O pasado mes de decembro rexistrábase por primeira vez en Córsega a vitoria e conformación dun goberno nacionalista, o que fixo tremer os cimentos da sociedade francesa. A coalición nacionalista Pè a Corsica (Por Córsega) obtivo, con 24 escanos, unha ampla vitoria nas eleccións rexionais, quedando a só dous escanos da maioría absoluta.
O pasado mes de decembro rexistrábase por primeira vez en Córsega a vitoria e conformación dun goberno nacionalista, o que fixo tremer os cimentos da sociedade francesa. A coalición nacionalista Pè a Corsica (Por Córsega) obtivo, con 24 escanos, unha ampla vitoria nas eleccións rexionais, quedando a só dous escanos da maioría absoluta.
Isto acontece nun clima político moi convulso en Francia debido ao pánico social pola ameaza terrorista e ao avance da extrema dereita de Marine Le Pen. A isto cómpre engadir que o país galo é unha sociedade pouco acostumada a ideoloxías políticas de tipo nacionalista non francés ou simplemente autonomista, o cal fai que a nova situación corsa provoque unha polémica que noutras sociedades sería asumida con mais normalidade. Isto ocorre en múltiples países da Unión Europea coma o Reino Unido, España ou Bélxica, sociedades nas que os partidos estatais conviven con partidos nacionalistas non estatais.
Aínda que a vitoria dos nacionalistas corsos nas eleccións rexionais xa xerara polémica na opinión pública francesa, o gran debate saltaba a partires da investidura tanto do presidente da cámara, o independentista de Corsica Libera, Jean-Guy Talamoni coma do novo presidente do goberno corso Gilles Simeoni, antigo alcalde de Bastia. Os motivos desta polémica foron a utilización da lingua propia da illa, o corso, en diferentes intervencións do pleno, a reivindicación dos combatentes das autoridades francesas en terra corsa por parte do novo presidente do parlamento, Talamoni, ademais das múltiples referencias á nación corsa e a construción do seu propio futuro.
Ante estas declaracións durante o pleno de investidura, a resposta do goberno de París foi a da negación total da nova realidade política en Córsega. O actual primeiro ministro francés, Manuel Valls, fixo unhas declaracións demoledoras en torno a este tema. “Só hai unha nación, a francesa” afirmou o primeiro ministro ao que o novo presidente corso respondeu “Pretender eludir que Córsega foi un estado independente no século XVIII, que hai un pobo corso que é unha realidade obxectiva, creo que é virarse de costas a unha obviedade”.
Poucos días despois das investiduras rexionais, Manuel Valls comezou a súa ronda de reunións cos novos presidentes territoriais. O primeiro ministro recibiu a Talamoni e Simeoni en París nun encontro cargado de tensión polas declaracións que cruzaron nos días anteriores. Ao remate da entrevista, Simeoni declarou: “É inconcibible que o goberno e o Estado continúen rexeitando tomar en consideración as deliberacións que foron votadas pola Asemblea de Córsega. Tampouco é concibible que o goberno e o Estado se neguen a tomar en consideración a nova situación política que se creou en Córsega”. Estas declaracións fixeron que quedara patente a desconexión total entre o goberno central e o corso, situación similar á actual en España coas relacións entre o goberno de Rajoy e o catalán.
Aínda así, a reunión serviu para poñer en marcha tres grupos de traballo co obxecto de iniciar os diálogos entre ambas partes para acordar unha revisión da Constitución. Estes tres grupos teñen en axenda a discusión sobre a lingua corsa, as institucións corsas e a propiedade das terras na illa. Por unha banda, os nacionalistas corsos teñen varias demandas no seu programa, entre elas: a aprobación dun novo estatuto de cooficialidade pra o corso, a posta en marcha dun Estatuto de Autonomía e a creación dunha especie de cidadanía corsa que limite o dereito do resto dos cidadáns franceses á compra de terras na illa, co obxectivo de frear a especulación.
Estas reivindicacións xa recibiran un apoio case unánime no pasado por parte da Asemblea da illa. No ano 2013, estas propostas recibiron 46 votos a favor de 51 totais, sinalando un amplo consenso xa non só no seo dos partidos nacionalistas, senón tamén contando co apoio dos representantes dos partidos estatais na cámara. Pola contra, o goberno de París, polo momento, estase a mostrar moi reticente á hora de facer algunha concesión deste tipo alegando a existencia de liñas vermellas que Francia non pode traspasar.
Ante este novo panorama político, todo parece indicar que o centralismo herdado do xacobinismo galo está comezando a quedarse obsoleto fronte os tempos que corren. Hoxe en día, as sociedades modernas son moi diversas, e a solución ao problema corso non pode pasar por virarlle as costas a esta diversidade pulando por forzar unha unidade nacional e cultural inexistente ou anticuada. As reivindicacións dos pobos non van desaparecer tratando de facer caso omiso ao ratificado polas urnas. A pelota está agora no tellado do goberno do socialdemócrata Manuel Valls; está por ver se o seu executivo estará á altura das peticións emanadas do pobo corso.