Unha cooperación en retroceso

A Unión Europea (UE) e os seus Estados membros constitúen o primeiro doador mundial de axuda ó desenvolvemento. Dende a última ampliación (1995), o volume de recursos oficiais (AOD) destinados a esta finalidade supera a metade do total contemplado polo conxunto de países doadores (CAD). Sen embargo, unha somera aproximación a esta realidade, en apariencia tan merecedora de encomio, amósanos a precariedade dunha afirmación que sendo certa, oculta innumerables sombras.

En primeiro lugar, cómpre significar que existe unha apreciable e preocupante tendencia ó descenso dos fondos destinados a cooperación, reducción que contrasta coa explicitación formal dunha inequívoca vontade de asumir maiores compromisos en cada vez máis áreas xeográficas, dos acordos subscritos en foros internacionais, do incremento da sensibilidade cidadá no ámbito da UE a respecto destas políticas, da proliferación de emerxencias e crises humanitarias, e da agudización global das desigualdades e desequilibrios que, pola contra, demandarían renovados esforzos.

En segundo lugar, a prevalencia do discurso da solidariedade intracomunitaria, ademais de provocar ese progresivo e substancial debilitamento na reserva de fondos para os países do Sur, impón unha clara reorientación dos destinos. Se nun momento determinado os países ACP (Africa, Caribe e Pacífico) eran prioritarios no destino da axuda, os intereses estratéxicos impoñen agora un cambio de rumbo cara o Mediterráneo, os países de Europa central e oriental e os novos estados da área ex-soviética. Os países ACP recibían nos anos oitenta o 70% de toda a axuda, pero en 1995 non superaban o 40%.

En terceiro lugar, outro handicap importante da política de cooperación impulsada dende a UE é a súa notoria orientación comercial e financeira. Dunha banda, a cooperación ocupa un lugar secundario, destinado a suavizar as consecuencias negativas das políticas de axuste estructural. A maior énfase queda reservada para as políticas de control da inflacción, do déficit público, etc, mentres que a loita contra a pobreza segue lonxe de ocupar a preocupación central. Son os países nórdicos, con máis tradición de cooperación e sen vencellos coloniais, quen prestan maior atención ós programas de erradicación da miseria estructural.

En cuarto lugar, a falta de congruencia. Se globalmente admitese a incoherencia das políticas comunitarias, no ámbito da cooperación a carencia é especialmente manifesta. Asi, en teoría profundamente ligada á PESC (política exterior e de seguridade común), incluida como un dos seus obxectivos no propio Tratado de Amsterdam, continúa hoxe sen desenvolvemento normativo e limitada a un mero enunciado. Por outra banda, na PAC, por citar un exemplo, subsidianse excedentes mentres se limita o acceso dos productos agrícolas procedentes dos países do Sur, excedentes que se agravarán coa próxima ampliación.

En quinto lugar, o actor clave na formulación destas políticas é o Consello Europeo. A propia Comisión carece de dereito de iniciativa. E o Parlamento, tradicionalmente máis sensible e progresista nos seus posicionamentos, desempeña un papel secundario, de carácter meramente consultivo.

En sexto lugar, gaña peso o asistencialismo en detrimento da cooperación. A UE é un axente esencial da axuda humanitaria, un imponderable do noso tempo que sen embargo está a lastrar e condicionar os enfoques máis tradicionais da cooperación que poñen o acento na necesidade de transcender o inmediato para actuar sobre as estructuras e menos sobre os seus reflexos.

En suma, a Europa aberta, coñecedora e consciente das fondas desigualdades existentes entre os países do Norte e do Sur, temerosa dos movementos migratorios, está a privilexiar, de facto, unha ampla fronteira-vixía, gardada con medios policiais e militares, con leis severas e cunha reorientación silenciosa do seu compromiso coa cooperación.

A cooperación ó desenvolvemento é inseparable da promoción do benestar social, da hixiene democrática, dos dereitos humanos, un discurso este moi habitual e incuestionado nas institucións comunitarias, pero, a pesar diso, os estados europeos continúan vendendo armas e minas ós países do Sur; privilexian os intereses estratéxicos sobre outras variables (Marrocos-Sáhara Occidental), ignoran a implementación de procesos de resolución de conflictos (Africa subsahariana), premian os desplantes ós compromisos de paz (acordo de cooperación con Israel) e fracasan colectivamente nas políticas de prevención (Balcáns).

Un balance menos brillante do que indican as cifras enunciadas ó principio e que coa ampliación en perspectiva, ben poderían experimentar un estancamento e mesmo un retroceso.