¿Ata que punto mudou algo o 11S a situación internacional? ¿e o qué, en caso afirmativo? Non estamos, certamente, ante un cambio de época pero si ante o peche evidente dunha etapa, a posguerra fría, caracterizada pola búsqueda do inimigo. De Cuba, a Corea do Norte, pasando por Iraq, China, os nacionalismos, etc, por unhas e outras razóns ningún destes elementos aportaba, nin individual nin separadamente, a suficiente consistencia como para encher aquel baleiro deixado pola URSS. O terrorismo, aglutinante do eixe do mal, reúne as condicións elementais para erguerse como novo inimigo incontestable: violencia brutal, inseguridade, incertidume, espectacularidade… O ataque terrorista contra o corazón financeiro e militar de Estados Unidos abalou os cimentos da política mundial.
¿Que características podemos adiantar desa nova etapa histórica que estamos inaugurando? En primeiro lugar, a ausencia de limiares. Aquí non hai teléfono vermello. O 11S deixou o listón moi alto, pero nada impide que poida ser superado; mesmo se invita a iso ao desenvolver unha política en extremo prepotente. Pero ausencia de limiares tamén na resposta, na outra violencia que dimana da resposta "legal". Nesa liña, a guerra de Afganistán,un país convertido hoxe nun ermo sachado polas bombas e con crecidos indices de violencia e brutalidade, indicanos sobre todo o futuro das guerras, o enorme campo aberto para a experimentación, a aproximación da realidade ao filme: a utilización en masa de municións intelixentes combinada con novos e sofisticados sistemas de vixiancia, o uso da aviación, a implicación da poboación local como aliado sacrificable. É significativo que a primeira víctima USA no conflicto non fora un soldado senón un axente da CIA.
En segundo lugar, é constatable un reforzamento da hexemonía USA, militar e ideolóxica, non económica nin moral. A capacidade militar de Estados Unidos é indiscutible. O seu orzamento de defensa representa case o 40 por cento da suma do orzamento militar de todas as nacións do mundo. Washington é consciente desa superioridade no militar e por iso se abre camiño con tanta arrogancia a idea de substitución da diplomacia pola forza para acadar obxectivos políticos, excluindo as hipotecas e incomodidades dunha negociación: "Ninguén nos pode parar". Os demais países están impresionados e paralizados: máis de sesenta nacións aportan información de intelixencia a Estados Unidos a cambio de nada. Bush non discute os seus plans con ninguén. Agora mesmo a idea da coalición internacional contra o terrorismo é mais quimera ca nunca.
O principal argumento que permite este enorme empurrón á vella tendencia hexemonista, moi presente no sistema internacional antes do 11S, especialmente na conducta da principal potencia, é a loita contra o terrorismo. Un fenómeno brutal, sempre condenable como toda violencia, pero que en ocasións esixe matices: os terroristas de hoxe poden ser os heroes de mañá e viceversa. Pensemos en Israel, en Irlanda, en Chile, ou nos propios talibáns, armados e entrenados pola CIA e considerados loitadores pola liberdade cando se enfrontaban á extinta URSS e agora equiparados ao mal por excelencia. ¿Que é terrorismo para Bush? É terrorista todo home, organización ou empresa que nós digamos que o é. E con esa premisa impoñen a todo o universo o terror como primeira preocupación global, porque así convén aos intereses de Estados Unidos para instrumentalizar sen críticas ("ou con nós ou contra nós") o reforzamento da súa hexemonía no mundo. ¿Fame, pobreza, desigualdades, desequilibrios, cambio climático…? Nada comparable co patriotismo universal antiterrorista "made in USA". Nefastas e patéticas figuras como Ben Laden ou Sadam Husein brindan a coartada perfecta.
O clima creado facilita, por outra banda, o incremento da súa influencia en institucións clave do sistema internacional (Banco Mundial, Fondo Monetario, ou na propia ONU), eludindo aqueles corsés que pretenden erixir unha orde baseada na gobernabilidade democrática e na xustiza (Tribunal Penal Internacional). Igualmente permite pulverizar as resistencias, internas e externas, a proxectos anteriormente moi polémicos coma o escudo antimíseis, o mantemento do tratado ABM, o control da fabricación de armas químicas, etc., propiciando un enorme investimento en defensa. Ese gasto será unha potente inxección nunha economía americana sempre ás portas da recesión.
En terceiro lugar, o 11S provocou un novo escenario estratéxico. Rusia e Estados Unidos vertebran un novo entendemento. Está por ver se este vai ser un cambio conxuntural ou máis duradeiro. Putin, quizáis consciente da imposibilidade de impedir a penetración norteamericana, quizáis temeroso de sofrir aquí tamén a perda de influencia que experimentou nos Balcáns, aposta por forxar unha sólida alianza da que espera tirar proveito propio, en primeiro lugar, en Chechenia, pero tamén na Transcaucasia, aquilatando a súa relación, difícil, con Xeorxia, principalmente. Coa renovada importancia estratéxica de Asia Central, Rusia recupera un papel de maior protagonismo. Washington precisa a Moscova para controlar e apoiarse nunha área na que conserva aínda unha gran influencia. As repúblicas post-soviéticas de Asia Central miran de novo cara a Rusia, que non se resistirá a aproveitar esta circunstancia para reforzar os mecanismos integradores da CEI e demáis plataformas de seguridade rexional.
"Eurasia é o taboeiro no que desenvolve o combate pola primacía global. A maneira en que Estados Unidos administren Eurasia é dunha importancia crucial", lémbranos Zbigniew Brzezinski no seu libro "The grand chessboard". En opinión de Brzezinski, conselleiro para a seguridade dos Estados Unidos en tempos do Presidente Carter, Eurasia é o continente máis grande da terra e o seu eixe xeopolítico. Aquí están dúas das tres rexións máis desenvolvidas e productivas do planeta, o 75% da pobación mundial e a maioría das riquezas físicas (materias primas e empresas), que representan o 60% do total do globo. As súas reservas enerxéticas (petróleo e gas) e minerais revisten unha enorme importancia, tanto pola súa dimensión cuantitativa como cualitativa: a posta en plena explotación destes recursos pode permitir a reducción da dependencia occidental das reservas de Oriente Medio (na actualidade un 55%, un 60% no 2010 e un 75% no 2015). Urxe tronzar esa perspectiva e imaxinar outro Golfo Pérsico arredor do Mar Caspio. O desenvolvemente dese potencial require a satisfacción de dúas condicións: estabilidade e dominio. Niso estamos. Asia Central, cun peso político e económico moi debilitado, reviste a partir do 11S unha enorme importancia.
Unha incógnita importante é o futuro papel da China. Unha gran incertidume percorre agora os liñamentos esenciais da súa política exterior dos últimos anos, baseada, no fundamental, no establecemento de asociacións estratéxicas cos principais actores da sociedade internacional (UE, USA, Xapón, Rusia). A política de atracción de Rusia, con quen compartía numerosos puntos de vista, queda en entredito agora que Moscova se aproximou á OTAN. Igualmente, o medre articulado da súa influencia nos estados de Asia Central, a través do grupo de Shanghai, -por razóns estratéxicas, enerxéticas e políticas- experimentou un importante revés que intenta limitar. Beijing acariña un novo entendemento con Nova Delhi e intenta construír unha relación estratéxica con Estados Unidos sobre a base da loita antiterrorista, pero non lle resulta doado. A administración Bush, aliada de Taiwán, chegou a dicir a sabendas de que se trata dunha materia moi sensible, aposta pola contención da China emerxente, colocando ao seu redor un completo anel de bases militares que limita a expansión da súa influencia mentres medra a esfera de actuación da OTAN moito mais alá de Europa. Para Beijing, que segue a reivindicar a multipolaridade, non é admisible envolverse en operacións non controladas e por iso reclamará a lexitimación da ONU en todo novo impulso (leáse Iraq) da loita antiterrorista.
Por último, é constatable unha nova dimensión de conflictos locais. ¿Ata donde está disposto Washington a impoñer concesións a Xerusalén para moderar o descontento do mundo árabe e restar argumentos ao islamismo radical? Pese a comprobarmos o desinterese de facto neste asunto, xa non falamos dun problema estrictamente rexional. Semellante porvir pode agardar á causa saharauí. Outras, sen embargo, poderían resultar parcialmente beneficiadas. Pensemos na dramática loita do pobo curdo que podería chegar a cumprir a función da "Alianza do Norte" en Iraq se Cheney, Rumsfeld and company se deciden a materializar os planos de invasión. As negociacións neste sentido están en marcha cun prezo inevitable para a Casa Branca: o recoñecemento dun Estado curdo independente que non afectaría a Turquía, pero que podería medrar en Irán.
Globalmente estamos asistindo a unha profunda acentuación das preocupacións rexionais de acceso a fontes de enerxía e de subseguinte control de determinados reximes extremando as presións para impor, chegado o caso, procesos de pacificación atascados ata hai pouco tempo. En Africa, Nixeria e Angola, por exemplo, hoxe importan máis e probablemente o novo contexto influiu na reorientación da política de forzas concretas como a UNITA, agora sen Savimbi. No mesmo continente, países "menores" como Congo ou Guinea Ecuatorial, medran en importancia, en razón dos seus recursos. Igualmente Sudán, como Libia, por razóns de seguridade, ou Madagascar, con importantes reservas. Nunca Estados Unidos estivo tan presente no continente negro.
As consecuencias internas nas nosas sociedades, son unha evidencia. A irrupción do terrorismo cun nivel de brutalidade descoñecida ata agora foi terreo abonado para fomentar políticas que poden reducir espacios de liberdade e afectar á intimidade e ao exercicio de dereitos básicos dos cidadáns (comunicacións, circulación, etc). Podemos agardar aínda máis control sobre os cidadáns, máis vixiancia, espionaxe informático, postal, telefónico, etc, especialmente sobre os movementos antisistémicos (antimundialización). Non agardemos ningún cambio profundo de cultura. O discurso multicultural cede o paso ao distanciamento das culturas, configurando un conxunto de debilitamento da calidade democrática.
Por Xulio Ríos (Revista das Letras de O Correo Galego, 12/09/2002 e Canal Mundo, 10/09/2002)