Asoman perspectivas de tensión na política iraniana, principalmente en función da celebración no 2009 dunhas eleccións presidenciais que constitúen un decisivo pulso para medir as opcións electorais do actual presidente Mahmud Ahmadíneyad, así como doutros actores de peso político en Teherán.
Recentemente, un maxistrado iraniano, Abbas Palizdar, acusou publicamente a uns 40 altos funcionarios estatais e líderes relixiosos iranianos, de "fomentar a corrupción" e de formalizar unha especie de "mafia financeira", con claras repercusións na escena política e social.
Entre os acusados por Palizdar está Alí Akbar Hashemi Rafsanjani, ex presidente e rival electoral de Ahmadíneyad no 2005, tamén considerado un dos homes mais ricos do país, así como un alto imán de Teherán, Mohammed Emami Kazán. O maxistrado Palizdar foi posteriormente detido polas autoridades.
Candidatos á vista
Os efectos destas acusacións evocan aires de inevitable signo electoral. A baixa na popularidade do presidente Ahmadíneyad está socavando as súas posibles opcións de reelección no 2009, en gran medida derivadas do esgotamento social interno ante a constante confrontación verbal e o pulso nuclear con Occidente, as sancións internacionais e a crise económica, a pesar dos elevados prezos do cru.
Non obstante, dende a súa chegada ao poder no 2005, Ahmadíneyad ven constituíndose nun dos principais acusadores do excesivo enriquecemento de diversos funcionarios e líderes políticos e relixiosos, como Rafsanjani, así como da constitución dunha especie de "círculo vicioso" financeiro e político, instalado nas altas esferas do poder. Este discurso anticorrupción, enmarcado tamén na defensa de programas sociais para as clases populares, permitíronlle vencer nas eleccións de 2005 con mais do 60% dos sufraxios.
Velaí que diversos sectores reaccionarios en Irán, probablemente afectados polas denuncias anticorrupción, tenten actualmente verter unha presunta relación entre Palizdar e Ahmadíneyad. Estes sectores están aparentemente incluídos nunha determinada elite do poder, principalmente asentados nas filas conservadoras críticas coa xestión de Ahmadíneyad. A detención de Palizdar e o silencio oficial revelan síntomas de afastamento cara esta liña crítica con pesos pesados do sistema político da República Islámica.
A recente vitoria conservadora nas eleccións lexislativas de marzo pasado, ocupando un 70% do Parlamento iraniano, non só deixou case fora de combate político aos reformistas (con escasas e case nulas opcións electorais para o 2009) senón que tampouco significou unha excelente noticia para Ahmadíneyad.
Diversos sectores conservadores alentan a candidatura presidencial de Alí Laríyani, ex negociador nuclear e actual presidente do Parlamento, como rival de Ahmadíneyad para as presidenciais de 2009. Entre outros aspectos, estes sectores políticos, relixiosos e sociais consideran que, con Laríyani na presidencia, Irán podería retomar as negociacións con Occidente no apartado nuclear, constantemente obstaculizadas con Ahmadíneyad no poder.
Por iso, todas as miradas diríxense cara o poderoso aiatolá Alí Jamenei, tradicional mentor político de Ahmadíneyad, e quen atopase nunha complicada situación como árbitro e moderador da política iraniana.
A caída na popularidade de Ahmadíneyad e a crecente influencia da Garda Revolucionaria Iraniana como factor de poder nas institucións do Estado e nas Forzas Armadas, auspiciada polo propio Ahmadíneyad e que ven provocando roces con diversos grupos de poder en Teherán, probablemente persuadan ao aiatolá Jamenei a equilibrar a balanza con outras cartas políticas.
Velaí que a súa inmediata aprobación do nomeamento de Laríyani como presidente do Parlamento ben podería evidenciar a intención do aiatolá Jamenei de posicionarse a favor de Laríyani como rival electoral de Ahmadíneyad, dentro dunha estratéxica e non menos delicada operación destinada a equilibrar o xadrez político iraniano.
O cerco exterior
Concentradas estas cartas na area política interna, estes factores de tensión non están exentos da influencia en Teherán das variables internacionais.
Irán segue a estar no punto focal de atención para EEUU e Israel, especialmente tomando en conta a recente xira do presidente estadounidense George W. Bush por Oriente Medio e Europa, onde pediu aos países árabes que "evitaran" a conformación dun Irán con capacidade nuclear mentres que, aos seus aliados transatlánticos europeos, instou un endurecemento das sancións internacionais contra Teherán.
Así, de cara aos comicios presidenciais de novembro próximo e nos seus últimos meses na Casa Branca, Bush volve a colocar no centro de atención o "perigo nuclear" iraniano. Ven sendo frecuente nos recentes discursos do candidato republicano John McCain realizar determinadas referencias a Irán como unha "ameaza á seguridade nacional" estadounidense, fomentando así unha corrente de opinión tendente a reforzar as sancións contra ese país ou ben para iniciar algún tipo de acción militar "punitiva e preventiva".
No caso do candidato demócrata Barack Obama, quen anteriormente expuxera a súa intención de dialogar e negociar directamente con Teherán, agora existen diversos matices. Tras oficializarse a súa candidatura presidencial, Obama asistiu a un congreso da AIPAC, o principal lobby xudeu en EEUU, onde amosou un inédito e frontal apoio a Israel, garantindo que EEUU defenderá a este país de calquera tentativa de ataque de Teherán.
Este repentino acercamento de Obama cara Israel, de clara intencionalidade electoral, altera considerablemente a súa posición con respecto non só a Irán senón a outros escenarios de importancia en Oriente Medio, como son Palestina, Líbano e Siria.
Precisamente, a actual crise política israelí, coa posibilidade de caída do goberno de Ehud Olmert e dun adianto electoral, así como a recen fracasada negociación de paz entre Israel e Siria, este último país tradicional aliado de Teherán, aparcan momentaneamente a posible concreción de maiores plans militares israelís de ataque ás instalacións nucleares iranianas.
Todos estes factores volven a colocar a Irán no centro da atención xeopolítica. As tensións políticas internas e o incesante acoso exterior dende Washington e Tel Aviv incrementan unha serie de escenarios tan complicados como decisivos para Teherán nos próximos meses.