A mediados do pasado mes de xullo fíxose público o informe do Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) de 2004, centrado na análise da "Liberdade Cultural nun Mundo Diversificado". O documento revela que Portugal caeu tres postos na lista dos países máis desenvolvidos do mundo, pasando do vixésimoterceiro lugar á posición número vinteseis.
O índice de desenvolvemento humano analiza os datos correspondentes ó ano 2002 dun país en tres dimensións. A primeira é unha vida longa e saudable, medida pola esperanza de vida ó nacer. Outra é o coñecemento, clasificado a partir da taxa de alfabetización de adultos e a taxa de matriculación no ensino primario, secundario e superior. E por último o nivel de vida medido polo PIB per cápita en dólares PPA (paridade de poder adquisitivo).
En canto á esperanza de vida, en Portugal atópase actualmente nos 76â2 fronte ós 68 anos de 1975. Se o comparamos cos datos doutros socios europeos, constatamos que Suecia, o mellor posicionado da Unión, ten unha esperanza de vida de 80â1, España de 79â3 anos e Grecia de 78â3.
Con respecto ó nivel educativo da poboación, a taxa de alfabetización de adultos en Portugal mantívose inalterada en relación ó ano anterior, no 92â5 por cento das persoas maiores de 15 anos.
Por último, no relativo ó PIB per cápita , a penas pasou de 18.150 dólares no 2001 a 18.280, mentres que Italia e Grecia, os países máis próximos na táboa, alcanzan os 26.430 e os 18.700 dólares, respectivamente.
Para o PNUD, Portugal continúa á cola dos antigos 15 membros da Unión Europea. Ademais, de entre os novos estados da UE, Eslovenia, Malta, Chipre e Estonia, atópanse nunha posición non moi afastada da portuguesa, polo que cando comecen a beneficiarse dos programas de apoio para a integración, dos que tamén se beneficiou Portugal no seu día cando se adheriu á Comunidade Europea, cabe no posible que superen axiña posición do país luso, que volvería a descender na lista de países máis desenvolvidos nos próximos anos.
Relendo a pouca prensa portuguesa que tentou analizar os datos presentados, pode dicirse que o descenso na clasificación do país veciño, debeuse non só a un avance máis lento de Portugal, senón a que os países que lle adiantaron rexistraron mellores indicativos en canto a esperanza de vida, a taxa de escolarización e a distribución da riqueza. Para as elites políticas a explicación debeu se-la mesma, xa que non se fixeron eco dos resultados do informe da ONU, envoltos como estaban no furacán político da "sucesión" gobernamental, ou ben porque simplemente consideran que para Portugal non son tan importantes ou relevantes as carencias que reflicte o documento.
¿Será bo ignorar estes datos ou aferrarse a idea de que Portugal non é que avance pouco senón que os demais avanzan máis como explicación do retroceso na táboa da ONU? ¿Ou é mellor pensar no afirmado pola directora do PNUD, Gita Welsh, segundo ela debido á entrada de novos países na lista? ¿Non sería convinte facer autocrítica e analizar as verdadeiras razóns do estancamento luso, que por outra parte poden se-los motivos que condicionan negativamente a tan desexada recuperación económica?
Segundo recolle o "Diario de Noticias", xa existía no ano pasado a posibilidade da caída de Portugal na clasificación de países máis desenvolvidos a causa do afrouxamento do crecemento económico. De feito, un dos elementos máis afectados pola crise foi o capital humano, que viu como minguaban as súas posibilidades de evolución e adecuación ás novas circunstancias da economía, debido a ausencia de políticas de formación e reciclaxe para a mellora na cualificación dos traballadores. Esta situación provoca que se produza o contrario do esperado e ansiado para Portugal, a ampliación da diverxencia "en vez da converxencia- co resto dos países do entorno.
Por outra banda, o índice da ONU tamén demostra que unha vida longa e saudable, culta e de benestar, non é unha utopía. Noruega, que por terceiro ano consecutivo lidera a lista, ten unha taxa de escolarización dun 98%, un PIB per cápita que ascende a 36 mil dólares, e unha esperanza de vida de 79 anos. A cuestión é que Noruega gasta máis en saúde e educación que en cuestións militares, por exemplo, ámbito que as autoridades portuguesas si consideran importante á hora de reparti-lo orzamento. De feito, o anterior goberno liderado por Durão Barroso, que tanto insistía na necesidade de aperta-lo cinto e recorta-los gastos públicos porque o Estado non dispuña de recursos económicos e se disparaba o déficit, xestionou a compra de dous submarinos para o exercito portugués.
Aínda que a publicación destes números teñen como obxectivo provocar unha reacción global para que a meta dunha vida mellor se concrete en todo o mundo, para algúns é só a presentación duns problemas afastados da nosa mirada occidental, nos que soamente cavilamos no momento de ler a noticia. E isto é o que ocorre en Portugal, xa que o informe nada máis serviu para saber que caeron tres postos na táboa de países máis desenvolvidos como se tratase mesmo do ârankingâda FIFA, en lugar de apremiar políticas públicas correctoras que sitúen o ser humano no epicentro do desenvolvemento.