Venezuela: estado de excepción

Tras decretar un “estado de excepción” co peche fronteirizo entre Venezuela e Colombia a través do estado Táchira, o presidente venezolano Nicolás Maduro ampliou a capacidade de actuación da súa política de Operación de Liberación do Pobo (OLP), oficialmente instrumentalizada para combater a criminalidade (narcotráfico, contrabando, paramilitares) e as súas consecuencias internas en Venezuela. No fondo, a decisión de Maduro vese contextualizada pola conxuntura preelectoral establecida pola celebración de comicios lexislativos previstos para decembro próximo, cuxas enquisas presuntamente fortalecen as perspectivas de vitoria opositora. Con todo e o agravamento dos crónicos problemas existentes en Venezuela (escaseza de produtos básicos, inflación, inseguridade cidadá e riscos de default financeiro) e a reiteración oficial dunha presunta conspiración en marcha contra o goberno de Maduro, o contexto político venezolano adquire un marco de confusas complexidades na medida en que comezan a asomarse síntomas de disensión e atomización dentro do “post-chavismo”, igualmente presentes na plataforma opositora.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Palabras chave crise Eleccións Venezuela
Idiomas Galego

Tras decretar un “estado de excepción” co peche fronteirizo entre Venezuela e Colombia a través do estado Táchira, o presidente venezolano Nicolás Maduro ampliou a capacidade de actuación da súa política de Operación de Liberación do Pobo (OLP), oficialmente instrumentalizada para combater a criminalidade (narcotráfico, contrabando, paramilitares) e as súas consecuencias internas en Venezuela. No fondo, a decisión de Maduro vese contextualizada pola conxuntura preelectoral establecida pola celebración de comicios lexislativos previstos para decembro próximo, cuxas enquisas presuntamente fortalecen as perspectivas de vitoria opositora. Con todo e o agravamento dos crónicos problemas existentes en Venezuela (escaseza de produtos básicos, inflación, inseguridade cidadá e riscos de default financeiro) e a reiteración oficial dunha presunta conspiración en marcha contra o goberno de Maduro, o contexto político venezolano adquire un marco de confusas complexidades na medida en que comezan a asomarse síntomas de disensión e atomización dentro do “post-chavismo”, igualmente presentes na plataforma opositora.

Dentro deste contexto preelectoral, unha noticia publicada no diario venezolano El Nacional(1) implica observar con atención qué pode estar ocorrendo nas bases populares do “post-chavismo” e como este contexto eventualmente pode definir e influír na concreción de futuros liderados e movementos.

“Post-chavismo” e “post-oposición”

Segundo esta información, para marzo de 2015, o Consello Nacional Electoral (CNE) denegou a 111 organizacións a súa inscrición electoral de cara aos comicios parlamentarios de decembro próximo por “non cumprir coas esixencias da Lei de Partidos Políticos”. Dese mais dun centenar de organizacións rexeitadas, un total de sesenta movementos teñen vinculación co “chavismo”, sexa por identificarse como “revolucionarios, socialistas e esquerdistas” ou ben por pretender nomearse oficialmente con referencias ao apelido Chávez, un elemento prohibido polas leis electorais.

Entre os movementos “chavistas” denegados están Marea Socialista, Movemento Democracia Directa, Fronte Revolucionario Chavista e Movemento Bolivariano Chavista, varios deles liderados por ex militantes e incluso deputados do gobernante Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), que pretenden constituírse como movementos “chavistas” críticos co actual goberno e “herdeiros do legado de Chávez”.

Un dos mais coñecidos dirixentes destas novas correntes “post-chavistas”, o deputado e analista político Nicmer Evans, de Marea Socialista, suxeriu a posibilidade de que esta decisión do CNE corresponde mais ben á adopción dunha presunta política oficial orientada a “impedir a disidencia” dentro do oficialismo, toda vez estas novas correntes restarían votantes ao PSUV dirixido por cúpulas e elites burocratizadas. Neste sentido, a información publicada no xornal venezolano explica que un 54,05% dos movementos rexeitados polo CNE considéranse “defensores do legado de Chávez, da continuidade da revolución e representantes das bases vulneradas polo PSUV”.

En total, unhas 120 organizacións de diversa índole política e ideolóxica foron finalmente denegadas polo CNE para participar nos próximos comicios lexislativos, algunhas delas provenientes dos sectores opositores, tales como o movemento “Vente Venezuela” liderado por María Corina Machado, unha ex parlamentaria que foi denegada da súa condición e que constantemente é identificada como representante da ala radical opositora. Paralelamente, o CNE aprobou a candidatura de seis novas formacións presuntamente enraizadas dentro dos sectores opositores.

Dende diversos sectores “chavistas” e opositores apresuráronse en identificar estas decisións do CNE con claro cariz represivo por parte do PSUV e do goberno de Maduro, a fin de presuntamente evitar disidencias e a conformación de movementos políticos alternativos con eventual capacidade de influencia electoral. Con todo, o PSUV realizou en xullo pasado uns comicios primarios orientados a elixir candidaturas de cara ás parlamentarias, nas que concorrerá dentro da coalición do Gran Polo Patriótico Simón Bolívar.

Pola súa banda, e a pesar de que as enquisas amosan un aparente favoritismo de cara aos comicios parlamentarios, é igualmente visible a perspectiva de división e atomización entre os liderados, candidaturas e estratexias da plataforma opositora Mesa pola Unidade Democrática (MUD). Aquí segue a perpetuarse unha loita intestina, particularmente entre o sector oficial liderado polo ex candidato presidencial Henrique Capriles Radonski e aqueles estamentos definidos en torno ao sector mais radical, “La  Salida”, na que figuran os ex alcaldes en prisión Leopoldo López e Antonio Ledezme e a ex parlamentaria María Corina Machado.

Este escenario recrea as perspectivas (e expectativas) sobre unha tanxencial crise de lexitimidade e de representatividade política dentro do “post-chavismo” e a plataforma opositora, intensificando a confusión e as complexidades políticas venezolanas. Por tanto, a eventual emerxencia de novos actores políticos e as demandas de participación e de representatividade poden calibrar maiores presións en ambos sectores, goberno e oposición, de cara á definición de candidaturas parlamentarias.

A OLP de Maduro

En paralelo, a actualidade venezolana ven agora determinada pola ampliación cara a fronteira con Colombia da OLP por parte de Maduro. Esta estratexia denota unha tentativa por atacar problemas crónicos derivados do que o propio presidente venezolano denominou como a “guerra económica” e das súa secuelas de carácter conspirativo e sedicioso contra o seu goberno.

Así, o contexto preelectoral xa instalado nos debates públicos venezolano inflúe claramente na ampliación do radio de actuación das OLP, en particular de cara ao combate contra as mafias criminais e o contrabando de alimentos e produtos básicos (na linguaxe coloquial venezolana, os “bachaqueros”), cuxa maior dimensión semella focalizarse na fronteira venezolana con Colombia.

Ata o momento calcúlase en mais dun millar os cidadáns colombianos deportados dende Venezuela, un aspecto que está renovando a tensión diplomática entre Bogotá e Caracas, toda vez os medios de comunicación colombianos e venezolanos acusan a Maduro de presuntamente tentar desviar os problemas internos a través da explotación política con fins electorais dos sentimentos nacionalistas e de aparentemente dar cabida a posicións xenófobas, a tenor da magnitude das deportacións de colombianos e da destrución dalgunhas infraestruturas e vivendas na fronteira.

Na perspectiva venezolana, Maduro xustificou a OLP na fronteira en dous sentidos: dar curso a unha estratexia de reacción contra a “guerra económica” e o efecto pernicioso do contrabando nunha economía venezolana azoutada pola escaseza e a depreciación monetaria; e definir un marco de actuación ante as acusacións de presunta existencia de redes de conexión entre paramilitares colombianos aparentemente impulsados polo ex presidente colombiano Álvaro Uribe Vélez, en conxunción con líderes opositores, a fin de recrear un clima de inestabilidade que fragmente as expectativas electorais “chavistas”.

Con isto, o presidente venezolano reforza a perspectiva dentro do seu electorado dunha aparente conspiración exterior contra o seu goberno, contextualizada nun ámbito hemisférico aparentemente definida na pretensión por acabar co ciclo hexemónico do “chavismo” e dos partidos de esquerdas a nivel hemisférico, tal e como asegurou durante o recente cumio da ALBA celebrado a mediados de agosto en Caracas. Neste sentido, o goberno venezolano suxeriu a articulación dunha presunta política de Washington e dos seus aliados rexionais de procrear un “golpismo suave” de carácter electoral en contextos de polarización, como son os casos de Arxentina, Venezuela, Brasil e incluso Ecuador.

Non obstante, a OLP focaliza mais ben unha política oficial coordinada na pretensión de retomar postulados básicos do proceso bolivariano, en particular o de fortalecer a “revolución cívica, militar e popular”, motorizada polo papel político e institucional da Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB). Maduro manexa diversas variables estratéxicas en chave electoral, e particular a economía e a inseguridade cidadá, na pretensión por unificar forzas políticas e recuperar a iniciativa en contextos marcados pola polarización e o descontento(2).

Deseñada politicamente contra a criminalidade e os efectos da “guerra económica”, a OLP de Maduro mais ben define a configuración dunha política pública orientada a fortalecer o control estatal nun contexto de tensións preelectorais e de acusacións de presunta corrupción en altas instancias do poder e da FANB.

Estado de excepción ou de emerxencia?

Pero existen outras variables que complican o panorama social venezolano e que indirectamente definen o “estado de excepción” que vive o país. Un recente informe de International Crisis Group(3) advirte que, ante a gravidade da crise socioeconómica venezolana, estaría presentándose un cadro de emerxencia sanitaria, a raíz do presunto colapso da infraestrutura de saúde e do sistema de benestar social que “probablemente dificulte aínda mais o manexo do conflito político” o cal podería “derivar nunha maior erosión da democracia e unha crecente probabilidade de violencia política”.

Os problemas de desabastecimiento e escaseza de produtos básicos por mor da crise económica e financeira igualmente afecta un tema sensible: a pobreza e a asistencia social. Recentes estudos publicados polo Instituto Nacional de Nutrición e UNICEF argumentan da presenza de problemas de desnutrición crónica(4) e de dificultades para as misións sociais do goberno de operar con maior efectividade na loita contra a pobreza.

Con todo, UNICEF recoñeceu recentemente os avances do goberno venezolano en materia de asistencia infantil(5), toda vez o Instituto Nacional de Estatísticas (INE) estableceu recentemente que a pobreza en Venezuela diminuíu do 41% ao 27%, mentres a pobreza extrema calculouse en torno ao 6,8% da poboación(6).

Moitas destas variables estarán en xogo nas próximas eleccións lexislativas venezolanas, cuxas expectativas dirimen un marcado pulso por asegurarse os espazos de lexitimidade e representatividade política, en particular de cara aos actores e liderados existentes no “post-chavismo” e na polarizada plataforma opositora. A ruptura de feito dos mecanismos de diálogo entre goberno e opositores, fragmentada nas frecuentes acusacións mutuas de presunta conspiración e represión, intensifica o agravamento dunha crise socioeconómica igualmente determinada pola caída dos prezos no mercado petroleiro. Variables que definen con maior nitidez cal é a natureza do “estado de excepción” que vive Venezuela.  

 

  

 



(1) LUGO-GALICIA, Hernán, “Ilegalización de partidos no impidió implosión chavista”, El Nacional, 24 de agosto de 2015. Ver en:_ http://www.el-nacional.com/politica/Ilegalizacion-partidos-impidio-implosion-chavista_0_689331074.html

(2) O contexto de desabastecemento de produtos básicos está presentando situacións de tensión e confrontación en diversas rexións de Venezuela. Nas derradeiras semanas veñen sendo frecuentes os intentos de saqueos de supermercados e tendas de provisionamento, aspectos que intensifican a erosión da popularidade de Maduro e complica as ecuacións electorais do PSUV.

(3) “Venezuela: un desastre evitable”, International Crisis Group, Informe Breve sobre América Latina Nº 33, Caracas-Bogota-Bruxelas, 30 de xullo de 2015. Ver en: http://www.crisisgroup.org/~/media/Files/latin-america/venezuela/b033-venezuela-unnatural-disaster-spanish.pdf

(4) Ibid.

(5) “UNICEF reconoce avance de Venezuela en materia de atención a la niñez”, YVKE Mundial/La Radio del Sur, 1 de xuño de 2015. Ver en: http://www.radiomundial.com.ve/article/unicef-reconoce-avance-de-venezuela-en-materia-de-atenci%C3%B3n-la-ni%C3%B1ez

(6) “Presidente del INE: pobreza extrema en Venezuela ha descendido a 6,8%”, Fonpyme, Fondo Nacional de Garantías Recíprocas para la Pequeña y Mediana Empresa, 25 de agosto de 2015. Ver en: http://www.fonpyme.gob.ve/index.php?option=com_content&view=article&id=874:presidente-del-ine-pobreza-extrema-en-venezuela-ha-descendido-a-68-&catid=55:prensa-presidencial&Itemid=76