Un 5 de febreiro de 2022 chegaría a Polonia para comezar unha nova etapa na miña vida. O único que sabía con seguridade cando saín da Coruña e cheguei a Poznań era que me agardaban 12 meses traballando como voluntario nunha Organización Non Gobernamental local. O resto eran incertezas, as que sen dúbida estaba disposto ir coñecendo durante o longo camiño, se non, non tivera saído da miña casa.
As incertezas eran tan grandes que o pouco que coñecía de Polonia era a través da información que tanto nos medios de comunicación como nas redes sociais debuxaban un país ultra-conservador e incluso autoritario nalgunhas ocasións. Nalgúns momentos parece que se falaba de Polonia, se se me permite a expresión, como dun inferno católico. Non será do meu interese neste caso falar destas cuestións que sen dúbida merecen unha reflexión máis extensa e meditada, sen embargo, é innegable resaltar tras levar case cinco meses no país e tras escoitar numerosas opinións, que o retroceso de liberdades no país é algo real.
A decisión de vir aquí, ademais de pola interesante oportunidade laboral que se presentaba veu marcada pola curiosidade de coñecer dun xeito máis real e próximo a realidade do país. Dende o oeste de Europa moitas veces pecamos de estereotipos, pensando que todo aquilo máis ao este de Berlín é pouco máis que países pos-soviéticos con enorme filas dos tan populares bloques de vivendas brutalistas dos tempos de Jrushchov, habelos hainos, pero hai moito máis alá diso.
Tras dezanove días en Polonia, ocorreu o que ninguén agardaba ou polo menos, o que ninguén quería agardar, a situación entre Ucraína e Rusia despois de días e semanas tensas volveuse totalmente inestable. Rusia estaba invadindo, de novo, territorio ucraíno. As novas que estaban a chegar xerarían entre a poboación polaca unha onda de sensacións diversas. A solidariedade mesturábase cunha certa preocupación pola obvia proximidade entre ambos países, creando así un aura de incerteza sobre como podería evolucionar esta nova etapa dun conflito, que cabe lembrar, levaba en “stand-by” dende 2014. Dende a miña perspectiva, no primeiro que pensei foi neses amigos e amigas de Ucraína que fixera meses atrás en Alemaña, xente da miña idade, que estaban a rematar os mesmos estudos que eu rematara uns meses antes e cos que tanto falei e discutín sobre o que estaba a acontecer no seu país. As incertezas, unha vez máis, cubrían todo.
Dalgún xeito, tras estudar con detalle o ocorrido na Ucraína no ano 2014 para preparar o Traballo de Fin de Grao e tras coñecer en primeira man xente que viviu as consecuencias do conflito, recibía o que estaba a ocorrer xa non so cunha gran tristeza se non como unha gran decepción.
Unha profunda decepción e confusión serían dúas das sensacións máis fortes que sentín. En parte, considero que isto veu marcado pola relativa proximidade que dalgún xeito acadei coa realidade no país. En gran medida, diría que esta sensación viría marcada, principalmente polo Traballo de Fin de Grao que meses antes prepararía e que por cuestión do destino, tiña como tema central do estudo, nin máis nin menos que a Guerra ruso-ucraína. O feito de ver o deterioro tan repentino dun conflito, que meses atrás estudara e que se atopaba nun estado relativamente estable, a pesares dos numerosos altos ao fogo e as pouco efectivas misións diplomáticas resultaba decepcionante.
Sen embargo, ante estas emocións máis negativas comezaría a xurdir dende o pobo polaco unha enorme onda de solidariedade con Ucraína.
Nun exercicio de total altruísmo milleiros de persoas por todo o país comezarían a organizarse para axudar de distintos xeitos aos refuxiados ucraínos. Buses organizados saían dende distintas cidades polacas cheos de xente disposta a ir á fronteira a axudar. Incontables particulares recollían nos seus coches privados a amigos, familiares ou inclusive a totais descoñecidos para facilitarlles o desprazamento dentro de Polonia. Ante a falta de aloxamento serían improvisados numerosos campamentos provisionais para refuxiados. Dalgún xeito, ante o estoupido bélico e emocional, veríase dalgún xeito reflectida na realidade que Ucraína estaba a vivir.
O estoupido emocional levaría a que a poboación polaca doase unha cantidade inxente de roupa, comida e diversos obxectos tanto para os refuxiados que chegaban ao país como para aqueles que aínda estaban alí. No caso de Poznań entre diversos dispositivos, organizaríanse varios puntos de recollida nos que numerosos voluntarios, catalogaban o recibido, os camións chegaban e marchaban de día e de noite en dirección á fronteira. Nunha desas primeiras noites nun almacén puiden coñecer a realidade de outros voluntarios xa non soamente polacos se non ucraínos ou bielorrusos, que quedaban sorprendidos e sempre agradecidos cando descubrían que viña de España. De primeira man relataban a dureza do que está a acontecer xa non en Ucraína se non en países como Bielorrusia, onde a represión e o recorte de liberdades soamente vai en aumento.
As necesidades e numerosas propostas de axuda ían acordes a gravidade da situación. A comunidade ucraína en Polonia antes da guerra era moi ampla, sen embargo en cidades coma Gdańsk ou Poznań, a poboación aumentaría un 34% e un 16% respectivamente trala chegada de refuxiados. En base ao informe da Unión de Metrópoles Polacas, a poboación polaca superaría por primeira vez na historia os corenta millóns de habitantes, tras sufrir unha subida dun 8% na poboación total dende o comezo das migracións derivadas do conflito.
A miña realidade en Polonia veríase influenciada dende as primeiras semanas polo que está a ocorrer en Ucraína, nun comezo esa vontade de axudar de xeito inmediato e de calquera forma faría que botara unha man de xeito puntual neses abarrotados e caóticos almacéns. Co paso dos meses o peche de campamentos provisionais ou dalgúns dos almacéns que comentaba se sucederían e a día de hoxe e meses despois do comezo do conflito, a través da nosa organización CIM Horyzonty, traballamos dun xeito máis ordenado. Tratando de atender as necesidades dos refuxiados organizamos eventos, clases de polaco ou no meu caso asisto semanalmente a un colexio para traballar con rapaces refuxiados. O conflito alteraría dalgún xeito non só o meu traballo aquí se non a miña percepción de Polonia, como pobo e país, mostrándome nun complexo momento unha doce cara que nunca tivera imaxinado ver.
Podes decarregar o Nós No Mundo 21-22 aquí