Quizáis poucos o lembren, pero houbo un tempo en que unha das críticas máis insistentes ó sistema de economía planificada vixente na URSS centrábase no feito de estar administrativamente dirixida e desgarradoramente mediatizada por unha política de subvencións que, traducido á lingoaxe común, implicaba vivir de costas a unha realidade que acabaría por impoñer o seu inapelable criterio baseado na rendibilidade e a eficiencia.
Paradoxalmente, condicionado pola necesidade de evitar a emerxencia dun nacionalismo belixerante con Occidente, o actuar do Fondo Monetario Internacional (FMI) lembra a configuración dunha especie de "soviet financeiro mundial" que procura, cos seus cretos, evitar a toda costa unha catástrofe longamente anunciada. Tal como están as cousas na Rusia de Ieltsin, do que se trata non é tanto de evitar unha explosión social senón de como secuenciala para asegurar o maximo control posible da situación. Pese á consabida paciencia e desentendemento dunha importante maioría social, o descalabro económico e político é de tal magnitude que unha crise de grandes proporcións semella cada día mais verosímil. A duras penas, as subvencións soamente conseguirán demorala.