A clave que debe vertebrar a acción exterior de Galicia non pode ser outra que a universalización. Ese é o principio guía, o eixe transversal que debe presidir todos os nosos proxectos relacionados co mundo exterior, con independencia de cal sexa a súa naturaleza. Todos os demais son suplementarios. Se non asumimos ese carácter, a un tempo principio e obxectivo, a nosa acción exterior sempre quedará por debaixo das expectativas e posibilidades e privada dun mínimo atrevemento. Se o comprendemos e asumimos, acertaremos de pleno nas políticas, nas liñas estratéxicas e nos instrumentos a deseñar para facela operativa e non só con sentido de país.
Universalizar, no eido económico, significa internacionalizar, é decir, situar as empresas e os produtos galegos alén das nosas fronteiras, con éxito e con identidade propia. É o que se está a facer en todas as partes do mundo, sabedores de que o futuro non pasa pola homoxeneización idiota e cega senón por unha diferenciación fundamentada que enriqueza a diversidade global. Moitos actores económicos galegos asumen a necesidade de internacionalizarse, pero non asumen de todo aínda a necesidade de contar cunha marca específica de excelencia que asocie o seu proxecto coas orixes. Pero, en xeral, no eido económico, existe unha coincidencia cada vez máis plena entre os actores sobre a importancia de abordar ese proceso, de non quedarse atrás, porque a propia realidade dispón con contudencia esa mensaxe.
Non obstante, moitos perden a coerencia e se enrugan cando se trata de aplicar a mesma lóxica a outros eidos, falemos do cultural ou do político, por exemplo. Universalizar Galicia no eido cultural, significa, entre outros, apostar primeiro pola modernización do modus operandi da nosa cultura para asegurar mellor o seu éxito no mundo ou aproveitar as posibilidades que brinda a nosa lingua para aproximarse á lusofonía, achegándolle o que máis precisa: sentido da utilidade, sen o cal esmorecerá sen remedio. Só nesa universalización ten futuro e só así Galicia pode chegar a ser un referente internacional da cultura.
Universalizar Galicia no eido político significa apostar pola promoción e defensa dun marco internacional que permita xestionar as nosas singularidades, desde a diáspora ata o propio autogoberno. Temos vantaxes comparativas en moitos eidos que a inercia e a falta de autoestima nos impiden aproveitar dabondo. E non só se trata dunha automutilación sen sentido, senón dunha minusvalía para a sociedade global. No mundo só podemos estar sendo nós mesmos e compartindo unha lealdade e unha filosofía común que nos asocie a unha humanidade civilizada, culta e comprometida cos valores de progreso e benestar a todos os niveis.
Se renunciamos ou descafeinamos a idea de universalización como principio e obxectivo primeiro da nosa acción exterior, acabará sendo un músculo flácido, acomplexado, indeterminado e timorato. É unha acción exterior que, paradoxalmente, terá medo a saír, situándose a contrapelo de si mesma. Defender a universalización da nosa identidade é unha forma de facer ecoloxía política, e unha obriga de todas aquelas persoas que, con independencia do seu ideario, participan da construción dunha sociedade internacional aberta e armoniosa.