É triste e realmente lamentable que un feito histórico da transcendencia de converter a Baiona en primeiro referente xeográfico no continente europeo da chegada de Colón ás Américas quede reducido a un evento turístico-gastronómico sen maior consecuencia. Non é por falta de ideas, pois téñense dado gratuitamente, senón de cabeza nas autoridades municipais e ata nas autonómicas, incapaces de imaxinar e construír un proxecto de maior ambición arredor de tal feito. Baiona tería e ten posibilidades e condicións para dotarse dun proxecto que faga dela un faro de referencia no mundo euroamericano en diferentes planos, optimizando unha infraestrutura que se caracteriza pola súa idoneidade e unha beleza natural que sempre asombra, facéndose acompañar dunha dotación de contidos que rache a estacionalidade e o mero feito turístico cunha axenda anual que incentive e motive a persoas e institucións do mais diverso arredor do amplo elenco de relacións que tenden pontes entre os dous continentes. Isto require pensar e actuar con outras miras, orientando un proxecto de vila arredor do feito que mais debe distinguir a Baiona, ese protagonismo histórico indiscutible. Só entón poderiamos falar de verdadeiro éxito. Mentres, recreámonos nas mediocridades. Aínda que sexan multitudinarias.
Unha Arribada que non chega
Idiomas Galego