A morte do líder guerrilleiro das FARC, Raúl Reyes, en territorio ecuatoriano, durante unha operación do Exército colombiano, que levou a unha dura reacción por parte do presidente venezolano Hugo Chávez ordenando a mobilización de preto de 8.000 efectivos militares cara a fronteira con Colombia e a retirada do seu persoal diplomático en Bogotá, semellan presaxiar un claro ambiente pre-bélico entre Colombia, Ecuador e Venezuela.
Tras ordenar a mobilización militar "preventiva" e anunciar o "estado de alerta máximo", Chávez acusou ao goberno colombiano de Álvaro Uribe Vélez de "propiciar unha posible guerra en América do Sur", identificando a este país como "o Israel americano". Así, o presidente venezolano amosou o seu total apoio ao seu similar ecuatoriano de Rafael Correa "baixo calquera circunstancia".
Paralelamente, os mandos militares colombianos amosaban publicamente presuntas probas de vínculos dos gobernos de Correa e Chávez coas FARC, como escenario de xustificación dunha operación militar denominada como "persecución en quente".
No seu anuncio, Chávez tamén desestimou calquera contacto co goberno colombiano así como a súa próxima inasistencia ao cumio da Unión de Nacións do Sur (UNASUR), a celebrarse a finais de marzo na cidade colombiana de Cartagena de Indias, evento que podía, en principio, reacomodar as relacións entre Bogotá e Caracas.
Un conflito "rexionalizado"
A operación militar colombiana en territorio ecuatoriano deixa dous escenarios á vista, relacionados coa máis que evidente internacionalización do conflito colombiano na rexión andina.
En primeiro lugar, resultan obvias e lexítimas as críticas ecuatorianas sobre a "violación da súa soberanía territorial", ao non ser informado desta operación militar. A aviación colombiana avanzou dez quilómetros dentro do territorio ecuatoriano para levar a cabo esta operación militar que acabou coa vida do "número 2" das FARC e o seu principal portavoz político a nivel internacional.
Neste apartado, a acción unilateral colombiana foi rexeitada en diversos países, tras coñecerse as primeiras reaccións de gobernos como Arxentina, Chile, Cuba, Francia, Brasil e México.
Tanto como a violación á soberanía ecuatoriana por parte de Bogotá, posteriormente desculpada polo goberno de Uribe, a presencia de Reyes nese país evidenciaría tamén a existencia de amplos refuxios das FARC en territorio ecuatoriano, algo calculado con certeza polo goberno de Uribe como un presunto apoio á guerrilla colombiana dende o país veciño.
Non se debe esquecer que diversos colombianos que escapan do conflito interno atoparon refuxio en Ecuador e que na fronteira colombo-ecuatoriana está instalada a base militar de Putumayo, con clara presencia de técnicos militares estadounidenses dentro da cooperación estipulada no Plan Colombia. As escaramuzas militares nesta fronteira entre as FARC e o exército colombiano dan a entender que a guerrilla colombiana atopaba refuxios e posibles bases loxísticas en territorio ecuatoriano, ante unha hipotética retirada das súas posicións en varias rexións colombianas.
Se ben, en primeira perspectiva, a crise se limita a Ecuador e Colombia, o factor máis considerable de confrontación estaría contido na intervención de Chávez directamente a favor do goberno ecuatoriano e, indirectamente, das FARC, contra o goberno de Uribe.
Se Chávez denuncia a aberta relación entre Bogotá e Washington e a posibilidade dunha ampliación do Plan Colombia dentro do espazo andino, dende Bogotá se critica a Chávez e Correa de crear, presuntamente, unha especie de "valado de contención" contra o goberno de Uribe.
Trala morte de Reyes, o presidente venezolano instou aos países latinoamericanos a "illar a Colombia", acusándoa de ser un "peón do imperialismo estadounidense". Neste sentido, Chávez obtivo un total apoio do presidente nicaragüense Daniel Ortega, país que mantén reclamacións marítimas con Colombia en torno ás illas de San Andrés, razón pola que se crearon fortes tensións diplomáticas, incluso militares, entre Managua e Bogotá nos derradeiros meses.
Así, unha hipotética confrontación entre Bogotá e Caracas mudaría radicalmente o delicado equilibrio militar rexional, tomando en conta que entre Venezuela e Colombia existe un diferendo limítrofe arredor do Golfo de Venezuela, que en Colombia denominase "Golfo de Coquivacoa".
A fortaleza militar colombiana ven precedida pola inestimable cooperación militar estadounidense a través do Plan Colombia. Pola súa banda, Chávez tentaría ser o abandeirado dunha confrontación contra Bogotá e Washington que contaría co apoio ecuatoriano, reforzado polo incremento das compras militares venezolanas desde 2005 a países como Rusia, Irán e Belarús.
Que pasará co proceso de paz?
O impacto da morte de Raúl Reyes e o agravamento das tensións entre Colombia, Venezuela e Ecuador colocan nunha dimensión complicada e arriscada a situación das liberacións dos reféns secuestrados polas FARC, propiciadas por Chávez nos derradeiros meses, e o proceso de paz en Colombia.
Resulta notoria a situación dentro das FARC, tras recibir un golpe tan contundente e posiblemente decisivo por parte do goberno de Uribe. Sorprendentemente, tras condenar a morte de Reyes, a primeira reacción da guerrilla colombiana deu marxe a certa "benevolencia" para continuar co proceso de liberación a pesar da morte dun dos seus principais dirixentes.
Este escenario aumenta as especulacións sobre a situación do liderado das FARC. Co seu líder histórico Manuel Marulanda envellecido e sen aparente protagonismo, Raúl Reyes aparecía como o seu sucesor natural desde a perspectiva política e diplomática, coa máis que probable anuencia de Iván Márquez, considerado o "chanceler" das FARC e elemento esencial nas recentes liberacións de senadores e deputados colombianos.
A desaparición física de Reyes deixa ás FARC fracturada no seu liderado e atenazada entre probables células de poder, co seu líder militar Jorge Briceño Suárez, alias "Mono Jojoy", como eventual sucesor inmediato. En diversos medios adiántase o posible "descabezamento" da dirección das FARC, escenario que tería decisivas consecuencias políticas e militares a curto prazo. Tamén se observa a desconexión e fracturas territoriais de diversas frontes guerrilleiras, ante as dificultades de comunicación entre o seu secretariado central e os líderes destas frontes.
Deste xeito, Uribe segue a apostar pola opción militar que pasa polo debilitamento loxístico e de dirección das FARC, sen aceptar concesións territoriais como as reclamadas pola guerrilla nos municipios de Pradera e Florida. Uribe tenta con isto conservar determinados espazos de iniciativa, ante o marcado protagonismo internacional por parte de Chávez e as FARC nas derradeiras semanas co asunto das liberacións de reféns, e manter firme a súa polémica estratexia de "seguridade democrática".
Precisamente, e mentres se incrementa a escalada de tensións políticas e militares como aparente ambiente pre-bélico entre Bogotá, Caracas e Quito, queda momentaneamente descolgado o delicado tema dos secuestrados e as negociacións de liberación, nun momento en que aumentaban as esperanzas de posta en liberdade de varios deles, incluíndo a ex candidata presidencial Ingrid Betancourt.