Unha cultura galega internacionalizada

Galicia ten competencias e posibilidades de desenvolver unha acción exterior mais aló do tradicional eido estritamente económico, hoxe sinalado como expresión do pragmatismo politicamente mais inocuo. Desde o ámbito concreto da cultura, inmerso nunha fonda crise, podemos impulsar estratexias de internacionalización sobre a base do recoñecemento da diversidade cultural e da defensa dos dereitos culturais e lingüísticos de todas as linguas e culturas do mundo, favorecendo a presenza das institucións e entidades galegas en organismos e redes internacionais de carácter cultural que acheguen novas oportunidades de creación e desenvolvemento.

Por iso a cultura debe incorporarse en sentido amplo á acción exterior, como unha garantía específica para un desenvolvemento humano, nunha perspectiva intercultural e transformadora, pero tamén porque é aquí onde pode atopar oportunidades non substitutivas pero si complementarias para garantir a súa dignificación e pervivencia.

A cultura ten no noso país unha importancia extraordinaria para a nosa proxección internacional. Non obstante, nin no eido oficial nin na sociedade civil existe conciencia abondo sobre as súas posibilidades, que deben ser dinamizadas desde a base, pulando pola presenza activa nas redes europeas e internacionais, en todos os espazos formais e informais a nivel global.

A definición de estratexias baseadas no fomento da internacionalidade debera partir do propio sector e podería o Consello da Cultura actuar de ente aglutinador e dinamizador, ofrecendo un paraugas estruturador que alente a presenza directa do tecido social cultural en espazos de interlocución fomentando unha acción internacional responsable pero igualmente arbitrada con criterios de rendemento empresarial.

O abandono que experimenta a acción cultural exterior, o tratamento declinadamente asistencial da diáspora e o reducionismo como nota determinante da política exterior oficial remite á sociedade civil como motor dun proceso alternativo e diferente que tome boa nota da situación de interdependencia global para apoiarse nela a fin de conxurar o estrangulamento.

A cultura debe alentar unha diplomacia multinivel que favoreza a democratización efectiva das relacións internacionais con prácticas moito mais horizontais e cooperativas que as orquestradas polas instancias oficiais. Tratase dun elemento de proveito non só dende a perspectiva de abrir camiños novos para optimizar as maisvalías da nosa industria cultural senón para facilitar dinámicas e propiciar acordos e compromisos en diversos foros e asentar formulas de auditoría social que ilustren outra forma de facer as cousas.

Temos unha oportunidade excelente para tomar as rendas dun proceso de afirmación cultural baseado na internacionalización, concibido e xestionado dende o propio sector, dende a propia industria, convertendo a cooperación, mais aló das lexítimas estratexias individuais, no eixo vertebrador doutra cultura organizativa e no epicentro dun discurso que nos afaste do esmagador bloqueo actual.