Unha chamada á (des) orde

A conversación telefónica da presidenta taiwanesa Tsai Ing-wen con Donald Trump revolucionou Asia, afectando de cheo ao principio dunha Soa China, considerado un auténtico tabú. Beijing reaccionou coa protesta formal ao uso e tratando de quitar ferro ao asunto. A Casa Branca, pola súa banda, apurouse a reafirmar as liñas mestras da súa política desde 1979, o cal exclúe contactos directos ao máximo nivel. 

Liñas de investigación Observatorio de la Política China
Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

A conversación telefónica da presidenta taiwanesa Tsai Ing-wen con Donald Trump revolucionou Asia, afectando de cheo ao principio dunha Soa China, considerado un auténtico tabú. Beijing reaccionou coa protesta formal ao uso e tratando de quitar ferro ao asunto. A Casa Branca, pola súa banda, apurouse a reafirmar as liñas mestras da súa política desde 1979, o cal exclúe contactos directos ao máximo nivel. 

A gran ganadora neste episodio é Tsai Ing-wen. Internamente refórzaa en momentos de moi baixa popularidade tanto polas dificultades para sacar adiante os seus proxectos de reforma como polo seu compromiso co statu quo, que non é do agrado dos independentistas. Por outra banda, toma aire nun momento de crecente asfixia internacional por parte de Beijing ante a súa negativa a recoñecer o chamado Consenso de 1992. A esencia deste consenso é aquel principio de existencia dunha soa China no mundo. Os contactos oficiais con outros países ou a participación en organismos internacionais están vetados para Taiwan.

Inexperiencia de Donald Trump?

Presentouse o ocorrido como froito da inexperiencia de Donald Trump. Neste caso, sería un mal menor. O rechamante é que na súa contorna sobran persoas experimentadas (Stephen Yates, Reince Priebus, Edwin Feulner, Peter Navarro) nestas lides. Noutro caso, queda por saber si vaticina un cambio de actitude da Casa Branca en relación a este tema: apunta a un establecemento dunha comunicación directa ao máximo nivel? EUA foi tradicionalmente cauteloso nos seus tratos con Taiwan, incluíndo a venda de armas. Significa isto que Trump non se sente vinculado polas convencións e restricións pactadas con China? Durante a campaña electoral, Trump mostrouse máis compracente con Beijing en temas estratéxicos, a diferenza dos comerciais. O seu xesto abunda na incerteza. 

O mesmo día, a Cámara de Representantes de EUA aprobou as previsións de defensa para 2017 que inclúen por primeira vez unha sección sobre os intercambios militares de alto nivel con Taiwan o cal cabe interpretar como unha aposta polo fortalecemento dos vínculos nesta orde. Ese intercambio militar a un nivel superior irritará a China.

Taiwan é casus belli 

Taiwan é unha cuestión vital para China. O sucedido poñerá as cousas costa arriba entre China e a Administración Trump desde o primeiro momento. A reunificación do país non é unha cuestión negociable para o Partido Comunista. Taiwan, cedida a Tokio en 1895 ao perder a primeira guerra sino-xaponesa, forma parte do capítulo de humillacións históricas. Taiwan é un dos talóns de Aquiles de China e, chegado o caso, pode ser motivo dunha guerra. 

Aínda que o ministro Wang Yi asegurou que a conversación telefónica non cambiará o marco xeral do problema de Taiwan, China considerará isto unha provocación en toda regra. E de alcance histórico. As relacións entre ambos lados do Estreito estiveron particularmente tensas nos últimos seis meses. A factura por esta chamada pasaraa China.