As eleccións do 3-D, abren unha nova era para Venezuela por dobre motivo:
En primeiro lugar porque dende que Chávez chegara á presidencia, en 1999, os opositores nunca recoñecera a súa derrota.
De seguro que entre os máis de corenta partidos que apoiaban a candidatura opositora, moitos aínda apostarían por seguir mantendo a tese do fraude, tal como irresponsablemente fixeran en anteriores eleccións, xerando unha tremenda frustración entre os seus simpatizantes, deslexitimando o estado de dereito, e xustificando calquera acción violenta que restituíse o poder supostamente usurpado.
Ao recoñecer, entre os asubíos dos seus simpatizantes, a derrota electoral, o gobernador de Zulia, e candidato opositor, abriu unha nova era de lexitimidade e imprimiu unha viraxe radical na estratexia dunha oposición, que estivera implicada no golpe de estado de abril de 2002. O propio Rosales estampara a súa sinatura de conformidade, no decreto dictatorial de Pedro Carmona, presidente por dous días.
No futuro, a contenda electoral centrarase unicamente na disputa do electorado, non no cuestionamento dun dos mecanismos de votación máis automatizado, máis moderno, máis seguro e máis transparente do mundo.
En segundo lugar, comeza unha nova era: a da "profundización da Revolución Bolivariana", a "Roja, Rojita" como rezaba o lema de campaña e a do "Desenvolvemento do Socialismo do Século XXI". Chávez, que sometía a consulta popular, por cuarta vez, a súa permanencia na presidencia nos oito anos que leva gobernando, así o viña anunciado dende hai tempo, e así o ratificou no balcón do Palacio de Miraflores na noite triunfal.
Coñecer en que consiste exactamente o Socialismo do Século XXI que procurará unha sociedade máis igualitaria aínda é unha incógnita, que lle corresponde despexar no futuro ao presidente reelixido con maior porcentaxe de voto da historia da democracia venezolana. Na noite electoral deu tres pistas: terá raíz indíxena, terá raíz humanista e terá raíz cristián.
Este difuso enigma, foi unha das principais bazas argumentais da oposición ao asegurar que a nova era do socialismo do Século XXI, sería a que acabase coa democracia, para entregarse en brazos do modelo de comunismo cubano. O outro gran argumento da oposición, foi a presunta entrada en vigor dunha lei de educación que lle sacaría a patria potestade aos pais, para entregarlla ao estado. Nas anteriores, a pantasma coa que asustaban ás clases medias foran a lei de terras, a lei de costas e a lei de medios de comunicación que presuntamente ían acabar coa propiedade privada ou coa liberdade de prensa. A pesares dos seus excesos, da súa sintonía coa oposición, da súa implicación nos operativos do Golpe de estado de 11-A 2002, todos o medios de comunicación seguen operando con normalidade, igual de incisivos e antichavistas, tras da entrada en vigor dunha lei que alcumaran de "mordaza".
Se Chávez é quen de conseguir máis respaldo popular en cada consulta, non só é por levar tres anos de espectacular crecemento económico, por riba do 10% anual, senón por: Estar a facer un descomunal investimento orzamentario en capital humano, nos programas educativos e sanitarios… Por estar a facilitar o acceso a vivenda aos depauperados segmentos sociais que máis o precisan…, en definitiva, por regar dos beneficios do petróleo a toda sociedade, e non só as 10.000 familias venezolanas que concentraban a riqueza en épocas anteriores.
Antes de entrar na batalla final polo socialismo do século XXI, o presidente Chávez anunciou o día 3-D que desenvaiñaba a súa espada de guerra contra tres dos males crónicos que congregan unanimidades de diagnóstico entre a fracturada na sociedade venezolana: a corrupción, a violencia civil, e a burocracia.
Que Venezuela continúe a ser "Roja, rojita" depende en boa parte da erradicación destes tres cancros sociais.