Pese a iso, podiamos pensar que é un momento prometedor para alentar un cambio de paradigma que poña freo a esta sorprendente anomalía, a esta deriva suicida co noso idioma. O primero debera ser desapegarnos de vellas polémicas, adoptar un principio global de non dominación de unha sobre outra e fuxir dunha ideoloxización que é profundamentante distorsionante cando se erixe en parteaugas.
Debemos celebrar a lingua galega. Ata aí é posible un gran acordo. E a partir de aí precisamos incorporar perspectiva e contexto, achegando ese sentidiño de que tanto presumimos pero que neste asunto brilla pola súa ausencia. Ao construir sobre as vellas bases é alto o risco de recidiva.
A lingua é a nosa principal marca e expresión da nosa identidade. Non é unha loita incansable. Ou só, nin preferentemente debera selo. É un absurdo absoluto renunciar a ela. É un gran activo. “Quen valore os idiomas segundo a súa difusión ou a súa utilidade práctica pensa cun criterio de emigrante”, dicía Plácido Castro. Nada tan valioso como unha marca que nos distinga. É unha lei básica no mundo dos mercados e que tamén podemos trasladar a outro ámbitos. Todos podemos entendelo cando falamos de economía. Quen ten ese diferencial ten un tesouro.
Igualmente, todo o mundo comprende hoxe o valor do patrimonio en todas as súas manifestacións e a necesidade consecuente de coidalo. A lingua é a nosa gran catedral cultural. Como non presumir dela!
En tempos como os actuais, de incremento da sensibilidade ambiental, tamén todos podemos entender o drama que supón a extinción dunha especie cando falamos da diversidade ecolóxica. Apliquemos o mesmo razoamento de partida ás linguas. Todas importan.
E, sobre todo, miremos o mundo e o grande que é. Co galego estamos con identidade propia no universo das linguas e das sociedades. Non as hai mellores ou peores, nin unhas máis importantes ca outras, por mais que sexan evidentes as asimetrías de poder. E cantas máis linguas, mellor. E cantas máis falemos, mellor.
Plácido Castro foi un teimudo defensor do plurilingüismo baseado naquel ideario universalista que sempre profesou. Educado no Reino Unido, políglota e recoñecido tradutor, comprendeu sempre a importancia de valorar a lingua do propio país, diluíndo as fronteiras que algúns se empeñan en erguer entre esta, a propia, e as demais.
A nosa lingua non é só nosa. É un patrimonio global que temos a fortuna de administrar. Dános unha visibilidade orixinal no mundo.
Por iso tamén, as nosas autoridades neste eido, non só as gobernamentais, debían prestar máis atención á diplomacia lingüística e ultrapasar o Padornelo e mesmo a diáspora e ata o universo lusófono. En lugar de camiños trillados, importa asomar a cabeza nos espazos do multilateralismo lingüístico e cultural global. Mais aínda tendo en conta a fundamental misión de “lexitimación” interna que acostuma a desempeñar o “exterior” na nosa sociedade. A retroalimentación internacional é de gran importancia para que a propia sociedade galega estime máis o propio. Que algunha personalidade global recoñecida gabe a nosa lingua ten un impacto seguro. Porque a falta de autoestima está na orixe da feble consideración social da lingua.
Internamente, a lingua é moi dependente da literatura e do ensino. Enténdase ben o que digo, especialmente á vista de tantos recoñecementos que colleita e que tamén son moi importantes. O inxente labor que persoas como Xosé González Martínez ten levado adiante para que floreza noutros eidos, dende a industria á xudicatura, a administración ou as lápidas dos cemiterios, é unha cuestión vital. Ten que haber un liderado social mais diverso e compartido que facilite a despartidirización do debate.
Esas dúas claves, interna e global, quizais poden axudar a ese salto cualitativo que urxe para que a nosa sociedade valore máis o propio. E nada máis propio que a lingua, sen dúbida, a mellor creación e da que máis orgullosos deberiamos estar. Permite comprendernos e expresar as nosas ideas. É unha lingua no mundo e debera ser, para nós, afectivamente, a máis importante do mundo.