Víctimas do sagrado cultivo da coca

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Para conseguir a erradicación total dos cultivos ilegais, Bolivia marcouse como obxectivo o prazo límite do 2002. Pero a resistencia dos indíxenas, quechuas-aimaras, descreidos dos planos de desenvolvemento alternativos é enorme. Consideran o sagrado cultivo da coca, así é como adoitan denominalo, como un elemento de ancestral de identidade cultural, e como o xeito máis digno de supervivencia económica. Na rexión cocaleira do Chaparé os violentos enfrontamentos entre a policía e os cultivadores saldáronse, a pasada semana, con 3 mortos e 18 feridos, a maioría por "balas de guerra", segundo a terminoloxía empregada polos cadros médicos e pola policía.

O Pasado xoves, na senda 6, a 50 quilómetros do cuartel xeral dos 5000 efectivos das tropas militares antidrogas, tivo lugar o negro episodio de mortes e feridos por bala de guerra, que as autoridades intentan xustificar polo intento de 400 labregos por tomar as armas que portaban os soldados.

No momento da traxedia, forzas combinadas do exército e a policía, reforzaban a policía oficial antidrogas FTC (Forzas da Tarefa Conxunta), nas que prestan labores de adestramento efectivos da DEA (Departamento Antidrogas Estadounidense). A indignación das sobreviventes púxolle voz o dirixente Luís Cutipa "O goberno respondeu con sangue á nosa demanda de ter un sustento para as nosas vidas". Tamén foron especialmente duras as manifestacións do dirixente cocaleiro e deputado radical, Evo Morales Ayma, quen asegurou "Agora si que isto vai rematar en guerra, porque isto non o imos perdoar facilmente, seguiremos cos bloqueos como resposta ao sangue co que o goberno rega ao Chaparé".

Na orixe do conflicto está o feito de que os máis de 30.000 pequenos productores de coca do Chaparé rexeitan a reducción drástica das 38.600 Ha iniciais. ata as 12.000, que o goberno considera suficientes para garantir o abastecemento dos mercados internos para consumo tradicional.

A mecha que prendeu lume a este conflicto foi o reinicio das fumigacións con herbicidas que deixan ermos os campos de coca durante anos, ás que se opoñen radicalmente os labregos da zona.

Os incidentes veñen repetíndose con demasiada frecuencia nos últimos anos e tiveron o seu momento máis álxido nas grandes marchas do 1994 e 1995, organizadas polo Comité de Coordinación en Defensa da Folla da Coca.

O Goberno Boliviano, que recibe anualmente subvencións dos EEUU para erradicar os cultivos ilícitos, atópase en moitas ocasións, con que logo de ter pagado millóns de dólares por gratificar aos pequenos productores que pactan arrincar a planta da coca, acontece que a superficie cultivada é moi superior á que resultaría de restar os cultivos pagados para a súa desaparición. Incumprimentos, picarescas e fraudes están detrás de números que non rematan de cadrar.

Certamente os labregos non son moi partidarios de pasarse a cultivos experimentais que non rematan de callar ou a planos de desenvolvemento local, fortemente inxectados de dólares, que non dan creado unha infraestructura estable de tecido productivo, e que se evaporan polos sumidoiros da corrupción, inmediatamente despois de pórse en marcha.

625 millóns de dólares foi a cantidade que o presidente George Bush, conseguiu arrincar do senado para a loita contra da droga na subrexión andina. O mesmo día dos violentos enfrontamentos, o Goberno de Jorge Quiroga recibía a boa noticia de que o lexislativo norteamericano destinaba á Bolivia unha cantidade de 128,5 millóns de dólares para este fin durante o ano fiscal.

Este tecnócrata moi vencellado ás escolas estadounides do pensamento económico, accedeu á presidencia, que deixou vacante Hugo Banzer cando renunciou, por problemas de saúde o 7 de agosto, nunca recoñeceu a existencia da revolta cocaleira "non existe revolta ningunha, só hai xente que se resiste a abandonar o lucrativo negocio da cocaína".

O fillo político do ex-dictador Hugo Banzer, de quen foi vicepresidente, ten a difícil tarefa de gobernar un país no que sete de cada dez bolivianos viven na pobreza máis aguda de latinoamérica, a pesares de habitar sobre un magno xacemento de gas que alberga 46 billóns de metros cúbicos de gas. Polo seu xeito de gobernar, semella que os 20 anos de democracia aínda non foron suficientes para asentar hábitos compatibles coa participación democrática e o diálogo. Desgraciadamente aseméllase en demasía ao do seu pai político.

Mais este tipo de conflictos no é patrimonio exclusivo de Bolivia. Na veciña Colombia o gobernador de Putumaio, Jorge Guerrero, é manifestamente contrario as fumigacións. Asegura que o Goberno ten asinado 33 pactos de desenvolvemento social con 37.000 pequenos propietarios, que voluntariamente se declaran proclives a arrincan boa parte das 38.000 Ha de coca, só nesta zona, a cambio de conseguir axudas sociais e participar en proxectos productivos. Guerrero estima que o fraude é inferior ao 5% que non xustificaría o reinicio das aspersións.

Neste país andino cun financiamento de 1300 millóns de dólares en axudas externas contra o cultivo da coca, parece que vai mellor o proceso de erradicación de plantas de coca, que nos anos 2000 e 2001 ascendeu ao 46.456 e 79.041 Ha. respectivamente. Isto non significa que non reaparezan algunhas terras clandestinamente repoboadas de novas plantas de coca ou que se desvíe a producción cara a plantas opiáceas coas que se fabrica a heroína.

Resolver o dilema entre cultivos ilícitos e supervivencia vital, vai requirir financiamento, vontade de diálogo e moita imaxinación. A pesares de todo, este camiño desdebuxado vai estar zarrapicado de enfrontamentos e desgraciadamente de máis sangue.