1993 santiago lois tobio

Vertebrar o marco exterior

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Lois Tobío, clic para aumentar
A Galicia aberta que Gondomar, Plácido ou Tobío defenderon, debería quedar recollida no novo texto estatutario. (Foto: Lois Tobío no ano 1993. Galicia conmemora o seu centenario o 13 de xuño de 2006).
 

Van xa para 28 anos, dende que foi aprobada a constitución española, que se reservaba no artigo 149 as competencias exclusivas sobre as relacións internacionais, a emigración, e inmigración, o sistema monetario… etc. Tres décadas que esnaquizaron o soporte argumental no que se baseaba a restritiva participación internacional dos entes subestatais.

Hai xa 25 anos que entraba en vigor un Estatuto de Galicia, que ignoraba a importancia da proxección exterior do país, e só facía unha referencia colateral ao tema dos dereitos dos cidadáns españois residentes no estranxeiro.

Dous feitos transversais, acontecidos dende a aprobación da constitución e do estatuto, mudaron radicalmente o marco no que se desenvolven as nosas relacións internacionais: A integración nas comunidades europeas e o progresivo impulso das relacións multilaterais en campos como: o comercio, a economía, os fluxos migratorios…

Nin España ten hoxe competencias exclusivas nun sistema monetario, no que xa nin sequera ten moeda propia. Nin as comunidades autónomas poden abstraerse da responsabilidade coas colectividades de emigrantes no exterior ou cos inmigrantes que conforman, nunha porcentaxe significativa, boa parte da súa estrutura demográfica, produtiva ou asistencial.

Semella lóxico que as modificacións constitucionais ou estatutarias en marcha, sirvan para modernizar os instrumentos legais e xurídicos, para sermos máis eficaces na acción exterior.A sociedade Galega non debe resignarse a ser mera espectadora da política exterior estatal. Para unha maior eficacia na xestión dos recursos e das oportunidades cumpriría unha estratexia exterior planificada que dispoña do maior respaldo social posible.

Cada día, nas relacións internacionais, interveñen máis pezas provenientes do campo privado. Sen ningún tipo de limitación legal que atenace as súas potencialidades internacionais. Entidades como: as empresas, ONGs, ecoloxistas, sindicatos, organizacións culturais… exercen libremente a súa progresiva vocación exterior, sen as limitacións coas que se atopaban as entidades públicas subestatais, constrinxidas por un marco legal que hoxe semella anacrónico.

Pretender que as entidades territoriais, que teñen corresponsabilidade en materia de economía, industria, cultura…estean inmóbiles, que non tomen iniciativas exteriores, cando o número de factores internacionais que interveñen no ámbito sociopolitico o económico son cada día maiores… cando a supervivencia nun marco de progresiva concorrencia mundial require de intensas e áxiles relacións exteriores… está fora da realidade na que se moven agora e vanse mover no futuro as sociedades abertas.

Galicia como espazo sociopolítico ten que ultrapasar a teoría da extrema periferia xeográfica. No mapa europeo non é moito máis periférica que Madrid, Lisboa, Cádiz ou Badaxoz. Na cartografía planetaria resulta mellor puntuada, ocupando espazos centrais tal como acontece no tema do litoral marítimo galego, ou as grandes rutas de transporte transoceánico.

A reforma estatutaria en marcha, abre a oportunidade de vertebrar o marco de relacións exteriores de Galicia. Podemos reparar o esquecemento da acción exterior galega patente no estatuto do 81. Recoller na norma fundamental dos galegos, as referencias oportunas que amparen as necesarias actuacións internacionais, que posibiliten a presenza dos entes territoriais no organismos internacionais nos que se debatan temas que incidan en Galicia, que permitan actuar presencialmente nos organismos nos que se promulguen normas polas que se rexerían os intereses galegos…

Vocación exterior galega, que recolla a herdanza de homes bos e xenerosos como D. Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, Plácido Castro quen interveu no IX Congreso das Nacionalidade Europeas, que se celebrara en Berna co respaldo da Sociedade de Nacións, onde Galicia obtivera o recoñecemento de nacionalidade diferenciada, ou Lois Tobío, diplomático de carreira, impregnado do universalismo que empapou aos promotores do partido galeguista, a quen o país vaille dedicar unha merecida homenaxe no centenario do seu nacemento, o día 13 de xuño en Santiago.

A Galicia aberta que Gondomar, Plácido ou Tobío defenderon, debería quedar recollida no novo texto estatutario.