Verán quente en Serbia

Apartados xeográficos ARQUIVO Balcáns
Idiomas Galego

A República Federal de Yugoslavia, sucesora da Yugoslavia titísta, deixou de existir o pasado día 14 de marzo de 2002, cando se asinou o Acordo da Unión entre Serbia e Montenegro. O pacto, encabezado polas firmas dos presidentes de Iugoslavia e Montenegro, Vojislav Kostunica e Milo Djukanovic, produciuse baixo os auspicios da Unión Europea "representada nas negociacións polo Alto representante da política exterior, Javier Solana" e ten, como obxectivo principal, o de estabilizar a rexión e pasar así a tendencia de fragmentación en novos Estados no mapa dos Balcáns. Neste sentido, o Acordo incorpora unha vixencia de tres anos a partir da entrada en vigor da Constitución. Durante ese período tanto Serbia como Montenegro se comprometen a desistir de calquer iniciativa secesionista da Unión.

O Acordo establece unha serie de institucións comúns ás dúas repúblicas: un Parlamento unicameral, un Presidente, un Consello de Ministros, un Tribunal de Xustiza e un Exército. O cargo de Presidente da Unión "polo momento representado por Vojislav Kostunica" se reduce en canto ás súas competencias en asuntos de política internacional e de seguridade, en colaboración co Consello de Ministros. Ademáis, o Presidente de Serbia e Montenegro nin sequera será elixido pola poboación das dúas repúblicas, senón polo Parlamento Común, o que tamén supón unha certa perda de significado da institución. Por iso, para defender a súa influencia e poder no xogo político de Serbia, Kostunica aspira a participar nas eleccións presidenciais de Serbia, anunciadas para o 29 de setembro de 2002.

Kostunica debería permanecer no seu cargo ata a adopción da nova Constitución de Serbia e Montenegro, cunha elaboración difícil e complexa. O mandato do actual presidente serbio, Milan Milutinovic, se extingue en xaneiro de 2003, pero como está acusado polo Tribunal da Haia por crimes de guerra, Milutinovic non pode esgotar as súas funcións presidenciais. Polo tanto "e para evitar a candidatura de Kostunica- Zoran Djindjic, primeiro ministro e rival de sempre de Kostunica, procuraba anticipar as eleccións inicialmente previstas para xaneiro de 2003.

Ata agora, a candidatura de Kostunica non foi confirmada oficialmente, pero si expresou a súa actitude en contra do adianto das eleccións presidenciais en Serbia. Kostunica atópase nun dilema: non pode renunciar ao seu cargo de Presidente de Iugoslavia para postularse como candidato para a Presidencia serbia, porque iso poría en cuestión a súa vontade de manter a Unión entre as dúas repúblicas e quedaría en entredito ante a comunidade internacional. Pero semella que Kostunica xa atopou unha posibilidade para participar nos comicios, insistindo en que o novo mandato presidencial non comece antes de expirar o actual.

A rivalidade entre Kostunica e Djindjic leva existindo moito tempo no seo da coalición gobernante dende a caída de Milosevic, a Oposición Democrática de Serbia. Esta concurrencia entre os dous líderes se debe en primeiro lugar ád diferencias ideolóxicas existentes entre os dous partidos que lideran cada un. O Partido Democrático de Serbia (DSS) de Kostunica é unha forza conservadora e nacionalista, que se beneficia da gran popularidade do seu líder, mentres que o Partido Demócrata de Zoran Djindjic (DS), representa máis ben unha forza reformista e pro-occidental, e conta co apoio dos partidos socialdemócratas da Europa occidental. Djindjic adiantou as eleccións presidenciais serbias coa esperanza de perturbar a candidatura de Kostunica e despexar o camiño para o seu propio candidato, o vice primeiro ministro federal Miroljub Labus. Pero segundo revelan algunhas enquisas, sen a popularidade de Kostunica, Labus terá moi difícil acadar a victoria de presentarse o actual Presidente iugoslavo.

Unha victoria de Kostunica suporía probablemente a continuidade da loita polo poder con Djindjic. Contando co apoio de moitos cadros do anterior equipo de Milosevic, Kostunica "despois de oporse tamén ó xeito en que se formalizou a entrega de Slobo ao Tribunal de La Haia" critica a extradición de cidadáns serbios, xustificando a súa actitude con reivindicacións de orde xurídica. Deste modo, Kostunica complica a materialización de moitas axudas económicas prometidas por parte de Estados Unidos, que vinculan o apoio económico a Serbia coa imprescindible cooperación co Tribunal.

Se Labus resulta gañador das eleccións presidenciais de Serbia o próximo 29 de setembro, o proceso reformista tería asegurada a súa continuidade. Djindjic, pola súa banda, colaborador activo do Tribunal de Xustiza de La Haia, co cargo de Presidente de Serbia baixo a súa influencia, podería continuar a súa política de aproximación á Unión Europea. Así as cousas, todo parece indicar que as tensións electorais implicarán un verán quente en Serbia.