Por Manuel Mera Sánchez, dirixente estudiantil, sindical e político vinculado ao nacionalismo galego

UPG, China e o maoísmo

O nacionalismo galego non foi alleo ás reflexións e ensinanzas deixadas polos diversos procesos revolucionarios e de liberación nacional posteriores á Segunda Guerra Mundial. Especialmente a longa marcha pola liberación e revolución democrática e popular en China, a revolución cubana e vietnamita, a loita contra o colonialismo en Alxeria e na África portuguesa, a Revolución dos Caraveis en Portugal... E por suposto, como antecedente destes procesos a Revolución Rusa, e no plano teórico as achegas de Marx-Engels e Lenin.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Outros
Palabras chave China Galicia internacional
Idiomas Galego

O nacionalismo galego non foi alleo ás reflexións e ensinanzas deixadas polos diversos procesos revolucionarios e de liberación nacional posteriores á Segunda Guerra Mundial. Especialmente a longa marcha pola liberación e revolución democrática e popular en China, a revolución cubana e vietnamita, a loita contra o colonialismo en Alxeria e na África portuguesa, a Revolución dos Caraveis en Portugal... E por suposto, como antecedente destes procesos a Revolución Rusa, e no plano teórico as achegas de Marx-Engels e Lenin.

Con todo, por diversos motivos, que van desde o debate que existía a principios dos setenta no movemento comunista e revolucionario internacional sobre a liña para seguir fronte ao imperialismo, até a experiencia persoal dalgúns militantes, foron moitos os aspectos do proceso revolucionario de China que se tomaron en consideración nese momento. Tamén incidiu o carácter fortemente rural e unha economía de autoconsumo como a da Galiza, e que se mantiveron no agro características da Idade Media, aínda que o capitalismo era o sistema dominante. Aínda lembro o impacto que me causou ler o libro de Jan  Myrdal "Una aldea de la China Popular"[i], especialmente polo papel que se lles daba ás cooperativas como alternativa ao minifundismo e a propiedade privada. Era lóxico, non se podía obviar o carácter comunal de zonas da montaña e dalgúns labores agrícolas na Galiza, e que a loita pola propiedade da terra e contra os foros fora tan recente. Estas debilidades e fortalezas da nosa realidade foron as que deron impulso para que, na política de masas, os métodos de traballo e a necesidade de construír unha fronte popular de liberación nacional, Mao Tse Tung estivese presente entre as lecturas necesarias.

Contexto económico e social

Galiza, con algo menos de 30.000 quilómetros cadrados, en gran parte montañosa e adicada á actividade forestal, e unha extensa costa, contaba en 1970 con 2.548.718 habitantes, ou o 7,65% da poboación do Estado español (EE); en 2020 representaba só o 5,6%. Naquela época o 68,98% dos habitantes vivía en lugares de menos de 2.000 persoas, o 7,35% en entidades de entre 2.000 e 10.000 residentes, e o 23,68% en vilas e cidades de máis de 10.000 habitantes (no EE era o 55,42%). Unha poboación repartida en máis de 30.000 aldeas, unhas cen vilas e sete cidades.

Unha saída histórica ao limitado desenvolvemento das forzas produtivas foi a emigración, que se dirixiu moi cedo a España e Portugal, e adquiriu un carácter masivo cara a América Latina a mediados do século  XIX.  Entre 1964 e 1973, 69.061 persoas saíron da Galiza para España, 199.305 para Europa e 65.663 para o resto do mundo. A modo de comparación, as cifras de emigración de todo o Estado español foron as seguintes: 838.511 a Europa e 167.989 ao resto do mundo.  Polo tanto, a emigración galega a estes destinos supuxo o 23,77% e o 39% respectivamente do total do EE. Tendo en conta que a poboación galega era o 7,65% do EE, é evidente que a Galiza tiña na emigración unha saída a unha economía subordinada e sen expectativas, malia o gran potencial do país en agricultura, pesca, silvicultura, minería ...

Unha emigración que utilizaba a lingua galega e tiña os hábitos e comportamentos dunha comunidade nacional, e que tivo  Reino propio até 1833. Non é casualidade que os emigrantes creasen centos de "centros galegos" no estranxeiro, o primeiro en Madrid, porén sobre todo en América Latina, destino preferido da emigración durante os séculos  XIX e  XX.  De modo que en moitos lugares chamaron "galegos" a todos os que tiñan a pel branca e o cabelo claro (nordés de Brasil), ou "gallegos" a todos os/as que tiñan orixe no Estado español na Arxentina e Uruguai; ou que ante as invasións inglesas de Bos Aires, en 1806, para se opoñer formarase un “Tercio de Gallegos”.

En 1970, a poboación activa galega alcanzaba as 1.097.655 persoas (o 9,21% do conxunto do EE, cifra moi superior á porcentaxe de poboación, 7,65%). Deste total, o 48,99% adicábase á agricultura e a pesca, o 14,28% á industria, minería, enerxía e auga, o 8,88% á construción; e o resto ao transporte, comercio, servizos. Nese momento, as persoas adicadas a actividades primarias en Galiza representaban o 16,9% do total de EE (máis do dobre da media), e as que o facían na industria só o 5,2%. Os asalariados e asalariadas constituían o 45,49% da forza laboral (no Estado español o 73,54%). En 1973, o paro rexistrado na Galiza era de só 7.552 persoas e no EE de 128.774, unha cifra aparentemente positiva para o noso país, máis era consecuencia lóxica do atraso nos modos de produción, a menor porcentaxe de asalariados e a emigración masiva.

O PIB representaba o 5,55% do total do Estado español en 1973 e do 5,17% en 2019, un 10% menos que hai catro décadas, malia a modernización produtiva, as conquistas democráticas e a autonomía. O que reflicte que aínda que puido ser peor os logros non foron suficientes; están pendentes. Non se pode ignorar que neste período gobernou sempre, menos 6 anos, a dereita  españolista. Ponse como exemplo positivo que o PIB/habitante subiu. Porén é un crecemento con moito de artificial, foi a resposta a unha evolución demográfica máis regresiva que o débil aumento do PIB, como consecuencia da forte emigración ao exterior de gran parte da povoación rural, e a caída da natalidade. Un modelo de desenvolvemento dependente que se agravou coa globalización neoliberal: depredación mineira, explotación forestal con especies invasoras, retroceso da diversidade produtiva, que as empresas máis dinámicas pasasen na súa maioría a mans estranxeiras, que saía máis capital do que ingresa, e que se manteña aínda hoxe a emigración, malia a baixa taxa de natalidade e o retroceso demográfico. Esta tendencia tan  regresiva compénsase, en parte, coa incorporación masiva da muller ao traballo asalariado e a entrada de man de obra inmigrante, para cubrir esencialmente os traballos precarios e mal pagos.

O economista e político Xosé Manuel Beiras, entón militante do Partido Socialista Galego, criticaba a quen fuxía do tema ou desvirtuaba unha análise obxectiva da situación: “dos recursos mineiros (o binomio carbón-ferro) ou na lentitude da concentración da terra. Como corolario: a xente emigra, as empresas non utilizan os recursos do país. Incluso as cousas son ao envés, a pesar de todo o que se di. Unha frustración social prematura, un éxodo centenario, raquitismo burgués, insolidariedade institucional, colonización financeira, son quizais as claves explicativas do actual atraso económico da Galiza ”[ii] .

Pola súa banda, o economista Ramón López Suevos, organizado nese momento na Unión do  Povo  Galego ( UPG), destacaba que: “as colonias internas do capitalismo central gozan, por regra xeral, dun nivel de vida superior ás colonias periféricas, porén o seu nivel relativo ao proceder a comparanza  dunhas e doutras coas súas respectivas áreas económicas é similar; agás no caso de que exista unha forte corrente migratoria da colonia ao centro da metrópole”[iii].

Primeiros pasos do movemento nacional popular

No número un do Terra e Tempo, voceiro da Unión  do  Povo  Galego ( UPG), publicado no exilio en México, anunciáronse os dez puntos do que se definiu como unha Fronte Política; eran os seguintes:

1) Galiza é unha nación e como tal ten dereito á autodeterminación.

2) O pobo galego exercerá o poder na Galiza.

3) Os medios de produción, distribución e crédito pertencen ao pobo.

4) A colectivización do agro comezará cunha etapa cooperativa como fase previa a formas             máis desenvolvidas de socialización.

5) A pequena empresa e a industria artesán concentraranse en unidades produtivas superiores.

6) A grande empresa capitalista será socializada dun xeito inmediato.

7) A organización administrativa do campo galego terá por núcleo as agrupacións tipo        Parroquia, que se integrarán na Bisbarra.

8) A educación estará ao servizo do pobo.

9) O idioma oficial de Galiza será o galego, de ensino obrigatorio.

10) A liberación nacional galega non desbota o seu vencellamento federativo de Galiza cos demais povos da Península.

Quero lembrar que a  UPG constituíuse en novembro de 1963, segundo o seu voceiro Terra e Tempo Nº5 (da 1ª etapa e quizais publicado en 1966 en Venezuela; noutros textos fálase de xullo de 1964 como o ano de fundación desta organización na Galiza). Neste mesmo número de Terra e Tempo ( TT) hai un artigo que fai referencia aos antecedentes e orixe da  UPG, que xurdiría cando un numeroso fato de persoas mozas, marxistas, non senten representadas polo Partido Comunista Español nin polo “galeguismo 'burgués' que predicaba a abstención política” producindo unha ruptura que se acentuou co fracaso do “Consello dá  Mocidade” (funcionou entre finais de 1963 e principios de 1964).

No nª8 do TT, de 1968, matízanse as reivindicacións elementais da UPG a medio prazo, e indicase respecto do carácter da organización, que na práctica funciona como un movemento, que: “Non somos unha organización reformista. Somos unha organización revolucionaria que aspira a mobilizar ao pobo contra os seus explotadores (hoxe o feixismo, mañá os seus herdeiros). Por iso non nos podemos conformar co logro de melloras parciais (...) O noso obxectivo último é a Revolución concibida ao xeito marxista, como liberación das alienacións da humanidade”. Estes últimos son obxectivos do comunismo propios dun partido da clase traballadora. Son textos que todo indica foron realizados na Galiza, o que reflicten unha postura máis enfocada na loita de clases. Moi lonxe da consideración que se facía nun dos primeiros TT no que se aclaraba que o papel da UPG “non é a construción do socialismo na Nosa Patria”. O que amosa un período de transición ou reflexión no que non estaba totalmente claro cal é o papel que debía cumprir a UPG; e que respecto a este tema había distintas posturas, máis teóricas que pola presión da práctica.

Burguesía nacional inexistente

No primeiro exemplar da segunda fase do TT (textos de 1969) dáse un paso máis, en canto á definición das clases sociais que deberían soster a liberación nacional: “podemos afirmar que, dadas as condicións de opresión colonial, Galiza non coñeceu a revolución burguesa por iso nunca houbo unha burguesía galega autónoma”. Este avance na caracterización das clases sociais no país, que exclúen a existencia dunha burguesía propia, condicionará a futura formación da fronte de clases para a conquista da liberación nacional. Esta sería unha alianza da clase traballadora cos autónomos/as, especialmente nos sectores do agro e pesca, e propietarios de pequenas empresas. É dicir: en esencia as clases populares. Marcando así unha diferenza coa Fronte Popular en China integrada polo Partido Comunista e o Kuomintang; esta última como representante da burguesía nacional (en contraposición á burguesía "compradora" aliada do imperialismo xaponés). Considerar a existencia dunha burguesía galega sería unha reprodución  esquemática da realidade chinesa, ignorando que cada país debe valorar correctamente a súa realidade para poder transformala. Achegábase deste xeito a proposta da UPG ao modelo dos movementos de liberación nacional en Asia. Aínda que non se podía obviar que a clase obreira galega xa tiña nese momento unha maior importancia numérica e política que nos países dependentes ou colonias dese continente, e que o  labregos/as e a clase obreira na Galiza constituía unha porcentaxe moi similar de persoas, mais cunha tendencia regresiva dos primeiros.

A constatación da inexistencia dunha burguesía nacional galega, aínda que puidesen existir sectores da burguesía que sentisen parte dunha identidade específica e que subxectivamente considerásena imprescindíbel, foi unha caracterización correcta da realidade social e política por parte da  UPG.  O proceso de asimilación polo "imperialismo español", xa sexa directa ou de maneira subliminar, foi unha corrente poderosa na sociedade galega, esencialmente nos últimos séculos, e xerou un complexo de inferioridade e derrotismo nas clases subalternas, porén tamén no mundo empresarial. Estes eran aspectos que non podían pasarse por alto, especialmente cando tiñan expresións políticas, económicas, sociais e culturais tan fortes. Por iso, malia o voluntarismo dalgunhas forzas, moi minoritarias, durante a transición e posteriormente non se consolidou un partido político nacional galego "interclasista", que é como normalmente se caracterizan a si mesmas as forzas que non cuestionan o capitalismo. Non é o mesmo unha organización  interclasista que unha fronte de clases. Por este motivo, propúxose unha economía mixta como alternativa para unha primeira etapa, na que o sector público abranguese os sectores estratéxicos, e dábaselle impulso ao cooperativismo (especialmente no agro e actividades ligadas ao mar). Neste último valorábase a existencia dunha economía de subsistencia moi grande, e tampouco se podía esquecer que tiña moito peso no subconsciente colectivo a loita contra os foros e a prol da propiedade da terra. Agora ben, resulta evidente que a centralidade do sector público nesta etapa histórica substituía á que o Partido Galeguista (1931-1950) lle outorgou ao cooperativismo.

A indefinición inicial da  UPG en canto ao papel da clase obreira e do partido nesta etapa foise aclarando rapidamente, especialmente tras as folgas obreiras de Ferrol e Vigo, e a consolidación das estruturas de masas, como  ERGA, Fronte Cultural, CCLL, SOG, etc. No fondo desta  ambivalencia inicial estaban os dous modelos máis coñecidos, o do  FLN alxerino, onde non había un partido obreiro forte, ou o de Vietnam, no que o Partido Comunista era a cerna da Fronte, o Viet-Kong, que liderou o proceso de liberación. En resumo, o debate era se a clase traballadora tiña un papel específico, de vangarda, para garantir o posterior avance pacífico cara a unha sociedade socialista, ou se este obxectivo estratéxico estaba desligado do proceso de liberación. Unha andaina durante a cal as contradicións de clase, propias do sistema, seguían vixentes e era necesario resolvelas en beneficio da clase traballadora.

O Primeiro Congreso da UPG (agosto de 1977) inclinase decididamente por cumprir a primeira opción ao se definir como un “partido comunista patriótico”. Xa nacera previamente a Asemblea Nacional Popular Galega (ANPG) como fronte patriótica. E concretase como tal no Libro do Congreso: “A UPG loita polo socialismo, pola supresión da propiedade privada dos medios de produción, contra da explotación do home polo home no camiño da sociedade comunista (...) a clase obreira galega hexemonizará a revolución nacional-popular e procurará a súa transformación en revolución socialista”.

Aínda que, o impacto da experiencia do  PCCh foi parte da bagaxe política previa ás folgas xerais de 1972, estes paros terían unha relevancia importante para a creación por parte da UPG de organizacións de masas propias, como CAL, ERGA, Fronte Cultural, UTEG, SOG, CCLL. etc. Isto permitiu que que esta forza dese un salto cuantitativo e cualitativo. Polo que, para entender este impulso ademais é necesario lembrar que a UPG desde o seu nacemento foi unha organización cun claro carácter popular que caracterizou a Galiza como unha colonia. Primando tanto o papel que nos cambios debían xogar as institucións democráticas como a mobilización e protagonismo do pobo. Motivo polo que se involucrou no conflito agrario contra a construción do encoro de Castrelo de Miño en 1966, así como no paro universitario de Compostela en 1968. Estas experiencias permitiron que a mediados de 1971 tivese unha estrutura máis firme na Universidade de Compostela. Porén, sobre todo, foron as folgas obreiras de Ferrol e Vigo, que supuxeron un revulsivo social e político durante 1972, alentando a posterior incorporación de Galicia Socialista e de militantes de Organización Obreira á UPG.

Cada país debe elaborar a súa estratexia

O nacemento en Euskadi de Komunistak, de orientación  maoísta, e que se desenvolvería por todo o Estado español con posicións á esquerda do Partido Comunista Español (PCE), terminaría constituíndo o Movemento Comunista (MC) que terá incidencia na Galiza e no movemento nacional popular. É así porque adhiren a esta liña algúns activistas da UPG que converxen con outros que fan entrismo nesta forza soberanista de esquerda. O momento alenta por unha banda un crecemento da UPG na Universidade de Compostela no curso 1971-1972, porén as diverxencias cada vez máis profundas, con respecto á autoorganización nacional galega, fractúrana e debilítana. O enfrontamento resólvese coa confrontación da dirección local coa nacional e a expulsión de numerosos militantes da primeira; outros fican desconectados.

O editorial do “Terra e Tempo” do nadal de 1972, ou sexa inmediatamente despois das grandes folgas obreiras de Ferrol e Vigo, analiza esta escisión centrada en Compostela, e o papel da clase traballadora galega no proceso de liberación. Afirmábase o seguinte: “O Partido Comunista ou Obreiro que construiremos e estamos a construír é marxista leninista, e considera que o pensamento Mao Tse Tung é o marxismo leninismo aplicado ao noso tempo. Porén non adoita ningún tipo de dependencia dogmática do PCCh (Partido Comunista Chino). Mais, aprendemos del e doutros moitos partidos revolucionarios a lección de que a revolución fana os pobos, que a solidariedade dos outros pobos é necesaria, pero que ningún pobo pode facer a revolución sen elaborar a súa estratexia propia. Galiza rexeita a implantación de sucursais políticas sobre o seu chan. O proletariado galego, o pobo galego, é tan capaz de elaborar a súa propia revolución coma o foi o pobo cubano ou chino. Iso é o que pretende a UPG; non copiar en materia de revolución porque é a morte da revolución (...) A UPG por outra banda é xerme tamén dun Fronte Nacional-Popular ou Fronte de Liberación Nacional (...) A alianza das clases populares dun pobo contra as clases opresoras (...) O proletariado atopase nos países asoballados coa obriga de formar parte do Fronte e de dirixir a súa loita”.

Para acadar estes obxectivos marcados pola UPG axudará a fundación de ERGA en decembro de 1972. Foi encomendado para esta tarefa o que escribe este artigo (utilizando o alcume de “Ramón” dado o traballo político clandestino). Tratábase de reorganizar os contactos que había na Universidade de Compostela e achegar novos activistas. Sobre este tema dinos o historiador, e daquela estudante e militante da UPG e ERGA, Anselmo López Carreira: “O curso 1972-1973 comeza coa protesta polo asasinato de Chema Fuentes. Actúan por inercia os vellos contactos, porén a UPG xa ten en mente a creación dunha Fronte estudantil (...) a chegada do compañeiro ‘Ramón’ acelera o proceso e imprímelle consistencia e método, e a experiencia que trae da Arxentina (...) permiten que en moi pouco tempo de dentro dunha clandestinidade e disciplina exemplares, os militantes da UPG que se mantiñan conseguen deseñar baixo a súa dirección incontestada un extenso campo de simpatizantes (...) crease unha organización de masas estritamente nacionalista: Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) (...) o éxito da alternativa nacionalista reflíctese de inmediato no crecemento rapidísimo dos seus efectivos e algunha manifestación a principios de 1973 (...) faise un esforzo considerábel para sacara á rúa LUME (voceiro de ERGA) os 300 ou 400 exemplares que se imprentan cunha viet-namita (...) A ERGA debese en boa medida o espallamento do nacionalismo entre amplas entre amplas capas da poboación e entre os seus militantes sempre se atoparon xentes dispostas e entusiastas que contribuíron, animados moitos pola súa orixe popular, a todos cantos traballos de propaganda e organización puideran axudar (...) reforzando e mesmo liderando a actividade do Sindicato Obreiro Galego, das Comisións Labregas, do Fronte Cultural e da mesma UPG”[iv].

Este rápido crecemento da  UPG na universidade, e logo nos institutos secundarios do país, debeuse a que existían condicións obxectivas, que a maioría das persoas contactadas eran de orixe rural ou proviñan dos barrios obreiros, que acotío usaban a lingua galega (que nese momento era a habitual no 75% da poboación, fundamentalmente nas clases populares; mais considerábase como propia das clases subordinadas polas elites e as clases medias; e marxinada polo réxime, especialmente nos centros de estudo).  Estes aspectos non foron secundarios, como tampouco o foi a efervescencia revolucionaria nun contexto cun imperialismo en retirada pola Revolución Cubana e fortes movementos guerrilleiros en América Latina, de liberación en África, e a Guerra de Vietnam. Procesos que cuestionaron a aposta pola convivencia pacífica da dirección da Unión Soviética nese momento, e que nos sectores de vangarda da loita contra o imperialismo afianzaron novos referentes: China, Cuba...

Organización, propaganda e mobilización

Tamén foron relevantes os obxectivos e métodos de traballo utilizados en ERGA, que serían en gran parte unha contribución da aplicación do maoísmo na Arxentina (especificamente por parte de Vangarda Comunista, na que militei). Tratábase de crear “tendencias”, é dicir organizacións de base vinculadas á UPG cun dobre obxectivo, por unha banda, que coa recuperación da democracia fosen a base dos sindicatos da clase obreira, o campesiñado, a xente do mar, do estudantado; e por outro, celeiro de cadros e militantes do movemento nacional popular, e en especial da UPG. O funcionamento era clandestino en células, cunha estrutura  piramidal, para que se algunhas eran desmanteladas polas forzas represivas da ditadura non caesen as outras, algo esencial nun país onde as cidades eran pequenas e a relación entre persoas moi grande. Por iso, a discreción e a naturalidade na vida persoal eran necesarias para poder aproveitar a audacia e a iniciativa nas tarefas políticas (reunións, asembleas, pintadas, repartición de panfletos ou do voceiro "Lume" de  ERGA). 

Ademais, incorporouse o corte de tráfico nas rúas como unha forma de loita, algo que non era común por parte da esquerda que asumía como seu ámbito político o Estado español. Ou tamén pintar "cen veces" nas paredes  UPG para que se gravase na mente da xente, como propaganda subliminar (como se facía en Bos Aires). Tratábase de que sendo aínda unha organización pequena non selo no imaxinario colectivo, ou polo menos non para aquelas persoas que puidesen simpatizar, ou non ser contrarias, á loita pola liberación nacional e a xustiza social. E funcionou. É dicir, a propaganda e axitación eran unha das tarefas importantes co obxectivo de incrementar a conciencia colectiva e crear un estado de ánimo favorábel ao cambio; como se diría hoxe: para que se asumise o relato (caracterización da situación obxectiva e subxectiva, proxecto alternativo, folla de ruta, métodos de traballo, política de alianzas, etc.)

Polo tanto, o traballo político non era unha diversión, nin unha tarefa rutineira, nin unha relación subalterna, tiña que ser unha acción consciente e planificada, é dicir: a praxe revolucionaria de todo/a militante. Outro aspecto de suma importancia foi poñer en primeiro plano os problemas específicos, por exemplo, do estudantado, sen deixar de ligalos en cada caso coa análise global e as propostas estratéxicas, mais non ao revés como o facían outros partidos no ámbito estudantil. Como fracción da sociedade, o estudantado tiña problemas e reivindicacións propias.

Déuselle gran importancia ao debate político, á crítica e autocrítica construtiva. Combatendo a práctica rutineira. É dicir: á discusión política na célula sobre á situación concreta e os obxectivos a curto e mediano prazo (tanto de  ERGA como da  UPG, a diferentes niveis), para decidir como, cando, para que, e con quen, para logo realizar asembleas, manifestacións, pegada de carteis, distribución de panfletos e do  boletín “ Lume”… para posteriormente valorar os resultados, e tirar ensinanzas dos acertos e erros, e reflexionar sobre eles cos sectores máis amplos posibles das clases populares. Isto constituía a praxe política dun partido comunista.

Era tan importante a protesta na rúa e a fábrica como a propaganda e a axitación, valorar o estado de ánimo, xa que existe unha interrelación entre: a conciencia política e a organización, para lograr o cambio consciente e duradeiro na correlación de forzas. Como reflexionaba sobre o tema hai dúas décadas: “Creo que é unha etapa na que o  leninismo e o maoísmo están a gañar máis forza como correntes teóricas, como se pode ver no Terra e Tempo da época. Nas células do partido e de  ERGA debátense: O Estado e a Revolución; O imperialismo fase superior do capitalismo; Que facer?, As catro teses filosóficas de Mao... e tamén os libros de  Frantz  Fanon, que son parte dunha base teórica anterior na UPG”. No partido afondase no debate teórico e iníciase discusión da creación dun partido comunista. Nesta etapa nace o Programa Mínimo, co fin de diferenciar o rol e obxectivos da fronte e do partido”[v]

Unha vez consolidada ERGA trasladouse esta experiencia ao mundo do traballo, ao que axudou tanto ao momento histórico, xa que CC. OO. debilitouse moito e Organización  Obreira foi esmagada pola represión da ditadura. Ademais, o PCE estaba desacreditado fronte aos sectores  rupturistas pola súa proposta de "Pacto da Liberdade" e posteriormente os “Pactos da Moncloa” cos que buscaba un acordo coa fracción máis  tecnocrática do réxime. Todo axudou á  UPG a dar o salto para crear a “Fronte  Obreira” primeiro e logo impulsar a ING na chamada “transición democrática”. Contaba con algúns activistas nas empresas, cos contactos que achegaban os militantes de  ERGA, e coa incorporación de Galicia Socialista con base en Citroën de Vigo. O historiador Bernardo  Máiz dinos sobre o tema: “A Fronte Obreira da Unión do Povo Galego naceu coa elaboración no remate de 1972 do Informe nº1 e despois de varias xuntanzas ao longo da primavera e verán de 1973, acadando Xosé Ramón Reboiras Noia “Moncho”, como seu responsábel principal (...) Coidaban reformista a liña que levaban as CCOO e non vían nese sindicato, no PC e noutras forzas políticas, un proxecto para Galiza (...) Naceron na Coruña e Vigo as primeiras células do novo sindicato galego obra do propio Moncho Reboiras, Manuel Fernández, Xosé Paz, Elvira Souto, Manuel Mera e poucas persoas máis...”[vi]

En 1974 xurdiron os “xermolos” sindicais en varias cidades e pobos galegos, da súa fusión naceu o Sindicato  Obreiro  Galego ( SOG). A  UTEG, un sindicato do ensino fundouse en maio de 1975. Durante a etapa dos “xermolos” houbo diferentes voceiros sindicais por cada comarca onde se acadou un certo desenvolvemento (Xerme,  Galego, Obradoiro,  Ferramenta, Adiante) e un boletín de formación sindical nacional, o Eixo, que logo sería o nome do voceiro do SOG. En canto á estrutura de clases no nº3 deste boletín, de marzo de 1975, destacábase: “hai un proletariado industrial propio dun sistema capitalista, mesturado cun semiproletariado, metade proletarios metade campesiños e mariñeiros (...) tamén sobreviven modos de produción precapitalistas”[vii]. O texto salientaba que nas colonias e países dependentes os mecanismos de explotación capitalista, aínda que fosen dominantes, mesturábanse cos precapitalistas.

Coa "transición democrática" consolidouse o "pluralismo sindical" e o SOG e varios sindicatos de sector ( UTSG,  SGTM,  UTBG,  UTEG) formaron unha central sindical que se legalizou en maio de 1977, a Intersindical Nacional  Galega ( ING), antecedente da Confederación Intersindical  Galega (CIG), que hoxe é a primeira central sindical de Galiza en delegados/as nas empresas, en capacidade  mobilizadora e en número de afiliados/as. Coa ING consolidábase un dos obxectivos que tiñan na clandestinidade as "frontes de masas", que era crear estruturas que se convertesen en sindicatos ou asociacións representativas da sociedade civil autónomas en todos os ámbitos, rachando co carácter subordinado das clases populares a todos os niveis.

Polo tanto, a UPG foi modificando, como produto da práctica política, o seu papel inicial de  aglutinador de todo o nacionalismo galego, para se converter nunha forza de cadros da clase traballadora, polo que creou unha nova organización que cumpría a función de fronte  patriótica, a Asemblea Nacional Popular  Galega (ANPG). Esta naceu en abril de 1975, e pretendía acoller a amplos sectores populares, sendo o antecedente do que hoxe é o Bloque Nacionalista Galego (BNG). Aínda que na ANPG a afiliación era individual, e no BNG esta é de dous tipos, xa que segue sendo persoal, mais tamén están representados os partidos que apoian a Fronte. Nos textos do seu Primeiro Congreso (1977), a UPG valorou moi positivamente esta iniciativa, xa que destacaba que: “nos anos que leva de existencia, a AN- PG demostrou ser a organización mobilizadora de masas máis importante que opera na Galiza”.

Respecto desta Fronte  Patriótica e as súas características, Ramón López Suevos dinos: “O carácter interclasista da loita anticolonial tampouco significa que a Fronte substitúa ás organizacións partidarias; a loita anticolonial non exclúe a creación dun movemento obreiro independente (...) na concepción de Mao, é o pobo e o conxunto das clases sociais que nun país e nun intre concreto asumen dun xeito progresivo a contradición principal (...) cando a loita popular é unha loita antiimperialista o pobo constituíse en nación”[viii]

Partido Comunista e maoísmo

Bernardo  Máiz en relación á construción de organizacións de base por parte da UPG fai o seguinte relato do proceso: “o pobo galego sofre unha opresión nacional ademais dunha explotación económica nas clases traballadoras (...) a nosa loita é polo tanto nacionalista na forma e democrático popular no contido, como vía cara o socialismo (...) Facemos nosas as verbas do compañeiro Mao no seu folleto sobre a Ditadura Democrático Popular, no que nos di: No interior do país, espertar as masas populares. Iso significa xunguir a clase obreira, o campesiñado, a pequena burguesía urbana e burguesía nacional, formar unha fronte única baixo a dirección da clase obreira (...) Ao fío desta e outras formulacións complementarias extraídas do maoísmo e do anticolonialismo (alianza das clases populares galegas para a liberación nacional e social) o Cumio Executivo da UPG, anovado no mes de maio de 1973 (Bautista Álvarez, Casal, Xosé González, Manuel Mera, Ramon Muñiz, Moncho Reboiras, Francisco Rodríguez...) e fracasados os intentos de aproximación ao PSG, modificou a súa estratexia (...) definiuse no teórico (empregando como ferramenta de análise o marxismo leninismo pensamento Mao Tse Tung) e variou a actuación cara un maior espallamento (“Necesitamos contar con organizacións de masas propias)”[ix].

Entre os aspectos de maior incidencia do maoísmo na formación da militancia de ERGA destacaría a análise das contradicións e o referente á formación da conciencia revolucionaria. En relación con esta última cuestión, é dicir, a adquisición do coñecemento, as “Catro teses de  Mao” foron un texto de debate obrigatorio para os novos cadros. Especialmente “Acerca da práctica”, que trata da relación entre o coñecemento e a práctica, entre coñecemento e acción. Dinos sobre o tema Mao Tse  Tung: “o coñecemento lóxico difire do coñecemento sensíbel en que este abrangue aspectos illados das cousas e fenómenos, do seu aspecto exterior, da relación externa dos fenómenos, mentres que o coñecemento lóxico, dando un enorme paso adiante, atinxe as cousas nun todo, e a esencia e relación das cousas elevase até poñer en evidencia as contradicións internas do contexto que nos arrodea, e así pódese chegar a comprender o desenvolvemento do mundo na súa integridade (...) Unha teoría así, materialista, dialéctica, do proceso de evolución do coñecemento, baseada na práctica, indo do superficial ao profundo, antes do marxismo nunca fora exposta por ninguén”[x]

O historiador Núñez Seixas ve a incidencia do  maoísmo moi centrada nese período histórico: “No que se refire ao marxismo- leninismo, a UPG viña reivindicando desde principios dos anos setenta a necesidade de que o proletariado lidere a loita das clases populares galegas. (...) Desde decembro de 1972, o partido definiuse claramente como comunista, cunha explícita orientación maoísta, o que se reafirma nos Estatutos Provisionais publicados en maio de 1974, onde a  UPG confésase seguidora do “marxismo- leninismo pensamento  Mao  Tse  Tung” (...) Dado que a UPG partía da premisa de que Galiza era unha nación colonizada, cun peso débil da poboación obreira, o  maoísmo parecía ser a guía ideolóxica adecuada. Con todo, desde 1975, a antiga devoción ao maoísmo iría desaparecendo dos textos ideolóxicos da  UPG, aínda que sobreviviron as referencias explícitas aos ideólogos dos movementos de liberación nacional do Terceiro Mundo de inspiración marxista”[xi]

Lembremos o contexto político do momento: en 1968 paro na Universidade de Compostela; en 1972 folgas xerais en marzo en Ferrol e setembro en Vigo; en abril de 1974 a Revolución dos Caraveis en Portugal; en agosto de 1975 é asasinado Moncho Reboiras dirixente da UPG; en novembro de 1975 morre o ditador Franco; en xullo de 1976 asume a presidencia Adolfo Suárez, comeza a “transición democrática”; en agosto de 1976 decreto de amnistía política; en abril de 1977 legalización dos sindicatos; en decembro de 1977 restablécense as autonomías e asínase o Pacto da Moncloa; en decembro de 1978 apróbase a Constitución. Polo tanto, este foi un período de loitas do movemento obreiro, o  campesiñado e o estudantado galegos, no que se aceleraron os cambios. Para os que a UPG tiña propostas a curto e medio prazo, e tomou a iniciativa, por tanto, aproveitou a situación acadando unha expansión non esperada, e desprazando ao PCE como principal forza da esquerda transformadora.

Tanto en ERGA como nas células que se formaron da UPG a partir dos militantes máis activos, e que tiñan un maior compromiso co proxecto, déuselle importancia ao debate destes textos de Mao. A análise das contradicións, porque serviu de base teórica para a interrelación entre a soberanía nacional e a loita contra a explotación da clase obreira, xa que a esquerda estatal subordinaba a emancipación do país e polo tanto a autoorganización do povo galego e á conquista do socialismo. Non menos importante foi o relativo a relacionar o coñecemento primario sensible e intuitivo co coñecemento lóxico e razoado, porque Mao con toda claridade vincula a ambos coa práctica e coa transformación da sociedade. E iso implica que deben ser parte do debate interno, do discurso, do panfleto, do artigo, é dicir, non se debe subtraer da práctica cotiá, aínda que se poña máis énfase nun aspecto ou noutro. O concreto e o estratéxico, segundo o intre e o lugar, ambos deben ser sempre parte das tarefas partidarias, sindicais... É unha cuestión imprescindíbel para que as clases populares sexan protagonistas conscientes á hora de dar un salto cualitativo na conciencia individual e colectiva, e non simples partícipes circunstanciais dun conflito, acto, charla, mobilización…

Outro dous aspectos que tiveron a súa importancia nesta etapa, nas que incidiron as propostas do  maoísmo, foron a proletarización dun certo número de activistas que proviñan do ámbito estudantil, e que axudo moito na expansión das distintas frontes de masas, no nivel dos seus cadros e na vinculación do concreto co proxecto estratéxico. Tamén se desmitificou o “foquismo” como forma de loita contra a ditadura, dado as ínfimas posibilidades de que un pequeno grupo de vangarda dese un salto cualitativo na conquista da liberación nacional e social, obviando a necesidade de contar previamente cun gran corpo social organizado e mobilizado a todos os niveis.

Aínda que se tratou dunha etapa curta na que os textos de Mao xogaron un papel esencial na formación militante, hai que ter en consideración que foi un período no que se fundaron as diversas estruturas de masas do “movemento nacional popular  galego”. Daquela que se fixese unha distinción tan clara entre contradición principal e fundamental (liberación nacional e eliminación da explotación). A hexemonía do partido da clase traballadora na Fronte Patriótica é a garantía para que unha vez acada a soberanía se poida avanzar sen grandes contratempos na implantación do socialismo. Polo tanto, o maoísmo foi e segue sendo parte da contribución á praxe da construción do proxecto de emancipación das clases populares galegas. O maoísmo como reflexión teórica sobre a realidade chinesa e as medidas a poñer en práctica para a liberación nacional e construción do socialismo, foron considerados como unha experiencia, nunca para realizar unha repetición mimética dos pasos dados en China, como tampouco o fixo ese país con respecto a outros procesos revolucionarios. Eran, e son, realidades diferentes, tanto históricas, como culturais, demográficas...

Por suposto que non foi China, nin a da etapa de  Mao Tse Tung, a única contribución, xa que os textos de Marx e  Engels, así como os de Lenin, tiveron unha incidencia importante, mais tamén as análises de  Gramsci, e mesmo de  Frantz  Fanon e Albert  Memmi. Así como as teorías sobre a dependencia que estaban a xurdir con gran forza nese intre en América Latina, reinterpretando o marxismo para e desde a periferia. Destacando neste aspecto Mauro Marini, aínda que nese momento non estaban publicados os seus textos, si os de  Gunder Frank[xii]. Polo que estas achegas xa estaban presentes nalgúns dos militantes, como o que realiza este artigo a través do partido Vangarda Comunista na Arxentina. Dando forza á idea de que había que coñecer todas as experiencias revolucionarias e recoller as súas análises e conclusións, mais que cada país tiña que facer a súa propia caracterización da realidade, do proceso histórico, da correlación de forzas, do estado de ánimo e dos pasos que eran necesarios dar para poñer fin á explotación e a opresión. Facelo así era o primeiro síntoma de cambio nunha nación dependente. Esta idea foi compartida pola gran maioría de militantes da UPG, motivo polo que esta organización non é unha copia, polo que ten un perfil propio moi marcado, e por outra banda, que garde similitudes con diferentes procesos, porque todos e todas somos parte da humanidade, máxime se estamos comprometidos na liberación nacional e social das clases populares...

En definitiva, China, nación coa que hoxe Galiza mantén importantes relacións comerciais, fai máis de cinco décadas xa era un referente para un sector da sociedade galega que tiña inquedanzas transformadoras. Que consideraba ao Partido Comunista de China e a loita de liberación nacional dese país como un salto cualitativo no proceso revolucionario internacional, e ao mesmo tempo como unha achega á praxe para avanzar na construción dunha sociedade libre e xusta.


[i]Una aldea de la China Popular; Jan Myrdal; Barcelona 1969; Seix Barral

[ii]O atraso económico de Galicia, Xosé Manuel Beiras; Galiza 1972; Galaxia

[iii]Do capitalismo colonial; Ramón López Suevos; Galiza 1979; Edicións Cerne

[iv]     ERGA o lume que prendeu;  Anselmo López Carreira; A Nosa Historia nº5; A Nosa Terra; novembro 1988

[v]      Manuel Mera a paixón militante; Xan Leira; Edicións Xerais; Galiza ano 2000.

[vi]     Sindicalismo Nacionalista Galego 1972-1982; Bernardo Máiz; CIG; ano 2003. 

[vii]    Que é un sindicato de cras, sindicato galego de cras; Eixo nº3; marzo 1975.

[viii]  Do capitalismo colonial; Ramón López Suevos; Galiza 1979; Edicións Cerne

[ix]      Sindicalismo Nacionalista Galego 1972-1982; Bernardo Máiz; CIG; ano 2003

[x] Cuatro tesis filosóficas; Mao Tse-tung; Editorial Anagrama; Barcelona 1974.

[xi]      O nacionalismo galego; Xosé Manuel Núñez Seixas; Edicións A Nosa Terra; Galiza 1995

[xii]Capitalismo y subdesarrollo en América Latina; Gunder Frank; Siglo XXI Editores; Arxentina 1966