19931004 asalto ao parlamento ruso

Un retrato de Ieltsin

 Asalto ao Parlamento ruso, clic para aumentar
Celebrar o apego democrático de Ieltsin despois do bombardeo do Parlamento ruso (porque se opuña á súa política) ou a guerra de Chechenia (onde se levaron a cabo verdadeiras atrocidades contra a poboación civil) constitúe un insulto á decencia e resulta expresiva da dobre moral con que algúns en Occidente confunden dereitos e intereses, ignorando aos auténticos demócratas, desde Gorbachov aos disidentes da vella URSS quen, por certo, rapidamente se desapegaron de calquera asociación con Ieltsin e a súa corte de sátrapas e delincuentes. (Foto: Asalto ao Parlamento ruso o 4 de outubro de 1993).
 

Nin era un demócrata nin levou a democracia a Rusia. En ningún sentido. Ieltsin foi o auténtico pai da democradura rusa, un autócrata útil cun legado político, socioeconómico e estratéxico que só malevolamente explica as gabanzas dos líderes occidentais con motivo da súa morte.

Ás portas do que era o Museo da Revolución de Outubro na antiga Leningrado conservábase hai anos o vehículo blindado ao que Lenin se subira en febreiro de 1917 para convocar ás masas a facer a revolución. Ieltsin, subido a un tanque "improvisado" (pero oportunamente captado pola CNN) proclamou a contrarrevolución fronte ao derradeiro bastión da burocracia soviética pero tamén contra o intento de Gorbachov (o meu eterno opositor, di en "Desafío á perestroika") de reformar sen destruír aquel modelo pretendidamente alternativo. O enfrontamento entre as dúas figuras centrais da perestroika saldouse coa vitoria do home chegado dos Urais cando os líderes occidentais constataron que Gorbachov (o adepto das medias medidas e dos medios pasos, dicía Ieltsin) non soamente non quería ir máis "rápido" senón que marcaba outro rumbo que visaba preservar trazos esenciais da URSS sen tiralo todo pola borda.

Ieltsin, bébedo de poder (e non só), non tiña reparos. En marzo de 1991, a maioría dos cidadáns da URSS referendaban democraticamente a súa transformación na Unión de Estados Soberanos, un proxecto que non era do agrado de quen ambicionaba aproveitar a crise para tirar do medio ao gran rival. En decembro, nunha dacha nas aforas de Minsk, no bosque de Belovesh, Ieltsin, á vella usanza e co aplauso de Occidente, liquidaba a URSS e notificaba o acordo a George Bush, primeiro, e a Gorbachov despois, completando, en paralelo, a liquidación do propio PCUS, que Gorbachov quería conducir ao socialismo democrático e desprender do Estado. Ieltsin, como Occidente, nunca estivo interesado en salvar nada, senón en liquidalo todo.

No eido interno, a privatización fulminante de sectores enteiros da economía rusa deron lugar a unha nova clase de oligarcas, moitos deles auténticos mafiosos, nun proceso que contou co debido asesoramento exterior e que derivou no agravamento das condicións de vida e de saúde da inmensa maioría da poboación, que retrocedeu décadas en benestar. A taxa de mortalidade infantil, a esperanza media de vida, indicadores básicos do desenvolvemento humano, sitúan a Rusia, mesmo hoxe, a pesar das lucrativas rendas do petróleo e do gas natural, en niveis absolutamente degradantes.

Celebrar o apego democrático de Ieltsin despois do bombardeo do Parlamento ruso (porque se opuña á súa política) ou a guerra de Chechenia (onde se levaron a cabo verdadeiras atrocidades contra a poboación civil) constitúe un insulto á decencia e resulta expresiva da dobre moral con que algúns en Occidente confunden dereitos e intereses, ignorando aos auténticos demócratas, desde Gorbachov aos disidentes da vella URSS quen, por certo, rapidamente se desapegaron de calquera asociación con Ieltsin e a súa corte de sátrapas e delincuentes.

Ieltsin, usuario do metro por un día nos tempos en que asumira a xefatura do PCUS en Moscova, foi o primeiro populista posmoderno ruso, administrando de forma tal que se puidese sempre trompetear, como lembra Gorbachov nas súas memorias, as súas formas de traballo, ineficaces, pero que espertaban o aplauso entusiasta dos decepcionados moscovitas.

Fiel e compracido ariete dos intereses estratéxicos occidentais, algún día saberemos se foi el quen designou a Putin como sucesor ou se foron os servizos secretos os que consideraron chegado o momento de retiralo da circulación, garantíndolle a autoreclamada impunidade polos seus crimes. Nos momentos de sobriedade, debía ter moi mala conciencia.