20090120 washihgton barack obama discurso

Un Presidente diferente

As opinións poden variar, pero ninguén dubida que os primeiros cen días de Obama na presidencia de EEUU estiveron cheos de acontecementos e cunha axenda moi apertada. Valga de exemplo que pasou máis días no estranxeiro ca ningún outro dos seus corenta e tres predecesores ou que ofreceu case tantas roldas de prensa en horario de máxima audiencia coma Bush en todo o seu primeiro ano de mandato. A aprobación dos paquetes de estímulos fronte a crise e os numerosos decretos relacionados con temas que van dende a ampliación dos subsidios para coidados sanitarios, a equidade retributiva para homes e mulleres, o levantamento da prohibición de financiar a investigación sobre células nai embrionarias ou a imposición dunha nova ética no funcionamento dos grupos de presión complementáronse cun novo ton exterior co énfase posto na cooperación e no multilateralismo, abrindo camiño a unha relaxación das tensións con Irán, Venezuela e ata con Cuba.

En tódalas frontes, a mobilización de Obama semella discorrer cun norte: distanciarse o máximo posible da administración Bush. Nese empeño tamén exhibe unha hipoteca: quere agradar a todo o mundo e cústalle por iso definir as súas prioridades. Así, un día pecha Guantanamo e outro rexeita chegar ata o final no asunto das torturas.

En xeral, os novos xestos de Obama foron ben acollidos en moitos países pero aínda se agarda un impacto que vaia máis alá das palabras que todo o mundo quería escoitar. Internamente, os índices de apoio social revalidan a excelencia das súas medidas. Obama quere “refacer EEUU”, un obxectivo que transcende a reacción ante a propia crise, pero se fracasa nos seus plans para salvar a economía, o soño de afirmarse como un Roosevelt negro pode acabar en pesadelo. Queda aínda moita presidencia por diante. Estes cen primeiros días, exuberantes en canto a oratoria tranquilizadora e proximidade cívica, dificilmente poden predicir o signo do resto do mandato. O máis importante agarda.