A primeira categoría son as forzas armadas estatais. Os actos de violencia sexual cometidos polas forzas armadas estatais poden chegar a ser toleradas polo goberno. Esta negativa de iniciar investigacións penais só perpetúa e incentiva a violencia sexual cometida polas forzas de seguridade do Estado (Parlamento Europeo, 2016). Unha das situacións na que as forzas armadas estatais empregar a violencia sexual é contra as persoas privadas de liberdade en centros de detención (Comité Internacional de la Cruz Roja, 2017). En contornas controladas polo Estado, como poden ser os campos de persoas refuxiadas ou desprazadas internas. As mulleres soas ou nais solteiras son especialmente vulnerables á violencia sexual, xa sexa por parte de homes que viven nos campos ou de funcionarios que traballan neles. A miúdo, vense obrigadas a intercambiar favores sexuais para obter necesidades básicas para elas e os seus fillos, ou mesmo son violadas por persoal de seguridade ou outros funcionarios. O abuso sexual perpetrado por forzas de seguridade estatais causa un enorme dano, socavando a confianza da cidadanía nas estruturas de aplicación da lei e privándoas a miúdo de mecanismos de reparación (Parlamento Europeo, 2016).
Ao segundo grupo pertencen os grupos armados non-estatais. En tempos de conflito armado, moitos grupos aproveitan o colapso da lei e da orde para cometer crimes violentos. Certos grupos insurxentes empregan a violencia sexual de maneira sistemática para acadar obxectivos militares, políticos ou ideolóxicos (Parlamento Europeo, 2016). Tamén a empregan como táctica para obter e consolidar o seu control sobre os territorios, así como sobre os recursos naturais (Naciones Unidas, 2018). Nestas últimas décadas xurdiu un novo patrón de violencia sexual en conflitos, especialmente vinculado a grupos islamistas como o chamado “Estado Islámico”. Estes grupos empregan a violencia sexual como táctica de terror (Parlamento Europeo, 2016). En contraposición á violencia sexual cometida por forzas de seguridade estatais (na que a presión internacional axuda a combatela), cando é perpetrada por certos actores non estatais, os canais políticos para abordala adoitan ser inexistentes ou imposibles de establecer (Parlamento Europeo, 2016).
No terceiro grupo podemos incluír ao persoal humanitario e ás forzas internacionais de mantemento da paz. En ocasións, o persoal humanitario abusa da súa posición de poder ou de confianza das persoas que precisan da súa axuda para cometer violencia sexual, pedindo favores sexuais a cambio de asistencia, provisión de servicios ou inclusión en programas de apoio (ACNUR, s.f.). Pola outra banda, están os abusos cometidos por membros de forzas internacionais de mantemento da paz. Existen casos de cascos azuis que chegaron a abusar da súa posición de autoridade, da súa falta de rendición de contas ante as autoridades locais e dos recursos que lles foron confiados, para explotar mulleres e nenas, incluíndo a obtención de favores sexuais a cambio de alimentos e outras necesidades básicas (Parlamento Europeo, 2016).
Este artigo ofrece unha visión sintética dos principais perfís de agresores, aínda que a realidade é moito máis complexa. No seguinte, e último, capítulo da serie analizaremos os instrumentos internacionais destinados a previr, perseguir e erradicar a violencia sexual nos conflitos armados.
Bibliografía
ACNUR. (s.f.). Explotación y abuso sexual por parte de trabajadores humanitarios. ACNUR El Salvador. https://help.unhcr.org/elsalvador/explotacion-y-abuso-sexual-por-parte-de-trabajadores-humanitarios/
Comité Internacional de la Cruz Roja. (2017). La violencia sexual en los lugares de detención. https://www.icrc.org/es/publication/la-violencia-sexual-en-los-lugares-de-detencion
Naciones Unidas. (2018). Informe del Secretario General sobre la violencia sexual relacionada con los conflictos (S/2018/250). Oficina del Representante Especial del Secretario General sobre la Violencia Sexual en los Conflictos. https://www.un.org/sexualviolenceinconflict/wp-content/uploads/2019/12/report/informe-del-secretario-general-sobre-la-violencia-sexual-relacionada-con-los-conflictos-s-2018-250-espanol/ESPAÑOL.pdf
Parlamento Europeo. (2016). Sexual violence in conflict: Overview of EU and UN initiatives. Servicio de Estudios del Parlamento Europeo. https://www.europarl.europa.eu/RegData/etudes/BRIE/2016/595846/EPRS_BRI(2016)595846_EN.pdf

