Un triunfo presidencial sen maioría parlamentaria
O Consello Nacional Electoral pechou o escrutinio da segunda volta con 12.959.542 votos para De la Espriella, de Defensores de la Patria, e 12.708.712 para Cepeda, do Pacto Histórico (Consejo Nacional Electoral, 2026a). A diferenza, 250.830 sufraxios, non chega ao punto porcentual. O mandato constitucional é indiscutible; a marxe política que o acompaña, bastante menos, e ningunha lectura razoable dese resultado permite presentar a elección como unha autorización sen límites de actuación.
A debilidade inmediata do presidente está no Congreso. Defensores de la Patria concorreu ás presidenciais como grupo significativo de cidadáns, sen bancada propia elixida baixo esa denominación (Registraduría Nacional del Estado Civil, 2026), e Salvación Nacional, o partido que o acompañou con maior proximidade, conta con catro senadores e un representante. Son cinco escanos fronte aos 49 que suma o Centro Democrático entre as dúas cámaras, 17 no Senado e 32 na Cámara, e fronte á bancada individual máis ampla do Pacto Histórico (Cámara de Representantes de Colombia, 2026).
O sistema colombiano permite ao Executivo iniciar políticas mediante decretos e decisións administrativas, aínda que as reformas que afectan impostos, orzamentos, dereitos ou estruturas legais deben pasar polo Congreso. As decisións ordinarias requiren quórum decisorio e a maioría dos votos dos asistentes (Ley 5 de 1992). As leis estatutarias e outras materias previstas na Constitución esixen maiorías reforzadas (Constitución Política de Colombia, 1991, art. 153).
Un Senado sen dono
A cámara terá 103 membros: os 102 elixidos o 8 de marzo e o escano de oposición que aceptou Iván Cepeda. O Pacto Histórico obtivo 25 escanos; o Centro Democrático, 17; o Partido Liberal, 13; Alianza por Colombia, once; o Partido Conservador, dez; o Partido da U, oito; Cambio Radical-ALMA, sete; Ahora Colombia, cinco; Salvación Nacional, catro, e as circunscricións indíxenas, dúas (Consejo Nacional Electoral, 2026b). Ningún partido se achega á maioría absoluta, de maneira que o goberno terá que construír unha coalición estable ou negociar acordos distintos para cada proxecto.

Ilustración 1. Composición por bloques do Senado de la República de Colombia.
Fonte: Elaboración propia a partir dos datos do Consejo Nacional Electoral (2026b).
Un bloque formado por Centro Democrático, conservadores, Cambio Radical e Salvación Nacional podería achegar ao presidente esa maioría. O cálculo aritmético, porén, oculta desacordos políticos. O Centro Democrático declarou a súa disposición a ser partido de Goberno, pero Álvaro Uribe rexeitou entregar o liderado da dereita ao novo mandatario (Jaramillo Bernat, 2026). A primeira votación da lexislatura confirmou esa reserva. O 20 de xullo, Honorio Henríquez, do Centro Democrático, gañou a presidencia do Senado con 56 votos fronte aos 45 de Alfredo Deluque, o candidato que impulsaba De la Espriella, e fíxoo cos apoios engadidos do Pacto Histórico (Senado de la República de Colombia, 2026).
A derrota pesa moito máis do que suxire un cargo de aparencia protocolaria xa quen preside o Senado ordena os debates e inflúe na distribución das comisións, ademais de dispor de visibilidade nacional durante todo o primeiro ano do mandato. O uribismo quixo conservar unha posición propia ante un presidente que gañou utilizando boa parte das súas bandeiras sobre seguridade, empresa privada e redución do Estado.
Os partidos tradicionais gardan a chave
O Partido Liberal, o Conservador e o Partido da U manteñen unha representación suficiente para decidir as votacións nas que a dereita colombiana chegue dividida. Aínda así, o problema é que ese intercambio parlamentario adoita pagarse con postos e contratos, e deixa o programa nun segundo plano e De la Espriella, fixo campaña contra esas prácticas, polo tanto necesitará congresistas capaces de defender o orzamento e de tramitar as súas iniciativas nas comisións.
Durante os primeiros meses é probable que se forme unha maioría de xeometría variable, distinta segundo a materia que se debata. Centro Democrático, Salvación Nacional e Cambio Radical poden apoiar a axenda de seguridade e as medidas favorables ao sector privado. Conservadores, liberais e Partido da U decidirán boa parte das votacións fiscais e sociais.
Todo iso remite a un problema de prioridades debido a que presentar ao mesmo tempo reformas sobre paz, administración pública e impostos elevaría o custo das negociacións mentres que unha axenda máis limitada facilitaría acordos verificables e permitiría ao Goberno medir a disciplina dos aliados.
O Congreso instalado o 20 de xullo será o principal límite político do novo mandatario e tamén o lugar onde poderá ampliar a base do seu Goberno. A derrota de Deluque na primeira votación da lexislatura marca xa o prezo de entrada: De la Espriella gañou a Presidencia sen partido propio e terá que pagar cada lei nunha moeda que non fixa el. A tramitación do orzamento de 2027 dirá canto lle custa.
Referencias bibliográficas
Cámara de Representantes de Colombia. (2026, 7 de abril). Representantes a la Cámara elegidos para el periodo legislativo: 2026-2030. https://www.camara.gov.co/representantes-a-la-camara-elegidos-para-el-periodo-legislativo-2026-2030/
Caracol Radio. (2026, 24 de xuño). Iván Cepeda y Aida Quilcué aceptaron ante el CNE curules de oposición en Senado y Cámara. https://caracol.com.co/2026/06/24/ivan-cepeda-y-aida-quilcue-aceptaron-ante-el-cne-curules-de-oposicion-en-senado-y-camara/
Consejo Nacional Electoral. (2026a, 24 de xuño). Declaratoria de elección de presidente y vicepresidente de la República de Colombia, período 2026-2030 [Formulario E-26]. https://www.cne.gov.co/resoluciones-cne-2026/cne-dgc-aceg-029557-2026-gen
Consejo Nacional Electoral. (2026b, 13 de xullo). Resolución E-3328 de 2026, por medio de la cual se declara la elección de senadores de la República para el período constitucional 2026-2030.
Constitución Política de Colombia [Const.]. (1991). Secretaría Jurídica Distrital.
Galindo, J. (2026, 15 de xullo). Abelardo contra el Acuerdo de paz. El País. https://elpais.com/america-colombia/2026-07-15/abelardo-contra-el-acuerdo-de-paz.html
Jaramillo Bernat, E. (2026, 17 de xullo). El expresidente Álvaro Uribe advierte a Abelardo de la Espriella: “Si el tigre va a rugir contra nosotros, nos toca proceder como las abejas”. El País. https://elpais.com/america-colombia/2026-07-17/el-expresidente-alvaro-uribe-advierte-a-abelardo-de-la-espriella-si-el-tigre-va-a-rugir-contra-nosotros-nos-toca-proceder-como-las-abejas.html
Ley 5 de 1992. Por la cual se expide el Reglamento del Congreso, el Senado y la Cámara de Representantes. 17 de xuño de 1992. Diario Oficial, núm. 40.483.
Ley 1909 de 2018. Por medio de la cual se adoptan el Estatuto de la Oposición Política y algunos derechos a las organizaciones políticas independientes. 9 de xullo de 2018. Diario Oficial, núm. 50.649.
Registraduría Nacional del Estado Civil. (2026). Relación de candidatos a presidencia y vicepresidencia 2026: Segunda vuelta. https://wapp.registraduria.gov.co/electoral/2026/presidente-de-la-republica-segunda-vuelta/registro-candidatos.html
Senado de la República de Colombia. (2026, 20 de xullo). Honorio Henríquez, nuevo presidente del Senado para el primer año legislativo 2026-2027. https://www.senado.gov.co/index.php/el-senado/noticias/7471-honorio-henriquez-nuevo-presidente-del-senado-para-el-primer-ano-legislativo-2026-2027

