Versión reducida da “guerra das galaxias”

Dúas décadas despois de que Ronald Reagan anunciase o seu ambicioso plano de defensa antimísiles coñecido como "guerra das galaxias" a administración norteamericana volve a presentar un proxecto, moito menos presuntuoso, de Defensa Nacional de Mísiles (NMD) que pode desencadear, unha década despois da desintegración da URSS, unha nova carreira de armamentos.

A comezos dos anos oitenta, durante o seu primeiro mandato presidencial, Ronald Reagan impulsou a aprobación dos maiores orzamentos militares da historia dos EE UU para establecer un sistema de defensa antimísiles coñecido popularmente como "guerra das galaxias". O proxecto non se concretou, mais serviu para deixar ao descuberto o anquilosamento do complexo militar-industrial soviético e as dificultades para reformar un sistema esgotado polas dúas décadas de "estancamento" briexnievano. A URSS non foi quen de enfrontarse a unha nova fase da carreira de armamentos, nin de rectificar o seu sistema e desapareceu engulida polos bandazos da política gorbachoviana, as trampas de occidente e as angustias da nomenclatura.

Case vinte anos despois, a potencia vencedora do sistema bipolar pretende unha nova volta de torca para asegurar o seu predominio mundial e recupera o vello proxecto reganiano, aínda que substancialmente reducido. Dende hai meses Clinton ven propoñendo un plano de Defensa Nacional de Mísiles (NMD) que permita establecer, antes do 2005, un sistema de detención e interceptación de mísiles en Alasca. Unha segunda fase do proxecto, a desenvolver entre o 2010 e o 2015, tería a mesma función contra posibles ataques nucleares procedentes de Oriente Próximo. O obxectivo, protexer aos EE UU, e ao tempo tamén a Europa, contra a ameaza de eventuais ataques con armas nucleares, químicas ou bacteriolóxicas procedentes de "estados potencialmente terroristas" (rogue states).

Con este proxecto nos bolsos iniciou o presidente norteamericano a súa xira europea. Mais tamén traía unha advertencia: el é un "parrulo tocado", un presidente que non pode tomar decisións na fase final do seu mandato, pero o aspirante a sucederlle, o demócrata Al Gore, participa da mesma idea. Non así o candidato republicano, Bush, firme partidario dun plano máis ambicioso que co apoio do complexo militar-industrial norteamericano reinicie unha carreira de armamentos que asegure a supremacía económica norteamericana xunto a xa indiscutible preponderancia política e militar.

Postos nesta situación, segundo Clinton, o mellor para a UE e tamén para Rusia sería incorporarse ao NMD proposto pola administración demócrata. As resistencias europeas foron expostas polo chanceler Schröder quen sinalou os perigos dunha nova carreira de armamentos e os riscos para a seguridade no continente.

As reticencias rusas son máis profundas. Putin, disposto a recuperar a consideración como potencia real da nova Rusia, considera que a modificación do Tratado Antimísiles Balísticos (ABM) asinado por Nixon e Briexniev en 1972, suporía, na práctica o inicio dunha nova carreira de armamentos, imposible de soportar para a caótica economía rusa. A pesares do interese americano en incorporar a Rusia as estructuras económicas e de seguridade mundiais, Moscova síntese relegada e as experiencias desta década (Guerra do Golfo, guerras de Iugoslavia, ampliación da OTAN) impúlsana a considerar que a posta en marcha da NMD significaría a perda definitiva do status de potencia, mantido hoxe en exclusiva polo seu potencial nuclear.

Moitos expertos, mesmo norteamericanos, consideran que o proxecto non é máis que intentar matar moscas a canonazos. Os "rogue states" (Corea do Norte, Irán, Iraq e Libia) carecen, polo de agora, de armas nucleares e poden ser "terroristas" pero non parvos, polo que é difícil comprender que se arriscasen a un ataque tecnicamente limitado que levaría a súa total destrucción. Así mesmo, sinalan que aportaría un novo factor de inestabilidade, tanto na area con máis posibilidades de confrontación nuclear (India-Paquistán) coma por deixar ao marxe a China, quen rexeita de cheo un proxecto que a obrigaría a un custoso plano de rearme que non está hoxe entre as prioridades de Pequín.

William Clinton, na súa última xira presidencial por Europa, viña realizar unha sondaxe de opinión sobre a "miniguerra das galaxias" que el non vai poñer en marcha.Topouse coa desconfianza europea, a resistencia rusa e a habilidade de Putin, quen, ante a coincidencia sobre a ameaza que representan determinados estados, propúxolle que a defensa antimísiles se instalase en Rusia por estar máis preto dos potenciais agresores.