200608 dan halutz e ehud olmert

Vergoña israelí

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Dan Halutz e Ehud Olmert, clic para aumentar
Se os casos Halutz e Karadi non son suficientes, aí están as acusacións de violación contra o presidente Moshé Katzav e a denuncias de acoso sexual contra o ex ministro de Xustiza, Haid Ramon. Non esquezamos que o actual primeiro ministro Ehud Olmert vive una forte crise política interna (posúe un 14% de aceptación popular), e é acusado de corrupción, suborno e tráfico de influencias nun escuro caso inmobiliario. (Foto: O ex ministro de Defensa, Dan Halutz (esquerda) xunto ao primeiro ministro Ehud Olmert, durante unha xuntanza en agosto pasado, en plena guerra no sur do Líbano).
 

Observar a actual situación en Israel non resulta un exercicio de fácil comprensión. A súa análise tórnase nun irónico exercicio que desmitifica os cimentos nos que se basea o Estado israelí.

Son varios os casos de escándalos internos que sacoden actualmente á política israelí, principalmente nos sectores militar e político. Curiosamente, estes escándalos involucran a súa institución mais prestixiosa e popular: as Forzas Armadas, coñecidas polas súas siglas IDF.

Resulta preciso comezar pola recente renuncia do xefe do Exército, Dan Halutz, debido á forte presión da opinión pública polo fracaso da intervención militar israelí no Líbano o pasado verán. Para todos, Halutz era o "cabeza de turco" oportuno para descualificar a derrota militar fronte ao movemento islamita libanés, Hizbulah.

Non obstante, a razón principal estriba en que, antes da guerra no Líbano, Halutz vendeu varias accións na bolsa de valores, a sabendas de que Hizbulah ía a secuestrar a dous soldados israelís, suceso que provocou a ofensiva militar. Se lle acusa de utilizar información privilexiada para obter ganancias persoais. Con Halutz derrubáronse dous mitos nas que se baseaban as IDF: a súa superioridade militar e a súa transparencia.

A segunda noticia é aínda mais sorprendente: a dimisión do xefe da policía israelí, Moshé Karadi, xustificado pola relación dos seus superiores co crime organizado e mafias delictivas. Karadi renunciou tras facerse público un informe xudicial que lle "recomendaba" afastarse do posto por "omisión dos seus deberes".

Entre 1999 e 2004, Karadi obviou a relación dos seus superiores e subordinados con elementos das mafias locais e delincuentes, cos cales os altos mandos policiais mantiñan estreitos lazos coa finalidade de obter información. A xustiza declarou o arresto de 20 funcionarios policiais e administrativos presuntamente involucrados nesta rede mafiosa.

Se os casos Halutz e Karadi non son suficientes, aí están as acusacións de violación contra o presidente Moshé Katzav e a denuncias de acoso sexual contra o ex ministro de Xustiza, Haid Ramon. Non esquezamos tampouco que o actual primeiro ministro Ehud Olmert vive unha forte crise política interna (posúe un 14% de aceptación popular), e é sinalado por casos de corrupción, suborno e tráfico de influencias nun escuro caso inmobiliario.

A propósito do aumento da corrupción en Israel, este país caeu ao posto 34 nos datos da ONG "Transparencia Internacional" sobre índices mundiais de corrupción, cando hai dez anos estaba entre os dez países mais transparentes. Diversos analistas consideran que o clímax da corrupción en Israel ocorreu durante o período do ex primeiro ministro Ariel Sharon, entre 2001 e 2006.

Estes escándalos dentro da elite israelí complican o panorama en Oriente Medio. A negativa de Israel, co apoio estadounidense, a recoñecer o novo goberno en Palestina, foi o factor primordial no fracaso na reunión en Xordania entre Olmert, o presidente da Autoridade Palestina Mahmud Abbas e a secretaria de Estado norteamericana, Condoleeza Rice. A presenza de Hamas no goberno palestino segue a ser o principal obstáculo esgrimido por Tel Aviv.

Máis preocupantes son as novas sobre unha posible guerra contra Irán. As IDF xa teñen deseñado o plan de ataque ás instalacións nucleares e militares iranianas, cando o prazo outorgado pola ONU a Teherán para abandonar o seu programa nuclear está por expirar. Unha guerra entre Israel e EEUU contra Irán trastocaría aínda mais o delicado panorama rexional.

Na década dos cincuenta, o fundador do Estado israelí, David Ben Gurión, realizou unha irónica declaración: "Israel será un país normal só cando teña os seus propios ladróns e as súas propias prostitutas". Cos escándalos actuais, ¿terá chegado o momento da "normalidade" en Israel?