Debe ser esta a primeira vez en moitos séculos que un problema de saúde pública ameaza con partir augas no sistema internacional. A medida que a pandemia se estende polas grandes economías de Occidente, as críticas a China medran en paralelo. Que se o virus saíu dun laboratorio, que se ocultou datos, que se mente nas cifras…. As acusacións non só foron desmentidas polas autoridades orientais senón tamén por científicos e organismos internacionais. O certo é que en Asia, non só na China, fixérono mellor na contención, teñen máis experiencia e están máis preparados para estas continxencias. Eles xa pasaron por isto. Aquí, poucos pensaban que fora a chegar. E como pasou o que pasou, hai que buscar culpables fóra. Aínda que tiveramos toda a información do mundo, calquera que insinuara facer caso sería cualificado de alarmista. Ata Venezuela fíxoo mellor. Ah, pero entón os seus datos tamén son falsos.

Tampouco é un problema de que tal ou cal sistema político é máis eficiente. Ou non só. China ten importantes capacidades e recursos, pero tamén fixérono ben Xapón, Corea do Sur, Taiwán ou Vietnam (con cero mortos e sen sospeitas quizais porque mira para China de reollo). A laminación do Estado e da cousa pública que seguiron á caída do muro de Berlín é o noso problema. En Asia quedaron na guerra fría (as Coreas ou China-Taiwán son dous exemplos ). O que pasa aquí, mal que nos pese, non é o que pasa no mundo todo.
China non pode facelo mellor ca nós porque aquelo é una ditadura e nós vivimos en democracia. É un debate falso. Aínda así, compre recoñecer que na China, os responsables das neglixencias advertidas en Wuhan ou Hubei foron destituídos rapidamente. ¿Alguén cree que tantos irresponsables como houbo e hai aquí presentarán a dimisión por tanta arrogancia matadora?
A soberbia é mala conselleira para aprender. Trump, Bolsonaro, Johnson, tan líderes de países importantes como irresponsables. A Casa Branca di que China manipula a información. Londres di que vai repensar as relacións coa China. E no continente europeo saen imitadores. Pero a UE atópase nunha situación moi precaria porque hai algo que non se pode negar: nos momentos máis difíciles para moitos países, quen estivo ao seu lado resulta que foi China (e Cuba e Rusia, por deus!). Nunha sondaxe o 6 de abril, o 36% dos italianos dicían preferir a China antes que aos EUA (27%). Para as cabezas ben pensantes, isto é intolerable. Xa Italia reducira o G7 a G6,5 cando decidiu unirse ao proxecto da Ruta da Seda. E na Europa Oriental, como en Grecia ou Portugal, a ascendencia chinesa, non sempre lineal, abanea aquela cohesión establecida sobre os criterios da Europa rica e neoliberal. Din que China premeu na UE para que non se sumara ás estridencias de Trump. É indecente. As únicas presións boas son as de Washington (sobre o 5G, poñamos por caso).
As queixas alcanzan tamén á OMS, acusada de secundar a cegas o relato da China. Ata hai quen alude ás conviccións marxistas do seu director xeral como proba manifesta do seu maquiavelismo. Acostumados a mangonear a eito nas institucións globais, a independencia é incómoda. ¿Alguén cre que se Wuhan fose, imaxinemos, unha cidade hindú, estariamos ante este desatino? Se algo nos di este coronavirus é que Asia vai por diante e que Occidente queda atrás.