Unha política exterior Made in Galicia

As delegacións políticas e económicas das comunidades autónomas (CC.AA) teñen sido criticadas desde diversos sectores da sociedade española. Nuns casos, as CC.AA son acusadas de malgastar cartos públicos en tempos de crise e recesión económica, de suplantar as labores das embaixadas e consulados españois arredor do mundo; outras, son acusadas de espallar ideoloxías separatistas ou de defender intereses partidistas ou persoais en contra dos intereses dos cidadáns das propias CC.AA ou do Estado en xeral.

Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

As delegacións políticas e económicas das comunidades autónomas (CC.AA) teñen sido criticadas desde diversos sectores da sociedade española. Nuns casos, as CC.AA son acusadas de malgastar cartos públicos en tempos de crise e recesión económica, de suplantar as labores das embaixadas e consulados españois arredor do mundo; outras, son acusadas de espallar ideoloxías separatistas ou de defender intereses partidistas ou persoais en contra dos intereses dos cidadáns das propias CC.AA ou do Estado en xeral.

Con todo, existen tamén sectores que defenden a existencia das delegacións autonómicas como un órgano de promoción social, política e económica.  Noutras palabras, como ferramenta chave para facer lobby a nivel internacional. Neste caso, e centrando a análise en Galicia, poderíamos comezar por debuxar un ámbito concreto da actuación galega, onde as delegacións no exterior nunca poderían suplantar os labores dunha embaixada ou un consulado por non ter Galicia un Estado de seu. Así, está teoría poderiámo-la desbotar facilmente. No caso do espallamento de certas ideoloxías separatistas por parte das delegacións autonómicas, representa máis un debate territorial a nivel estatal baseado en diferentes concepcións para a articulación do Estado, e non nunha profunda análise das vantaxes ou desvantaxes reais existentes da representatividade autonómica no exterior.

No ano 2012, segundo informa o diario El Mundo (El Mundo, 2012), as CC.AA tiñan un total de 166 delegacións no exterior.  No caso galego, nese mesmo ano, o número de delegacións exteriores sumaba un total de dúas no continente americano (Bos Aires e Montevideo)  e outras dúas na Unión Europea, unha en Madrid e outra en Bruxelas. Se temos en conta que Galicia non posúe ningunha delegación turística, ou de promoción cultural ou lingüística como si teñen a meirande parte de CC.AA, catro delegacións políticas non semella un número preocupante que atente contra o principio de austeridade que rexe a política económica actual.

Asemade, existen varios modelos de delegación autonómica. Por unha banda, atoparíanse as delegacións políticas da Xunta de Galicia que terían labores de atención á cidadanía galega, a promoción da lingua e cultura de Galicia, o fomento das relacións económicas e de cooperación ao desenvolvemento, etc. Por outra banda están as delegación económicas de carácter empresarial, que teñen como obxectivo a promoción do comercio exterior, a eliminación das barreiras de acceso ás empresas galegas ou a captación de investidores para o país. Aliás, poderíase engadir a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. Aínda así, as relacións entre ambas as beiras do Miño ao estar encadradas dentro da Unión Europea ocupan o espazo de política rexional e non o da política exterior.

 

A coordinación da política exterior galega compételle desde 2009 ao CAEX (Consello de Acción Exterior de Galicia). O CAEX depende da Consellería de Presidencia , Administracións Públicas e Xustiza. É un órgano de traballo asesor colexiado no que está representado a sociedade civil e que busca as mellores oportunidades no exterior para os intereses de Galicia. Ademais, propón estratexias de actuación combinando o sector público e privado.  Entre os seus obxectivos destaca o apoio á internacionalización da empresa galega, aos colectivos da diáspora, á internacionalización da imaxe de Galicia, ou o aumento do papel de Galicia perante o Comité das Rexións.  Aínda así, non destaca pola súa grande carga de traballo, proba disto é que non conta cun sitio web onde se informe das súas recentes e/ou futuras actuacións.

 

Alén do mencionado, os Centros Galegos da Emigración nados dos fluxos migratorios dos séculos XIX e XX representan en grande medida moitos dos valores de Galicia. Aínda así, non contan con competencias para a promoción de Galicia nin no ámbito da política, ou da cultura, ou da economía. Os Centros Galegos no exterior están formados por todos aqueles emigrantes que deixaron o país ao longo do século pasado. Todos eles con motivos moi diferentes, mais destacan por riba de todos principalmente dous, os motivos económicos após da Guerra Civil Española e tamén os motivos políticos pola represión xurdida ao finalizar a contenda militar que deu paso á Ditadura de Franco. Neste senso, os emigrantes compoñen un alto valor engadido que cómpre de ser aproveitado polas instancias da Xunta dunha mellor maneira ca hoxe. Non hai mellor representante político, económico ou cultural no mundo deste País que aqueles cidadáns que tiveron que deixalo todo un día e marchar en busca de mellores oportunidades. Non se pode facer lobby nun determinado país sen contar co seu asesoramento, nin sen a súa axuda ou sen os seus coñecementos no terreo.

O 15 de Xuño de 1983 firmouse en Santiago a Lei da Galeguidade, (Consello de Comunidades Galegas, 1983) que regula os centros galegos no exterior no novo contexto social e político que xurdiu após a chegada da democracia. O artigo número tres estipulaba que de acordo cos artigos 7 e 35 do Estatuto de Autonomía de Galicia este Consello de Comunidades galegas podería trabar convenios con terceiros estados con representación galega máis aló da promoción cultural e social de Galicia (Xunta de Galicia, 1981). Este feito é importante xa que dota ás Comunidades dun papel moi relevante no contexto da acción exterior de Galicia que nunca lles foi outorgado.

Con todo, durante o X Pleno do Consello de Comunidades Galegas celebrado en Santiago en Xuño de 2012 remarcouse a necesidade de coordinar a Acción Exterior de Galicia dende as mesmas comunidades a través da constitución de delegacións comerciais que fixeran de vínculos directos entre a emigración galega e o país.  Nun dos relatorios sobre a acción exterior galega, presentouse un DAFO onde se recollen en gran medida moitas das vantaxes e desvantaxes coas que conta a política exterior galega a hora de internacionalizar as Pemes galegas, a cultura de Galicia ou para a captación de novos talentos. Entre outras cousas, sinalan a falta de relevo xeracional nas asociacións de galegos no exterior, o impulso definitivo que precisa a Rede Pexga, a interacción entre as delegacións da Xunta e a Rede Pexga, a promoción e captación de novos talentos para as universidades galegas ou un definitivo impulso á Marca Galicia alí onde haxa galegos pola gran imaxe que se ten de Galicia nos países con presenza da diáspora galega. (A Galicia Exterior no Século XXI, 2012)

A Rede Pexga (Plataformas Empresarias no Exterior de Galicia) botou a andar no ano 2011, froito da colaboración entre a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e o IGAPE. O labor das delegacións comerciais dos empresarios galegos son a promoción empresarial das Pemes e grandes empresas galegas no exterior, a redución das barreiras de entrada, a mellora dos servizos de información e asesoramento, etc. Actualmente contan con presenza en 14 países dos cinco continentes e teñen preto de 5.000 empresas asociadas (Rede Pexga, 2013).

A Rede Pexga aínda é nova, mais ten por diante innumerábeis retos para a promoción de Galicia no mundo e especificamente naqueles lugares con presenza da emigración. Neste sentido é importante salientar que para a internacionalización das empresas galegas a emigración é un aliado co que non contan todas as sociedades. Nos pasados días, a prensa galega facíase eco do gasto real da Rede Pexga, uns 18 millóns de euros para o período 2010-2013 (Praza Pública, 2013). Esta cantidade pode representar un custe alto ou baixo para a administración pública galega segundo o éxito ou as funcións en beneficio do país que as oficinas da Rede Pexga desempeñen. Se cadra, o meirande problema da Rede Pexga, salvando a súa corta existencia, é a falta de transparencia e a pouca información sobre as actuacións que desenvolve no exterior.

 

Alén das delegacións políticas directas en América do Sur e Madrid, a Xunta conta coa Fundación Galicia-Europa, fundación dependente da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea. Os seus labores son a defensa dos intereses de Galicia na UE, promover a participación galega en proxectos europeos, etc. (Fundación Galicia-Europa, 2013) Un dos logros mais salientábeis desta Fundación foi o lanzamento da Convergence Regions on the Way to Cohesion (CROWC) liderada pola propia fundación, que logrou que Galicia manteña fondos europeos no vindeiro período de orzamentos de 2014-2020. Este logro da escasa diplomacia galega ten que ter continuidade.

 

A día de hoxe, a Xunta de Galicia conta cunha especie de ‘troika’ pouco eficaz de ferramentas directas e indirectas para artellar a política exterior de Galicia. Unha política exterior que conta cun capital humano de gran valor pouco aproveitado, a diáspora galega. Asemade, as delegacións políticas da Xunta en América do Sur desenvolven un papel chave nas relacións coa propia diáspora pero de maneira inconexa.  A mellora do artellamento da política exterior galega ten que ser unha ambición para o futuro de Galicia. Os beneficios dunha cooperación reforzada con núcleos de galegos espallados polo mundo representa unha oportunidade de gran importancia para os intereses políticos, sociais e económicos dun país en crise como o noso.  As crises económicas representan, ademais do sufrimento económico para a poboación, unha oportunidade de mellora en diferentes ámbitos sociais. Porén, a valiosa ferramenta política coa que conta Galicia tería que ser aproveitada pola Xunta para coordinar de maneira mais eficaz a política exterior.

Non parece por tanto un problema económico o que impida o desenvolvemento exterior de Galicia, xa que as estruturas existen e están ben localizadas, non fan falla alugueres caros ou localizacións na elite dun determinado país xa que entón caeriamos no erro de ter pequenas pseudo-embaixadas para gratificacións persoais. A propia estruturación das delegacións políticas e económicas poderíase realizar perfectamente a través dos Centros Galegos na emigración aproveitando in situ os seus contactos e experiencia no terreo.

 

Galicia non pode permitirse contar con ferramentas tan importantes para a captación de investimentos de países emerxentes ou para a súa propia internacionalización nestes mesmos países e non aproveitala. Non se pode perder esta oportunidade única de sermos mellores no mundo e poder saír así da letarxia económica e social que sofre o país e os cidadáns. A esencia galega non se pode diluír tampouco nas embaixadas españolas arredor do mundo por unha cuestión de diferenciación económica, cultural e lingüística. Nestes ámbitos os galegos temos a obriga de representarnos a nós mesmos.  Non é, porén, unha cuestión ideolóxica nin de oportunismo político, é unha cuestión de mellorar o noso a través de canles propias a nivel internacional, de participar na lóxica das relacións internacionais e promover e defender o que nos une. As ferramentas existen, a cousa é saber ou querer utilizalas.

 

 

Referencias: