A pequena illa puertorriqueña de Vieques é moi de cando en vez actualidade nos rotativos de gran tirada mais dende o ano 99, sobre todo, vén desenvolvendo unha serie de pequenas accións de resistencia que desembocaron a finais do pasado mes de abril na intensa campaña de desobediencia civil que rematou con máis de 140 detidos ás portas da base militar que a U.S. Navy posúe na illa.
Dende que entre os anos que van de 1942 a 1950 o Goberno norteamericano expropiase 25.360 acres de terra á poboación obtendo o control do 75% da illa, a poboación civil (actualmente 9.444 habitantes) foi desprazada ó centro da illa, polo que os seus nove asentamentos están rodeados dende entón polos almacéns de municións e polo campo de tiro da base norteamericana.
Deste xeito as protestas, que xa no ano 78 enfrontaron ós botes dun grupo de pescadores romanticamente armados con hondas fronte ós barcos de guerra da OTAN, teñen dende abril do 99 (ano no que unha bomba dos marines acabara por un erro coa vida dun civil) unha frecuencia inusitada, provocando a detención de centos de puertorriqueños ó intentar situarse como escudos humanos fronte ós bombardeos. Só en maio do 2000 houbo 224 detidos.
A víctima civil (xunto cos bombardeos con uranio reducido do mesmo ano, no que un Harrier disparou tamén por erro 253 balas das que só se recuperaron 57), provocou que o anterior gobernador de Puerto Rico Pedro Roselló, recién derrotado do intento de integración nos Estados Unidos no referendo do 98, encargase a unha Comisión Especial un informe sobre a posición oficial que debería asumir en relación coas actividades da Mariña norteamericana. Os expertos chegaban á conclusión de que o papel desta non fora outro que evitar que se desenvolvesen actividades económicas de importancia na illa, que amosa unha total incapacidade para atraer investimentos privados e un ingreso medio un 40% menor á media do turístico irmán maior Puerto Rico.
A pobre calidade de vida dos viequenses (no censo do ano 90 un 73,3% da poboación atopábase en niveis de pobreza extrema cun paro do 50%) que se adican a unha pesca moi afectada polas actividades militares que antes xa remataran coa cana e a agricultura, vén alentando un clima de frustración, coraxe e impotencia, máis cando pertencendo a Puerto Rico, a máis rica das illas grandes do Caribe, non se beneficia en absoluto da súa proximidade. Así teñen tamén un impacto mínimo os 300 millóns de dólares cos que a Mariña norteamericana contribúe á economía da illa, probablemente retidos en mans intermedias.
Ademais do aspecto económico o Informe do 99 analizaba moi polo miúdo os efectos que sobre o medio ambiente, a saúde (dánse niveis alarmantes de cancro) ou a educación tiñan as operacións da Mariña, así como as negativas desta de lle dar resposta a numerosas anomalías provocadas pola súa actuación. Nese senso, e por dar un exemplo, un estudio científico da propia Mariña non explicaba como as fontes de auga potable de pobos situados a 14 Km. da área de tiro aparecían contaminadas por tóxicos coma o TNT, o tetryl ou o RDX.
As actividades da Mariña reanudáronse (tras dous anos de suspensión polos incidentes do 99) o pasado 27 de abril, alegando non dispor de outro lugar no Atlántico para practicar con fogo real e cos resultados que xa coñacemos. Mais por primeira vez o consenso entre os tres partidos políticos de Puerto Rico (o Popular Democrático da gobernadora Sila Mª Calderón partidario do mantemento do status, o integracionista Partido Nuevo Progresista e o máis novo Partido Independentista) foi unánime. O Goberno de Puerto Rico presentóu perante un Tribunal de Washington unha demanda contra o Executivo norteamericano no que pedía a paralización da reanudación dos bombardeos alegando unha lei do ruido (foi rexeitada), e un nutrido grupo de celebridades puertorriqueñas como o bailongo Ricky Martin, o magnético Benicio del Toro ou o xa tradicional Edward James Olmos (ademais da inestimable presencia dun Kennedy) encheu senllas páxinas do New York Times e do Washington Post pedindo ó Presidente Bush o cesamento dos bombardeos.
Máis aló de que sexa esta a razón da aparición de Vieques nas páxinas internacionais da prensa, Vieques pode se-lo primeiro paso da gobernadora Calderón (formada nos States e ex vicepresidenta do Citibank) para redefinir a ambigua relación que Puerto Rico mantén con Washington, e co Pentágono, dende hai 103 anos. A illa, estratéxicamente situada no Caribe a poucos quilómetros das costas de Florida e Cuba, tén o status de Estado Libre Asociado ós Estados Unidos dende 1952 e os seus habitantes teñen nacionalidade norteamericana, pero nin votan nin pagan os impostos do resto do país, sendo a súa presencia no Congreso dos USA testemuñal. A só 11 Km. de Puerto Rico a illa de Vieques é base militar da OTAN dende 1941.
Calderón trata agora de que o Presidente Bush, moi atento ó seu electorado hispano (o seu latinos, estamos contigo! chegóu ó corazonciño de hispanofalantes de todo o mundo demostrando que o seu dominio do español é só comparable ó do propio inglés), dea a Puerto Rico un status de nación máis favorecida, co que acadaría axuda económica e identidade nacional dun só golpe.
Nos vindeiros meses Puerto Rico volverá a ser actualidade, como cada ano, polo concurso de Miss Universo, pero á parte destas frívolas afeccións, o pobo de Vieques vén demostrando que a tradicional preguiza latina e o conformismo dos pobos colonizados son a mellor arma da República Imperial, e que isto non vai con eles.
