro clave que apostou, desde hai trinta anos, polo entendemento entre as dúas comunidades e fixo fronte ás presións do goberno británico e dos unionistas cando estes pretendían deixar fora das negociacións ao Sinn Fein e polo tanto ao IRA, co que levaba anos en conversas. O premio persegue tamén consolidar a Trimble ao fronte dos unionistas favorables ao acordo e impedir unha marcha atrás do falcón convertido en pomba que ostenta a xefatura do primeiro goberno semiautonómico de Irlanda do Norte.

As reaccións ante a resolución dada a coñecer en Oslo son significativas: Hume, entendeu no como un premio ao pobo irlandés e aos seus partidos políticos; o Sinn Fein felicitou aos premiados e non fixo referencia á ausencia de Adams; Paisley declarou que unha vez máis o premio Nobel era unha farsa; Trimble amosouse esperanzado en que non sexa un recoñecemento prematuro.

Quizais fose de xusticia subliñar o labor da ministra Mowlan quen xa era membro do gabinete laborista na sombra e seica o mesmo día no que os laboristas gañaron as eleccións que situaron a Tony Blair na xefatura do goberno, desprazouse a Irlanda sen esperar ás celebracións pola victoria. Esta muller malencarada e de peor linguaxe que convive cunha penosa enfermidade interveu decisivamente nos momentos críticos, como cando se desprazou ao cárcere de alta seguridade de Maze para entrevistarse cos xefes paramilitares unionistas.

¡Que non sexa un premio prematuro!