A península coreana ilustra un dos conflitos abertos herdeiros da “guerra fría”.
A península coreana ilustra un dos conflitos abertos herdeiros da “guerra fría”. De feito, a fronteira entre Corea do Norte e do Sur é a máis militarizada do mundo, en permanente estado de tensión precisamente porque o armisticio de 1953, que marcou a finalización das hostilidades e un prolongado pero delicado paréntese de paz trala Guerra de Corea (1950-1953), ironicamente sempre deixou aberta a posibilidade dunha reanudación das hostilidades entre Pyongyang e Seúl.
Polo tanto, o ataque militar de Corea do Norte contra a illa surcoreana de Yeonpyeong non só explica este permanente estado de tensión senón a posibilidade de que calquera incidente como este (probablemente o máis grave desde 1953, precisamente porque involucra un ataque militar contra territorio inimigo), incrementa as probabilidades desa reanudación das hostilidades.
Un incidente que, probablemente, xa tivo un apéndice co afundimento da embarcación militar surcoreana Chenoan, en marzo pasado, con saldo de 46 tripulantes mortos. Unha comisión internacional culpou a Pyongyang deste ataque, que obviamente provocou unha reacción contraria por parte do réxime norcoreano. No caso do ataque do martes 23 na illa de Yeonpyeong, localizada no Mar Amarelo en plena liña de delimitación marítima entre ambas Coreas, Pyongyang argumentou unha resposta a unha presunta agresión surcoreana que, curiosamente, Seúl terminou recoñecendo como “disparos de proba”.
Non obstante, a actual crise coreana, que igualmente implica un delicado equilibrio militar e nuclear en Asia Oriental na que tamén están involucrados China, EEUU, Rusia e Xapón, explícase por tres variables principais: unha de carácter político interno dentro do réxime comunista norcoreano; e dúas probablemente motivadas pola actual conxuntura rexional e internacional en materia de seguridade.
Polo tanto, qué razóns motivarían a Pyongyang a realizar un ataque militar contra o seu veciño do Sur? Moi probablemente, factores de carácter interno como a necesidade da poderosa cúpula militar norcoreana á hora de manifestar a fortaleza do réxime ante o proceso de “sucesión dinástica” do “Líder Máximo” Kim Jong Il (68 anos) a mans do seu terceiro fillo Kim Jong-un, de aproximadamente 27 anos.
Esta sucesión oficializouse en setembro pasado durante unha reunión extraordinaria do Partido dos Traballadores de Corea do Norte, correspondendo esta a súa primeira reunión extraordinaria desde 1966 e tamén a primeira convocatoria dende a celebración do VI Congreso dese partido en 1980. “Institucionalizada” a sucesión en mans de Kim Jong-un, a cúpula militar norcoreana moi probablemente veuse persuadida a demostrar a fortaleza e firmeza do réxime, a través dun endurecemento da súa posición militar e estratéxica.
Non obstante, esta variable de carácter interno non sería completamente verídica se non se observa a actual conxuntura internacional para Pyongyang. As revelacións dun científico estadounidense no diario The New York Times o pasado luns 22 (un día antes do ataque norcoreano), sobre a existencia en Corea do Norte dunha planta centrifugadora secreta de uranio enriquecido cunha poderosa capacidade nuclear, saltou as alarmas en Washington e na ONU.
Sorprendido por este descubrimento, o goberno de Barack Obama inmediatamente paralizou a súa finalmente errática estratexia de “disuasión diplomática” cara Pyongyang, anunciando a suspensión das negociacións multilaterais sobre a “desnuclearización” da península coreana.
Polo tanto, non resulta casual que, tras estas revelacións e nun momento en que o emisario estadounidense Stephen Bosworth se atopaba en China para “reacomodar” a estratexia cara Pyongyang, o réxime norcoreano aproveitara esta conxuntura para lanzar unha mensaxe de forza e firmeza a través dun ataque que, ata o momento, provocou dúas mortes e unha decena de feridos, así como a activación do estado de alerta nacional en Corea do Sur.
Unha terceira variable, máis de carácter indirecto, que explique esta inesperada reacción militar norcoreana pode focalizarse no pacto estratéxico entre a OTAN e Rusia para o período 2010-2020, alcanzado no recente Cumio de Lisboa celebrado o pasado 19-20 de novembro. Este pacto permitiría a ampliación do polémico escudo antimísiles estadounidense cara o espazo ex soviético e Asia Central, con claras perspectivas de evitar ou repeler as ameazas de “terceiros países” con capacidade nuclear e misilística, obviamente sinalando así a Corea do Norte e Irán.
Deste modo, o histórico pacto OTAN-Rusia significa para Pyongyang un duro golpe pola implicación de Moscova nesta estratexia da Alianza Atlántica. A pesar do distanciamento ruso-norcoreano nos últimos tempos, Moscova erixíase como un claro avaliador da potencialidade nuclear norcoreana, así como dunha estratéxica xanela diplomática exterior para Pyoangyang.
As consecuencias deste ataque militar norcoreano moi probablemente implicarán maiores sancións contra Pyongyang por parte do Consello de Seguridade da ONU. Pero a clave da resolución ou desactivación parcial deste conflito estará concentrada na capacidade política e diplomática de China para moderar a eventual radicalización do escenario en Asia Oriental. Deste modo, Beijing ten nas súas mans unha oportunidade esencial para impoñer o seu peso diplomático e a súa capacidade de influencia nunha crise con claras consecuencias para a seguridade global.