Vinte anos atrás comezaba en Varsovia por estas datas a fin do século XX. O sindicato Solidarnosc e o POUP (Partido Obreiro Unificado Polaco) sentaban nunha mesa redonda que anunciaba a liquidación efectiva da guerra fría en Europa. En Moscova, a negativa de Gorbachov a dar o visto e prace ao uso da violencia estatal para reprimir aquel movemento obreiro inspirado pola xerarquía católica que idealizaba a aquel outro Ronald Reagan que cabalgaba pola guerra das galaxias contra o imperio do Mal, non deixaba outro camiño que a negociación para saldar o crecente déficit de lexitimidade das democracias populares do Leste europeo. Nesa Varsovia que violentaba pacificamente aquela doutrina Brezhnev que limitou a soberanía dos países do tamén chamado Pacto de Varsovia, fabricouse a pica que había demoler o muro de Berlín cinco meses máis tarde.
A conversión de Polonia, co polaco Karol Wojtyla á fronte do Vaticano, afondou na reversibilidade do proceso histórico iniciado en 1917 na Rusia czarista, onde ata entón só se contemplaba a posibilidade de pasos cara adiante. Décadas de construción do home novo resultaron infrutuosas para evitar a emerxencia do fanatismo católico máis recalcitrante, mentres o adoutrinamento no marxismo-leninismo derivaba na formación de sindicatos obreiros alternativos que reivindicaban a economía de mercado e a explotación do home polo home. Válanos Deus! A Conferencia Episcopal Polaca, a terceira pata da mesa, afianzábase como a nova viga salvadora.
O mundo ao revés? Tiñan razón os históricos Jacek Kuron e Karol Modzelewski, polacos tamén, ao criticaren o socialismo de cuartel que Stalin e o PCUS propagaron polo mundo adiante como equivalente do único prototipo posible de liberación. Negando a democracia e o pluralismo, as boas intencións remataron por afogar as esperanzas de emancipación culminando todo nun nivel de miseria política nada edificante e co que pouco futuro podíase construír. Aquela crítica inicial recollida na Carta aberta ao Partido (1964), subscrita dende a esquerda por ambos dirixentes, rematou, previo paso polo cárcere, nunha proclama antisistema que recolleu apoios en ámbitos onde nunca contara. Non se debe menosprezar o valor das ideas por moito que os intereses aconsellen outra cousa.