Comenzámo-la nosa viaxe pola rexión fronteiriza de Aquitania onde cada fin de semana será doado atopar un cento de veciños donostiarras na exquisita Biarritz.
Certamente Aquitania ocupa unha posición excéntrica na UE, mais constitúe un enclave estratéxico pola súa situación central no eixo Europa Central-Península Ibérica e maila súa abertura ó mundo exterior oceánico de América e África. Esta situación fai que a rexión se beneficie dunhas moi boas infraestructuras: 2 portos atlánticos (Burdeos e Baiona), 3 aeroportos internacionais (Burdeos, Pau e Biarritz) e unha extensa rede de estradas e ferrocarrís que se extenden cara ó Mediterráneo e Portugal.
A inmensa rexión espalla os seus 41.300 Km2, un 7,5% do territorio continental francés, sobre a fachada suratlántica do continente e abrangue cinco departamentos: Pirineos Atlánticos, Lot-e-Garona, a Gironda, as Landas e Dordoña, estes tres últimos os máis grandes do país.
Malia o envellecemento da poboación, a rexión rexistra un crecemento positivo chegando no ano 1999 ós 2.908.359 habitantes. O seu proceso de urbanización é máis rápido que na maioría das rexións galas: un 70% dos seus habitantes reside no medio urbano. A capital, Burdeos, sitúase no 5º posto nacional con 753.931 habitantes (datos do Instituto Nacional de Estatística francés).
Os aquitanos presumen de vivir nunha rexión que privilexia unha certa calidade de vida, e así exerce de polo de atracción para turistas, emigrantes (o saldo emigratorio é longamente positivo) e filiais de importantes grupos multinacionais.
Os sectores primario, secundario e terciario (éste en claro crecemento) ocupan respectivamente un 14,1%, 26% e 59,9% da poboación activa.
Despois de Campaña e as Ardenas, Aquitania é a rexión onde o peso da agricultura é máis forte e segue a ser un alicerce da economía gracias á súa modernización e xestión de empresa privilexiando os productos de calidade. Os seus viños con denominación de orixe e as súas aves de curral dominan o mercado mundial, fornecendo a rexión un 10% da producción europea e máis de ¼ da francesa de viño e millo.
Xunto a un intelixente aproveitamento dos recursos naturais (por mor da presencia da ELF, a rexión produce un 40% do petróleo bruto e un 93% do gas natural francés), a súa industria apóiase en sectores de alto valor engadido coma o aeronáutico-espacial e defensa, que nestes intres propicia a construcción de colosais infraestructuras de transporte cara a Toulouse, a cidade do Airbus e do Concorde. Cómpre subliñar ademais a importancia dos sectores químico-farmaceútico, automóbil (sector dominado pola Ford) ou a construcción eléctrica e electrónica.
A evolución do mercado de traballo é semellante á media francesa (11,3%) cunha taxa de paro do 12,12 no ano 1999.
O Consello Rexional de Aquitania consagra máis da metade do seu orzamento á educación e á formación. A rexión dispón de 5 universidades en plena expansión e unha trintena de Institutos Universitarios Tecnolóxicos e Profesionais, que xunto coas escolas de enxeñería fornecen o total dos 100.000 estudiantes do ensino superior, potenciando tamén unha clara política de apoio ó desenvolvemento e a investigación.
Tradicionalmente ben disposta a establecer relacións internacionais, Aquitania participa en numerosos grupos de cooperación interrexional, como a Conferencia das Rexións da Europa Suratlántica, a Comunidade de Traballo dos Pirineos ou os Fondos Comúns Aquitania-Euskadi-Navarra, á parte, claro, da propia Comisión Arco Atlántico. Cómpre engadir tamén os acordos de partenariado con Hesse (Alemania), Letonia, Gabón ou Ontario (Canadá), Plovdiv (Bulgaria) e as provincias chinesas de Hubei e Jiangsu.