O término "mafia" en Rusia ten unha acepción moi extensa, e abarca toda unha amalgama de fenómenos que inclúen tanto a criminalidade común como as empresas paralegais e a corrupción nas máis altas esferas do poder. Segundo fontes do propio Ministerio do Interior, as organizacións criminais poderían controlar en Rusia máis do cincuenta por cento das empresas. A parte da economía sumerxida nas súas mans roldaría entre o 20 e o 50%. Ademáis de empresas e sectores productivos, rexións enteiras poderían estar dominadas pola criminalidade organizada.
Non hai esfera de actividade na que non esté presente a corrupción. As disputas polos beneficios obtidos en negocios de dudosa legalidade ou abertamente ilegais resolvense a tiro limpio, coma no Chicago dos anos vinte. Segundo a axencia británica "Control Risk Group", que asesora a empresas interesadas en investir nos países en transición, a corrupción supón para Rusia a perda de máis de dous billóns de pesetas cada ano, suficiente para pagar dúas veces os salarios en atraso de millóns de traballadores e pensionistas. O seu calado é tan grande que condiciona non soamente a superación da crise económica, senón a propia estabilidade política do país. É a protección dos intereses dos grupos de poder xurdidos ó amparo do saqueo do Estado quen motiva, aseguran moitos observadores, o cese dun primeiro ministro tras outro, e podería estar detrás tamén da dimisión presidencial e a anticipación dos comicios de xuño.
Calquer balance da etapa de Boris Ieltsin non pode ignorar a prosperidade do matón a soldo; o desvío de importantes reservas de divisas para ser colocadas en paraísos fiscais (ata cinco billóns de pesetas, case trinta mil millóns de euros); a existencia de varios millóns de nenos desprotexidos vagando polo país, ó abeiro da droga e a prostitución; ou, en parello, o dispendio de varios centos de millóns de dólares na restauración do Gran Palacio do Kremlin para satisfacer a renacida debilidade imperial rusa. Os circulos máis proximos a Ieltsin están implicados nesta voráxine saqueadora, comezando pola súa popia filla, Tatiana Diatchenko, e Naina Lossifovna. Boris Berezovski, o novo Rasputín da corte, pasa por ser a "alma maldita" desta atribulada Rusia post-soviética.
Esas manifestacións, aparentemente tan dispares, constitúen, sen embargo, significativos exemplos dun mesmo fracaso: a incapacidade para vertebrar unha economía saneada; para organizar un Estado recoñecible; para estructurar minimamente unha sociedade civil; para asentar, en fin, un réxime de convivencia non condicionado pola ocupación salvaxe de todos os simbolos de poder, ben sexan económicos, sociais ou políticos. Ieltsin foi incapaz de deseñar e establecer mecanismos de transformación da sociedade post-soviética que aproximaran a Rusia a ese estado de dereito proclamado como gran obxectivo por parte daqueles "demócratas" que precipitaron a caída de Gorbachov, o único reformista que de certo había entre todos eles.
De comisario a executivo
Fronte a unha ampla franxa de poboación ostensiblemente marxinada, a vella nomenclatura soviética rapidamente pasou a formar parte dese capitalismo de elexidos, xenerosamente beneficiados polas primeiras medidas privatizadoras. Os famosos bonos que distribuían gratuitamente entre toda a poboación boa parte do patrimonio estatal, axiña foron a parar ás mans de clans de intermediarios que rodearon de total opacidade as súas operacións especulativas. Todo o poder, noutrora en mans do Partido e dos Soviets, pasou a mans dunha burocracia reconvertida ó mundo dos negocios, deixando atrás ós pioneiros do mercado, os cooperativistas de Gorbachov, que habían ser o xerme dunha nova clase social posuidora.
Hoxendía, unicamente un 20% das elites rusas, políticas e económicas, non están ligadas ó antigo sistema soviético. Esa metamorfose, desprovista de escrúpulos, abortou toda posibilidade de ruptura real, favorecendo o distanciamento da sociedade respecto dun poder no que non podía confiar. Ieltsin nada fixo para quebrar esa ausencia de credibilidade.
¡Sálvese quen poida!
Mentres en Moscova a loita polo poder foi sempre unha constante, cada suxeito da Federación Rusa optou por construir o seu propio sistema, naturalmente sen pararse a observar a legalidade que viña do centro, con claro predominio da política de imposición de "homes fortes", escasamente comprometidos con concepcións e ideas vagamente asociables coa lexitimidade democrática. Natalia Lapina, da Academia de Ciencias rusa, observa a definición de catro modelos: o apadriñamento (Tatarstán, Baxkortostán, Ulianovsk, Krasnodar, Moscova); a asociación (Nixni Nóvgorod, Leningrado, Volga, San Petersburgo); a coacción (rexión de Kírov); e a "privatización" dos asuntos públicos (Kalmukia, Krasnoiarsk, Tiúmen, Murmansk, Xabarovsk). Mentres os dous primeiros modelos estimularon certo desenvolvemento local, os dous últimos simplemente favoreceron a dilapidación das riquezas e a expansión da mafia.
Na Rusia de Ieltsin, repúblicas enteiras (como Kalmukia) foron transformadas en auténticas sociedades anónimas nas que toda a actividade está sometida ó control do seu Presidente, Kirsan Iliumdxinov. Outro tanto podería dicirse da república de Kakasia. Aquí, Alexei Lebed, irmán de Alexandre, é coñecido como o "gobernador do aluminio", pola súa especial ligazón ó sector. Son moitas as fontes que aseguran que este sector estratéxico está en máns de grupos criminais, contando con importantes protectores nas máis altas esferas do estado. En todos estes territorios, a implicación entre política, economía e mafia está á orde do día.
A mafia rusa está aquí
As investigacións realizadas pola policía española revelan que algúns xefes da mafia rusa dirixen os seus negocios en Moscova dende as súas mansións de Marbella. Alexander Sigarev é o principal expoñente dese desembarco, vía Xibraltar, de varios millóns de dólares procedentes de casinos, contrabando e estafas. A Costa do Sol convertiuse para os novos ricos rusos no lugar ideal para branquear as súas ganancias e, de paso, poñerse morenos.